Arredor de CANTIGAS PARA APRENDER A SOÑAR
Nun primeiro momento, dada a traxectoria temática da miña escrita, sen ningún vencello co eido da denominada literatura infantil, consideraba que, se cadra, era un exercicio de ousadía ou de irresponsabilidade pola miña parte realizar unha opinión e, daquela, amosala ao público lector, de Cantigas para aprender a soñar, un poemario cativador co que a súa autora, a chairega María Xosé Lamas, nos agasalla neste enceto do 2016, despois de que tivese gañado con el a sétima edición do Premio Arume de Poesía para Nenos convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas.
Mais, despois de encamiñarme novamente na súa lectura, unha vez tomara corpo de obra impresa, (xa antes o fixera cando aínda non pasaba de ser unha especie de feto dixital), sentinme afortunado por gozar destes versos que amosan unha transparencia e familiaridade temáticas, que os fai atraentes conforme un avanza polo sendeiro que se vai debuxando ao longo de cada unha das estrofas. E a iso temos que xunguir a alta dose de lirismo subxectivo que a autora deixa impregnado nas palabras, dispostas de modo tan atinado que un halo de musicalidade as envolva para que o pracer da lectura non pare de multiplicarse.
Afirma a mesma María Xosé Lamas, nunha entrevista publicada no xornal El Progreso, que para escribir este libro tivo que volver ser nena. Pois, un proceso semellante realiceino eu cando principiei a romaría versal por Cantigas para aprender a soñar; e non de xeito forzado, senón empurrado por esa ninfa da memoria que me levou, querendo eu tamén, a esa etapa remota da nenez que eu experimentei e vivín pola xeografía física e, ás veces, imaxinativa de Xoibán, o meu berce, (ou, como eu digo sempre, ese pequeno recuncho perdido na inmensidade da Chaira), e ao carón de meus pais, uns labregos que me amosaron que a terra, a nosa enxebreza, había que amala coma outro fillo máis. Algo semellante abrolla das páxinas deste libr
o, onde a autora nos propón que esa canle comunicativo-afectiva non fique enxoita, senón que por ela flúa un regueiro no que compartir experiencias e lembranzas entre seres de distintas xeracións (pais e fillos, por ex.), máis aló dun simple e rutineiro acto de comunicación.
Cantigas para aprender a soñar ten o extraordinario poder dos bos poemarios: implica de xeito emocional ao lector e convídao (convídanos) a que fagamos unha reflexión sobre a vida que percorremos e a paisaxe tanxible ou non que visualizamos nese percorrido e como nos relacionamos con ela. Parafraseando unhas verbas doutro gran poeta, Luis Alberto de Cuenca, atrévome a dicir que María Xosé Lamas olla sempre o mundo dende a perspectiva de poeta e despois verte esa mirada nun río de versos. Así acontece aquí. A voz poética que María Xosé debuxa neste poemario é diáfana e tocada por unha auréola de accesibilidade e divertimento; sen esquecer a súa vocación de ensinante, coa cal propicia a conxunción das emo
cións co coñecemento, da vida coa literatura.
Atopámonos con estruturas versais que van de algo tan absoluto e distante de nós, como pode ser o ritmo dos astros: esa xigante Lúa/ coroando o ceo,/ con grandes meniñas/ axexa luceiros; ou ese sol, de nome Lourenzo, que alumea a terra, espantando as sombras. Paseando por un esbozo alegre e feiticeiro dun universo de galaxias, constelacións, planetas, incluído Plutón (porque na época da nena María Xosé, dito astro aínda non fóra condenado ao ostracismo dentro da nomenclatura planetaria). E sen esquecer o lirismo deses versos que enxalzan fenómenos máis achegados ao devir existencial dun ser infantil, tal son as etapas do día, relacionadas coas vivencias tamén cotiás desa nena que ten medo á noite e desexa que abrolle a luz do día, que sofre os efectos da preguiza para erguerse, mais cando o fai sente ledicia de ver o sol e di: Un día de sol,/ un día de festa!; que goza do instantes de lecer co resto dos nenos; que ansia o pracer que lle produce a merenda; que sente a obriga de deixarse caer nos brazos de lenzo abertos desa cama que por ela agarda para durmir até o na
cemento dunha nova xornada. Mais tampouco faltan esas cantigas que evocan a etimoloxía dos días da semana, ou que narran a través de ollos infantís esa relación entre a natureza e a vida que vai acaecendo en cada mes do ano ou en cada ciclo estacional.
Cantigas para aprender a soñar, tal e como leva implícito no título, invita aos lectores (adultos e nenos) a cantar e soñar. A cantar para dignificar a ledicia de vivir. E a soñar para crer que un mundo é mellor e que está nas nosas mans realizalo e gozar del.
Porque este poemario, aínda que semelle circunscribirse ao eido da literatura infantil, coido que non está pensando soamente para unha lectura exclusiva por parte daqueles que se encontren no período da nenez, senón que debe utilizarse tamén para que ese vínculo entre o adulto (pai/nai) e o neno/-a (fillo/-a) se sublime nun proceso comunicativo no que uns e outros consigan afondar no coñecemento mutuo, sen que a comunicación rache e, ao mesmo tempo, adquira un carácter lúdico-afectivo.
Daquela, permitídeme que conclúa argumentando que Cantigas para aprender a soñar establece un exercicio memorístico (eu, todos teremos a oportunidade, ao lelo, de sentirnos novamente nenos xunto aos que aínda o son) e grazas a dito exercicio podemos amosar o relato do que fomos e do que somos. Engadido ao anterior aparece un exercicio didáctico (a memoria do vivido, do que fomos axuda a que llo transmitamos aos que nos suceden para que eles, chegado o momento, tamén o fagan). E, finalmente, virá un exercicio lúdico: debemos recordar e ensinar ou transmitir desfrutando de tal tarefa, non de xeito impositivo, para que a mensaxe transmitida vaia permanecendo para sempre na memoria e no corazón dos seus receptores, para que poida ser prorrogada no elo emotivo-temporal.
Non vos canso máis, só me resta animarvos e convocarvos a que compartades esta festa dos soños a través da palabra e a música que a nena-poeta María Xosé Lamas argallou para todos/-as neste universo máxico chamado Cantigas para aprender a soñar.
*[Este texto foi escrito aló polo febreiro de 2016, cando se presentou o libro en Vilalba. En vindeiras datas, disporemos das palabras maxistralmente elaboradas por Antonio García Teijeiro e que acompañaron a presentación deste poemario en Vigo]