Andanzas do Suso de Lameliña. CÁNDIDO DO FRESNO
CÁNDIDO DO FRESNO
Cándido do Fresno era o home máis feo da bisbarra. Se me apurades, da provincia, mesmo do Planeta. A súa fealdade era tal, que a nosa lingua carece de cualificativos para describila. Mais, tiña outras cualidades non menos valiosas. Cualidades que foron descubertas por primeira vez por Rosiña dos Paderne. A familia dos Fresno e dos Paderne tiñan as leiras e os prados contiguos. Unha tarde destas cálidas de verán na que, moza e mozo, cada un na súa propiedade, estaban alindando as vacas, sentiron a necesidade de acalmar a ardente asura que de súpeto se apoderou deles e, alí mesmo, debaixo dunha rebola centenaria, propiedade dos Paderne, deron renda solta aos seus instintos máis básicos. A partir daquela a fama da virilidade do fillo máis novo dos Fresno, empezaría a espallarse por toda a comarca, coma se dun andazo se tratase. A encargada do feito foi Rosiña, que amiga coa que se atopaba alí lle ía co conto.
Cándido nunca chegou a casar. Que muller ía querer ser vista amarrada da man daquel espantallo? Xa digo, arrepiaba ollar para el, ata o punto que atoparse, de sorpresa con el, xa non digamos de noite, producía verdadeiro terror. Pero claro, despois do exposto por Rosiña, a quen non se lle apetecía comprobar as habelencias carnais do mozo?
Tras Rosiña viñeron outras e outras, engrandecendo así a lenda de Cándido do Fresno. Xa se sabe, “cría fama e bótate a durmir”; moitos dos casos eran certos, pero tamén un bo número deles falsos. O caso que neno que viña ao mundo, traía consigo a dúbida: “Mira que feíño é, para min que che é do Cándido”. Incluso se saían ben guapiños, sempre había algunha ou algún que lle sacaba un parecido co sospeitoso pai.
Pero non só eran as mulleres as que sentían atracción por el, dise que máis dun mozo gozou en carne propia das súas pericias amorosas. Historias que se comentaban moi en segredo, bisbando, mesmo con medo. Xa se sabe como estaban vistas naqueles tempos e, aínda hoxe, estas prácticas.Un dos sospeitosos de ter encontros deste tipo era o señor crego. Un home, uns dez anos maior ca el,con fama de mullereiro, a quen se lle atribuía a paternidade de todo aquel meniño que nacía antes do acontecido aquela tarde de verán debaixo da rebola dos Paderne. Fama que ficou eclipsada coa aparición en escena de Cándido. Desde entón non se lle volveu relacionar con ningún nacemento, aínda que todo o mundo sabía, que á parte de sentirse atraído polo do Fresno, non deixara de usar os seus encantos coas mozas e non tan mozas freguesas.
Foron pasando os anos e a lenda en aumento. Chegou a chamada do Señor e o bo do Cándido alá se foi. Hoxe, segundo os propios veciños, na parroquia ( non desvelarei o nome da mesma, por respecto), moitos e moitas son descendentes do noso protagonista. E abofé, que hai bastante de verdade neses ruxerruxes. Só chega con ollar para as facianas de moitos e moitas veciñas, e sospeitar a súa orixe. Algo que acabaron por levar con absoluta normalidade, ata o punto de que , quen máis, quen menos, vangloriarse de ser fillas ou fillos do xa lendario Cándido do Fresno.