IRIBARNE chega esta fin de semana a Santiago de Compostela coas xa entradas esgotadas
O Auditorio de Galicia acolle este sábado 20 de xaneiro, ás 19.00 horas, o novo espectáculo de ButacaZero, unha revisión da figura de Fraga en clave de humor escrito por Esther F. Carrodeguas, con dirección de Xavier Castiñeira
A función enmárcase dentro do ‘Foco Esther F. Carrodeguas’, programa de Compostela Cultura que esta temporada reunirá tres dos máis recentes traballos da dramaturga e actriz coa súa compañía ButacaZero: a mencionada IRIBARNE e as pezas O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada e Rapadas, que se van representar xa no mes de maio
Ademais, o venres 19 de xaneiro, ás 19.00h, tamén no Auditorio de Galicia, Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira ofrecerán un encontro aberto ao público dentro das accións #conversando promovidas por Compostela Cultura
IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia
Este sábado, 20 de xaneiro, ás 19.00 h, IRIBARNE, o novo espectáculo de ButacaZero, aterra en Santiago de Compostela, coas entradas xa esgotadas desde hai semanas. Trátase da celebrada revisión da figura de Manuel Fraga Iribarne en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas, con dirección de Xavier Castiñeira. A peza foi estreada con éxito en Galicia a pasada fin de semana, no concello natal do político, Vilalba, con todo o patio de butacas en pé entre aplausos ao finalizar a obra.
A función que chega agora a Santiago enmárcase dentro do ‘Foco Esther F. Carrodeguas’, programa de Compostela Cultura que esta temporada reunirá tres dos máis recentes traballos da dramaturga e actriz coa súa compañía ButacaZero: a mencionada IRIBARNE e as pezas O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada (proposta en primeira persoa na que Carrodeguas se ispe ante o público falando de gordofobia) e Rapadas (lectura performativa sobre as rapadas da Guerra Civil española que acontecerá na Igrexa da USC), que se van representar xa no mes de maio.
Máis aló da función do sábado 20, o venres 19 de xaneiro, ás 19.00h, tamén no Auditorio de Galicia, os artistas ofrecerán un encontro aberto ao público dentro das accións #conversando promovidas por Compostela Cultura (de acceso libre ata completar a capacidade da sala).
Logo da súa celebrada presentación en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo esgotando todas as entradas e acadando o aplauso unánime do público e da crítica, este 2024 IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia-atópase de xira por toda a xeografía galega e numerosas cidades españolas, con datas xa confirmadas en Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ribadavia, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Tomiño, Cangas, Narón, Miranda del Ebro, Bilbao e Vitoria.
IRIBARNEé o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”.
Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.
Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e embarcarse neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.
POSTA EN ESCENA
A montaxe está formulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.
A posta en escena de IRIBARNEofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga– se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.
Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?
SOBRE A COMPAÑÍA
ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiños, Despois das ondas, 32m2, Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.
Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica.
Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas, case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.
MÁIS INFO:
XIRA IRIBARNE | DATAS CONFIRMADAS
Vilalba ESTREA EN GALICIA
Auditorio Municipal Carmen Estévez | sábado 13 xaneiro | 19.00 h
https://entradasvilalba.es/evento/teatro/iribarne-1 | ENTRADAS ESGOTADAS
Santiago de Compostela I Auditorio de Galicia | sábado 20 xaneiro | 19.00 h
https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/iribarne | ENTRADAS ESGOTADAS
Miranda del Ebro I Teatro Apolo | venres 26 xaneiro | 20.30 h
Pontevedra I Pazo da Cultura de Pontevedra | xoves 8 febreiro | 20.00 h
Barco de Valdeorras I Teatro Municipal Lauro Olmo | venres 23 febreiro | 21.00 h
Vilagarcía de Arousa I Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa | 24 febreiro | 20.00 h
A Coruña | Teatro Rosalía de Castro | venres 15 e sábado 16 marzo | 20.30 h
Lugo I Auditorio Municipal Gustavo Freire | xoves 11 abril | 20.30 h
https://entradaslugo.es/evento/iribarne?type=teatro
Tomiño I Auditorio Municipal de Goián | sábado 20 abril | 21.00 h
Cangas I Auditorio Municipal de Cangas (Auditorio Xosé Manuel Pazos) | ¡ 4 maio | 20.00 h
Bilbao I Teatro Arriaga | xoves 9 maio | 19.30 h
https://www.teatroarriaga.eus/programacion/iribarne/#entradas-arriaga
Narón I Pazo da Cultura | sábado 18 maio | 20.00 h
Vitoria I Teatro Principal de Vitoria | venres 7 xuño | 19.30 h I https://principalantzokia.janto.es/
Ribadavia I Auditorio do Castelo | MIT Ribadavia 2024 (19-27 xullo)
20240117-NP-Compostela-IRIBARNE