A colombiana Carolina Rueda e o galego Quico Cadaval actuarán no Salón Teatro de Santiago o vindeiro 18 de abril ás 20 horas
A actuación destes dous referentes do mundo dos contacontos é un adianto da undécima edición do Festival Atlántica que se vai celebrar en xullo
As entradas xa están á venda na web de Eventbrite ao prezo de 8 euros
A colombiana Carolina Rueda e o galego Quico Cadaval van protagonizar o espectáculo Quentando motores para Atlántica, un adianto da undécima edición do encontro de narración oral que se celebrará en xullo. A cita con estes dous mestres dos contos será o vindeiro 18 de abril no Salón Teatro de Santiago ás 20 horas e as entradas xa están á venda na web de Eventbrite ao prezo de 8 euros.
Carolina Rueda e Quico Cadaval son referentes da narración oral de cadanseu país. Colombia e Galicia teñen na arte de contar historias un dos cernes da súa cultura. Nos dous países conta contos unha porcentaxe altísima das persoas. As máis sen cobrar. Mais hai un número cada día maior que fixo de contar historias a súa profesión. Os relatos saen das tabernas, dos fiadeiros, dos autocares e dos mentideiros para entraren nos teatros e no ámbito académico. A arte ancestral que vén das lareiras primitivas converteuse nun dos emblemas da modernidade. Algo tan simple como contar historias en voz alta. Aínda que ás veces Rueda e Cadaval non o fan tan sinxelo. Nas súas narracións aparecen, cando menos se espera, elementos sorprendentes que alteran as peripecias, bifurcan a trama, escurecen o camiño e toldan o río da acción.
Cadaval e Rueda coñecéronse no 2002 en Lima, no festival Déjame que te cuente. Dende aquela atopáronse nunha morea de eventos e nalgúns partillaron palco e público, como en Atlántica, sen ir máis lonxe. Artisticamente coñécense ben, por iso puideron escoller o repertorio un da outra e viceversa. Todo comezará pola frase “Bótalle aquel tan bo…”. Aparecerán, abofé, algúns éxitos do dúo. Clásicos como a historia dos ladróns que asaltan unha pastelaría ou o da gata que adopta uns pitiños que un accidente de tránsito deixara orfos. Nos outros contos non han de faltar o misterio, o erotismo, o espanto, o tráfico de arte, a violencia en locais de lecer e un etcétera que se desvelará neste petisco do Festival Atlántica 2023.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.
QUENTANDO MOTORES PARA ATLÁNTICA Carolina Rueda (Colombia) e Quico Cadaval (Galicia) 20:00 h | Salón Teatro (Santiago de Compostela) | 8 euros Público adulto | Castelán e galego Entradas: https://QuentandoMotoresAtlantica.eventbrite.es Día da función: 2 horas antes do espectáculo na taquilla do Salón Teatro
· Rueda, mestra de contadores con máis de trinta anos de experiencia, brindará unha sesión do espectáculo infantil e familiar ‘Contos cantados, cantos contados’
· O espectáculo será na Biblioteca Pública Juan Compañel este sábado ás 12 horas e terá entrada gratuíta pero cómpre reservar previamente o convite
Os cativos de Vigo van ter a oportunidade de gozar coas historias da colombiana Carolina Rueda, unha das narradoras máis importantes do seu país. O espectáculo familiar ‘Contos cantados, cantos contados’ será na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e chega a cidade olívica grazas á colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e mais a rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Aínda que a actividade é gratuíta, para asistir cómpre reservar o convite na biblioteca ou ben no teléfono 886 120 445.
En ‘Contos cantados, cantos contados’ Carolina Rueda mestura cantos e historias colombianas e universais. Nun espectáculo divertido e brincador, a contadora establece un dialogo cos nenos e cos pais en homenaxe á memoria, aos medos, á familia e á amizade. Historias da tradición oral caribeña, cashinagua e española alternaranse con contos de Kipling e dos irmáns Grimm, entre outros.
Carolina Rueda ten máis de trinta anos de traxectoria profesional no mundo dos contos pero tamén como impulsora da narración oral como instrumento de xestión e ferramenta social en ámbitos educativos, políticos e artísticos. Como artista adoita realizar adaptacións, obras derivadas e versións libres, de autores da literatura universal e versións de relatos da tradición oral do mundo.
Como xestora e programadora coordina desde 1990 a mostra de contadores do Festival Iberoamericano de Teatro de Bogotá. Tamén participa como profesora convidada e regular en programas de adquisición do idioma español como segunda lingua en programas de literatura, educación a distancia e artes escénicas nas universidades estadounidenses de Cornell, Miami, e Denison, pero tamén en institucións de España, Perú e Chile.
Ao longo destes trinta anos de carreira xa pasou por escenarios como a Casa de América, o Teatro Cuarta Parede, o Centro Cultural da Villa, o Círculo de Bellas Artes en Madrid, o Teatro Nacional, o Teatro Leonardus, o Auditorio León de Greiff, o Teatro Municipal de Cali, o Teatro de Bellas Artes Medellín e as feiras do libro de Madrid, Valencia, Torrent, Bogotá e Bos Aires. Alén diso, é unha artista habitual de festivais de narración oral en países como Estados Unidos, México, Costa Rica, Venezuela, Perú, Ecuador, Brasil, Chile, Arxentina, Portugal, España, Francia e, por suposto, Colombia.
Contos por todas Galicia
O Festival Atlántica vaise inaugurar oficialmente o vindeiro 30 de xuño e desenvolverá un intenso programa de actividades ata o 9 de xullo. Ao longo deste encontro internacional de narración oral, 42 artistas protagonizarán as 94 funcións programadas que chegarán a 24 concellos de toda Galicia. Nesta edición, ademais de Vigo, haberá actuacións nas localidades de Ferrol, Teo, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Padrón, Paderne, Zas e Santiago de Compostela.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.