O día 26 de maio ás 19:00h na localidade coruñesa de Carnota, Raquel Ferradás estrea o seu espectáculo unipersoal Mesura no marco do Festival Escora, organizado pola Deputación da Coruña.
“Mesura” é un espectáculo que foi creado coa axuda do programa Da Man, un proxecto de acompañamento artístico a emerxentes en danza de AMARELO Distribución Escénica e Manu Lago patrocinado pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico. Raquel foi a artista seleccionada nesta primeira edición tras convocatoria pública.
Sinopse:
A vida fala e estamos en constante cambio, na búsqueda do equilibrio, sen pasarnos de máis nin de menos.
MESURA báilalle á espera en diferentes momentos da vida. En xeral, á inquietude e preocupación que xenera.
Soster, refuxiarse no movemento, adaptarse ás transicións e avanzar.
Comenzar de cero é sobrevivir no presente. Non hai pasado no cero.
Hai que saber convivir coa espera para ver o mundo aos ollos.
Ficha:
Dirección, coreografía e interpretación: Raquel Ferradás
Colabora: Media Punta Vigo
Vídeo e foto: Javier Costela Vázquez
Acompaña: Da Man – AMARELO Distribución Escénica – Manu Lago – Xunta de Galicia – Centro Coreográfico Galego
Produce: AMARELO Distribución Escénica e Raquel Ferradás
Duración: 18 minutos
Tipo de público: Todos os públicos
Vídeo promocional:
O proceso de creación, por Raquel Ferradás:
“Partín dun reto persoal e da necesidade de contar algo que igual con palabras non sei ou non era tan sinxelo. Sentín que era o momento e o lugar para encerrarme e crear. Foi un ano complicado, con moitos cambios e tiña a necesidade de meditar dende o movemento. Sempre foi a miña vía de escape.”
“O que quería transmitir é a ansiedade que produce esperar en calquer momento ou situación da vida, xa sexa familiar, laboral, amorosa, etc. A espera sen respostas, a incertidume e a forma que temos de convivir con ela. No meu caso, a búsqueda da tranquilidade e paz mental dentro do caos.”
“Estou feliz co resultado. Creo que é unha peza moi persoal na que traballei e seguirei traballando moito. Hai moito que moldear, que seguir investigando, moito que escoitar de ollos externos, compañeiros/as, amigos/as e todo está para seguir crecendo, evolucionando e mellorando, por suposto. Pero xa teño un “pentagrama” claro do que tirar e apostar despois de moitos días de traballo.”
“Ser a primeira artista galega seleccionada no programa Da Man supuxo unha felicidade, moitísima ilusión, motivación e o impulso que necesitaba para confiar e seguir cara adiante coas ideas e o proxecto. Primeiro porque me axudou a por en orde ideas, movementos, imaxes, escribir moito… e despois transmitirllo ao equipo de Da Man, primeiro en forma de dossier e despois en persoa a Lilian Portela e Manu Lago. Dende o primeiro día sentinme apoiada e acompañada por elas no vertixe que supón crear unha peza soa que dirixes e interpretas. Foi unha axuda tanto persoal, como profesional, outra perspectiva diferente ao que podía ver cos meus ollos e tamén un apoio a nivel económico e para situarme no sector e no mercado da danza.”
Biografía:
Raquel Ferradás é bailarina e docente de danza contemporánea e moderna. Formada no Conservatorio Carmen Roche en Madrid (2017) e nos Conservatorios Coppelia e Mayeusis de Vigo, complementando a formación con monográficos de coreógrafas e creadoras de primeiro nivel nacional e europeo.
Actualmente co-produce Mesura, un solo para rúa e espazo non convencional, con AMARELO Distribución Escénica tras o programa de acompañamento a emerxentes Da Man, que se estrena en maio 2024.
Baila ou bailou, entre outras compañías, para Paula Quintas Cía, La Galga, Aracaladanza ou Ballet Carmen Roche.
