Carmen Conde presenta este sábado na Casa-Museo Manuel María o seu espectáculo O QUE NON ESTABA ESCRITO

A narradora oral, dramaturga, actriz e directora, Carmen Conde estará, este sábado, 30 de novembro, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María para contar O que non estaba escrito.

Unha contada onde Carmen falará de curas que se namoran, feixes de millóns en casas de pobres, bebés nados de hortas, mulleres evanxelizadoras do pracer ou o primeiro explorador de buracos negros, entre outros…

Carmen Conde leva 20 anos recollendo, escribindo e contando historias. Percorrendo toda a xeografía galega e conversando nos camiños con centos de persoas que lle legaron xenerosamente anacos marabillosos das súas vidas.

O que non estaba escrito, ten este título porque os relatos que vai contar este sábado non estaban escritos (certo!) mais tamén polo extraoficiais e polo especiais que son! Inspirados en todo canto apañou da oralidade, ficcionados pola propia narradora nunha mestura indistinguíbel entre realidade e imaxinación e devoltos á voz falada, a través de narracións desta sesión para público adulto. Unha escolma en que até a vida máis anónima roza o improbábel e a maior normalidade choca co delirio.

Para asistir a este espectáculo dirixido ao público adulto é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621

O espectáculo ASTROLABIOS, con Carmen Conde, este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 10, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María programarase ASTROLABIOS, un espectáculo cósmico de narración oral para crianzas (a partir de 6 anos) e público familiar.

“Astrolabio” é unha palabra que vén do grego que significa “buscador de estrelas”. Durante unha hora, coa axuda da narradora oral e actriz CARMEN CONDE, converterémonos en buscadores de estrelas nunha viaxe ao espazo exterior con cohete e todo!
Nesta sesión de contos, Carmen Conde vainos facer un percurso para coñecer o ceo desde as diferentes culturas, mitos e lendas da Terra.
Grazas a elas saberemos onde queda o norte, aprenderemos sobre algún planeta, descubriremos como din que se creou este en que vivimos nós. Entenderemos as fases da lúa, para que serviron no seu día os eclipses, que a Vía Láctea é en realidade o camiño das estrelas e que se reúnen en constelacións, igual que as familias se reúnen nas festas.
Baixaremos a lúa do ceo, teremos o Sistema Solar completo nas mans e mesmo veremos nebulosas de perto.

Para asistir é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621