O espectáculo CONTOS ENTRE CORDAS, con María da Pontragha e Bleuenn Le Friec, na Casa-Museo Manuel María
Este sábado, 18 de marzo, ás 20 horas, a narradora oral MARÍA DA PONTRAGHA, e a arpista BLEUENN LE FRIEC presentarán o seu espectáculo CONTOS ENTRE CORDAS na Casa-Museo Manuel María.
Coa palabra e a música idearon a maneira de achegar a arpa e o seu repertorio a lugares onde non se adoita escoitar. No seu espectáculo mostrarannos o vínculo entre as rosquillas e a música romántica, entre a tradición oral galega e o repertorio da arpa clásica, entre os contos e as cordas.
A actividade vai dirixida para todos os públicos e para asistir hai que reservar (billete 5 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
María da Pontragha é educadora e antropóloga, desde sempre mantivo unha ligazón moi forte coa tradición oral, tanto a través da música coma da palabra en si. En 2009 comezou a súa andaina no mundo da narración centrándose en todo o que rodea a oralidade. Na música, María fai parte, como vocalista, dos grupo Bouba e Sacha na horta.
Bleuenn Le Friec é unha arpista bretoa, galega de adopción. Aprendeu a tocar a arpa celta no ámbito da música tradicional bretoa. Despois emprendeu o estudo da arpa clásica e é con este instrumento que desenvolve hoxe a súa vida musical (Real Filharmonía de Galiza, Orquesta del Gran Teatre del Liceu, …) como na música de raíz galega (Zumaque, Uxía, Carlos Núñez, Xoan Curiel,…).