Encontro Galeusca 2024. Tradución e internacionalización literaria

Fundada formalmente en 2008, e con precedentes de encontros anuais históricos celebrados desde 1984, a Federación Galeusca está formada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC). Representa case 2800 autoras e autores, tanto escritoras/es como tradutoras/es, retomando neste 2024 a súa actividade pública no décimo aniversario do seu último encontro.

O eixo vertebrador deste encontro é a tradución como vía de internacionalización literaria: como a conversa entre literaturas escritas en diferentes linguas pode contribuír á superación das fronteiras administrativas e culturais, á vez que fomentar a promoción e a difusión das literaturas galega, vasca e catalá nun contexto global.

Terá lugar o 29 de maio de 2024 en Ca n’Alcover (Carrer de Sat Alonso, 27, Palma de Mallorca), con entrada libre.

programa previsto é o seguinte:

12:30 h. – Lectura da Declaración de Palma. Rolda de prensa aberta ao público xeral. Con Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Joxemari Carrere, representante da Euskal Idazleen Elkartea (EIE), e Sebastià Portell, presidente da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC). 18:00 h. – Diálogo entre tradutoras/es: «A tradución como unha ferramenta de internacionalización de literaturas minorizadas». Con Garazi Arrula, María Reimóndez e Lluïsa Soaz.
19:30 h. – «De ida e volta»: recital poético-musical en catalán, éuscaro e galego. Coa voz poética de Sebastià Alzamora, Castillo Suarez e Marga do Val, e co acompañamento musical de Clara Fiol Dols.

Esta actividade conta co apoio de CEDRO e a Institució de les Lletres Catalanes, xunto coa colaboración da Obra Cultural Balear e Ca n’Alcover 

Máis información aquí: https://www.aelg.gal/actividades/federacion-galeusca/2024/5/29/encontro-da-federacion-galeusca-2024

A AELG nomea a Joseba Sarrionandia como Escritor Galego Universal 2024

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor e tradutor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi.

O autor recollerá o seu Premio honorífico como Escritor Galego Universal, no marco da Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2024, que terá lugar o 11 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Previamente, o venres, sexta feira, 10 de maio, a partir das 19:30 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), terá lugar un coloquio coa presenza de Joseba Sarrionandia, acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Isaac Xubín, escritor e tradutor da súa obra ao galego.

Máis información aquí: https://www.aelg.gal/actividades/escritora-galegoa-universal/2024/1/1/escritor-galego-universal-2024-joseba-sarrionandia