Caamaño&Ameixeiras únense a Rodrigo Cuevas para resignificar o pasodobre en “Catro Cousas”

Catro cousas é un pasodobre desubicado. 

Nel, Caamaño&Ameixeiras e Rodrigo Cuevas recollen a linguaxe militar e taurina que caracteriza a este xénero para despois apropiarse del, reinterpretándoo e revestíndoo dunha mordaz pero elegante ironía. Do mesmo xeito, tamén é unha canción de amor, pero ao revés do común. De amor cara adentro, cara unha mesma. De empoderamento feminino e de autocoidado. De querernos a nós primeiro. De saber dicir “catro cousas” cando fai falta.

Catro cousas foi gravado en directo, abrazando o natural e o espontáneo da música ao vivo. Aprendido ao enorme Florencio, o cego dos Vilares, que á súa vez o aprendera de La Pastorina grazas á radio, Caamaño&Ameixeiras revisitan este pasodoble e atopan como complemento perfecto a voz de Rodrigo Cuevas, referencia indiscutible no panorama actual da música de raíz.

O tema chega acompañado por un precioso videoclip, dirixido por Jorge Rojas e gravado no Parque do Pasatempo de Betanzos, considerado BIC (Ben de interese Cultural), actualmente en proceso de restauración e considerado “un dos xardíns máis extraordinarios e desconcertantes de Europa”.

Sobre a experiencia de traballar con Rodrigo, o dúo galego comenta: “A experiencia foi incrible. Xa sabiamos que Rodrigo era un artista tremendamente talentoso, pero tamén puidemos descubrir que a súa calidade humana non o é menos. É unha persoa moi xenerosa e foi moi fácil traballar con el, moi fluído e moi inspirador para nós”.

Sobre o proceso de composición e gravación, engaden: “dende o primeiro momento houbo moita conexión entre os tres, e a súa forte personalidade artística permitiu levar o tema a outra dimensión. O proceso de gravación foi moi fermoso. Gravamos en vivo, abrazando a naturalidade e espontaneidade que conleva”.

A localización no Parque do Pasatempo tamén xoga un papel fundamental á hora de outorgar sentido e forza ao sinxelo. “O Pasatempo é un lugar máxico, e tiñamos claro que era o escenario perfecto para o que queriamos contar e transmitir no videoclip. Ademais, persoalmente para Sabela foi especial volver a visitar este espazo que tanto visitara na súa infancia, agora dende unha perspectiva diferente e cunha mirada diferente. Tamén foi moi poderoso volver ocupar temporalmente un lugar como este, cunha decadencia que nos resulta completamente magnética”.

Os tres artistas interpretarán o tema por primeira vez no concerto de Rodrigo Cuevas os próximos 19 e 20 de decembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela, con todas as entradas vendidas.

O dúo Caamaño&Ameixeiras presenta AIRE!, este próximo sábado 29 de maio, na Casa-Museo Manuel María

CAAMAÑO&AMEIXEIRAS PRESENTA O SEU PRIMEIRO TRABALLO DISCOGRÁFICO, AIRE!ESTE SÁBADO, 29 DE MAIO, ÁS 19 HRS, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

Caamaño&Ameixeiras é un dúo ligado á música e ao baile de raíz. Formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) en 2018, acumula, na súa curta pero intensa traxectoria, un gran número de concertos, tanto dentro da Galiza, como no ámbito internacional.

De natureza principalmente instrumental, aínda que incorporando tamén algún tema vocal coidadosamente escollido, Caamaño&Ameixeiras toma como punto de partida a tradición, entendida como algo vivo e en constante cambio, para crear despois a súa propia linguaxe, con composicións e arranxos personais e íntimos que manteñen a esencia do popular mais incorporan recursos contemporáneos.

Aire! é o seu primeiro traballo discográfico, producido polo recoñecido músico burgalés Diego Galaz, onde contan con colaboracións tan destacadas como Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel·les Carod ou El Pana 

Eis o vídeo do primeiro single de Aire! www.youtube.com/watch?v=wBfigJwLUC4

Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Billete 5 euros.