UTOPÍAS, con Atenea García, un espectáculo de narración oral este sábado, 10 de xullo, na Casa-Museo Manuel María, dentro do Festival Atlántica
Este próximo sábado, día 10 de xullo, ás 19 horas vai estar na horta da Casa-Museo Manuel María a narradora oral ATENEA GARCÍA, cun espectáculo para público infantil e familiar (+3 anos) que leva por título UTOPÍAS. A entrada é gratuíta mais cómpre anotarse a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do whatsapp 698177621.
Utopías é un espectáculo dirixido a todos os públicos que combina a narración oral e a manipulación de obxectos. A través de diversas historias iremos descubrindo eses mundos invisíbeis que nos rodean, eses outros xeitos de vivir. Ratos na procura de novos camiños, rapazas que soben e baixan escaleiras e parrulos, moitos parrulos. Se queres vivir novas aventuras, achégate ao mundo das utopías e déixate levar.
Esta actividade encádrase no Festival internacional de narración oral ATLÁNTICA, que este mes de xullo está a levar historias a distintos lugares de Galiza, entre eles a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei.
Atenea García é actriz e creadora escénica. Titulouse en Arte Dramática pola ESAD de Galicia no ano 2010. Durante os anos 2011 e 2012 viviu na cidade de Bos Aires; onde ampliou a súa formación no ámbito vocal e interpretativo con mestras como Jessica Pinkus ou Ignacio Monna. Trala súa volta a Galicia traballou como actriz no Colectivo Avoayouja formando parte de varias das súas montaxes. No ano 2015 fundou co músico Nicolás Zamorano a compañía Xarope Tulú. Desde o ano 2017 colabora como performer co colectivo Blanco&Roja e coa artista Alba Blanco. No ano 2019 traballou como actriz na montaxe Galego, Neorretranca e posmorriña do Centro Dramático. Na actualidade, Atenea combina o seu labor como actriz en diversos proxectos coa súa actividade como narradora oral.