O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia suma novos concertos á súa novena edición, que terá lugar do 3 ao 7 de agosto

A arpista Anna Amigó

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia suma novos concertos á súa novena edición, que terá lugar do 3 ao 7 de agosto

A arpista catalana Anna Amigó e os paraguaios Hermanos Corbalán actuarán o domingo 7 na inauguración dun novo espazo cultural a ceo aberto nas Cabaniñas do Bosque de Albeida, en Outes, un acto que será o ramo do festival

Os dez concertos que conforman a programación deste IX Noia Harp Fest, entre os que se inclúe a apertura co alumnado das Escolas Xuvenís de Arpa de Galicia, serán gratuítos

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o único certame de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa, incorpora novas artistas e concertos á súa programación. O domingo 7 de agosto as actuacións de Anna Amigo e Hermanos Corbalán serán o ramo desta novena edición do festival. 

A arpista catalana, que participou na pasada edición do Noia Harp Fest (NHF) co seu dúo Formiga and Cigale, incorpórase á programación deste ano para presentar ‘El cançoner r-evolucionat’, un espectáculo de evolución musical e revolución feminina para ser escoitado con todos os sentidos. Amigó extrae do cancioneiro popular catalán numerosas historias de mulleres ás que, no seu momento, acompañaban os labores do campo. Agora estes relatos e melodías inician da man da intérprete un novo camiño. 

Anna Amigó actuará, xunto aos paraguaios Hermanos Corbalán -que ofrecerán o seu primeiro concerto na praza do Tapal o venres 5 ás 23.00 horas-, no evento de clausura desta edición do Noia Harp Fest. Será un concerto especial que terá lugar na noite do domingo 7, ás 22.00 horas, e que suporá, á vez, a inauguración dun novo espazo cultural a ceo aberto nas Cabaniñas do Bosque no lugar de Albeida, parroquia de San Cosme de Outeiro, no concello veciño de Outes

Esta sesión de peche do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que terá lugar nunha contorna natural fascinante, será gratuíto e de entrada libreao igual que todos os concertos que teñan lugar ao longo de toda a edición do evento. Entre eles está o evento de apertura do festival, unha celebración que terá lugar no Liceo de Noia o mércores 3 de agosto. Será un acto no que participará o alumnado das Escolas Xuvenís de Arpa de Galicia, pero no que tamén haberá ocasión de festexar a benvida cunha foliada de arpistas e bailadores.


FESTIVAIS EUROPEOS VISITARÁN NOIA EN AGOSTO


No marco da celebración do Noia Harp Fest, a dirección do festival reunirase con representantes de citas arpísticas europeas. Co soporte de Acción Cultural Española a través do seu programa PICE (Programa para la Internacionalización de la Cultura Española), o Noia Harp Fest programará unha xuntanza o 5 de agosto na que figurarán como convidadas dúas citas internacionais de prestixio: o Zagreb Harp Festival de Croacia, representado pola arpista Tajana Vukelic, e o Arpe del Mondo, de Cerdeña, que contará co arpista Raoul Moretti como convidado. 

A xuntanza, que se celebrará na vila coruñesa, terá como obxectivo a elaboración dun programa común de actividades de colaboración e interrelación entre os tres festivais, dentro da candidatura conxunta que se presentará nos vindeiros meses aos proxectos de Creative Europe que promove a Comisión Europea.

IX NOIA HARP FEST

A novena edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrarase do 3 ao 7 de agosto. No seu cartel conflúen artistas de ámbito galego, estatal e internacional, de estilos diversos mais unidos pola interpretación musical a través da arpa. Artistas e agrupacións como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio, Anna Amigó ou Bleuenn le Friec formarán parte da nova edición dun evento no que a veciñanza gozará tanto ao aire libre  -Praza do Tapal- coma no interior de recintos culturais da vila -Igrexa de Santa María A Nova, Teatro Coliseo Noela- de concertos singulares e dunha notable calidade artística. 

Como é habitual, a veciñanza tamén poderá participar nas clases maxistrais con artistas ou mesmo da construción, en familia, da arpa de San Martiño de Noia. A inscrición previa nestas actividades é necesaria e pódese facer a través do correo obradoiros2022@noiaharpfest.gal

Unha das novidades principais desta edición é a convocatoria do I Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame que nace coa intención de ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, en concerto, da man da Real Filharmonía de Galicia o ano 2023. Todos os detalles da convocatoria, que conta coa colaboración de Turismo de Noia, están dispoñibles no web www.noiaharpfest.gal.


Noia Harp Fest conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e da iniciativa concertosdoxacobeo.gal, e o soporte de Acción Cultural Española a través do seu programa PICE. Tamén conta coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e da distribuidora dixital de música Altafonte, e o apoio tanto do Liceo de Noia coma da Asociación Terra de Outes.

20220714-GAL-NHF-Novos-concertos