Foi premiada no Certame Coreográfico Compostela 2021 coa peza Ludo de Cía La Galga e gañadora do Certamen Carmen Roche co dúo De mayor quiero ser… e Los puntos suspensivos que decidas con Lydia Martínez.
Próximas funcións:
26/05/2024 – Carnota – Festival Escora – Estrea
29/05/2024 – Santiago de Compostela – Galicia Escena PRO
AMARELO Distribución Escénica e Manu Lago convocan a artistas emerxentes en danza para ser acompañadas durante un novo proceso de creación durante o 2024.
Da Man nace como un proxecto colaborativo de AMARELO Distribución Escénica e Manu Lago apoiado pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego para o acompañamento na creación de artistas emerxentes en danza seleccionadas mediante convocatoria cos obxectivos de impulsar novas artistas en danza, promover a creación e dinamizar o mercado con novas linguaxes.
As artistas son acompañadas durante o proceso de creación dunha nova peza a través de titorías de contido administrativo, loxístico, artístico, financieiro e de calquera outra temática que o proceso en concreto requira. Durante este acompañamento se lle trasladan os coñecementos e informacións necesarias para realizar unha produción profesional, búsqueda de residencias e recursos económicos, venda e distribución do espectáculo, redes e circuitos e contactos, etc.
Bases da convocatoria:
Que buscamos? -Unha artista emerxente galega. -Unha artista emerxente de ámbito nacional.
Ambas artistas que, sen importar a súa idade, xénero, nin datos biométricos, teñan creados un máximo de 5 espectáculos integrados en circuitos/programacións profesionais e queiran iniciar o proceso de creación dunha nova peza de danza que pode ser en formato tanto de sala como de rúa/non convencional e máximo 2 intérpretes/creadoras.
Que ofrecemos? 1- Un acompañamento 360: facemos un acompañamento en todo o proceso de xestión de compañía, de produción e creación, plan de distribución e calquera outra etapa que contemplen os plans das creadoras. 2- A inclusión da peza no catálogo de AMARELO Distribución Escénica.
Que pedimos? 3 documentos en pdf: 1- Carta de motivación. Máximo 1 páxina. 2- Proxecto no que se mostren as claves da nova creación (formato, equipo, calendario previsto, … e todos os datos que se consideren relevantes). Máximo 3 páxinas 3- CV con links a traballos anteriores (se os hai). Máximo 2 páxinas.
Onde e cando? Prazo de recepción de solicitudes: Ata o 22 de decembro de 2023. Envía a documentación a lilian@amarelo.es co asunto Da Man Galega ou Da Man Estatal segundo corresponda. O día 15 de xaneiro de 2024 publicarase a resolución en redes e web.
Quen somos:
Lilian Portela – é a directora de AMARELO Distribución Escénica Lilian Portela inicia o seu camiño nas artes escénicas no ano 2011, traballando en produción, distribución e xestión para distintas compañías de danza, teatro e música. En 2022 decídese a crear a súa propia empresa e así nace AMARELO Distribución Escénica, un proxecto adicado á distribución nacional e internacional de artes escénicas coa intención de servir de corrente de transmisión entre artistas e programadores e facer chegar ao público espectáculos frescos, atractivos e de calidade. En AMARELO apostamos por compañías emerxentes e novos valores que comezan a destacar no sector. Poñendo o foco na danza e as novas linguaxes, respaldamos espectáculos que procuren seducir a todo tipo de público. www.amarelo.es
Manu Lago – é asesor de AMARELO Distribución Escénica e forma parte do equipo de xestión de A Casa Vella e a Plataforma Sólodos. Máster en Xestión Cultural pola Universitat Oberta de Catalunya (2015), Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2000), Técnico superior en Artes Plásticas pola Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo (2002). É o creador do Arquivo Online da Danza Contemporánea de Galicia e o catálogo de distribución (2017-2022) Galicia Danza Contemporánea Formou parte de proxectos como Festival Abanea, Festival Corpo(a)terra, 6coreógrafas, Paula Quintas Cía, Colectivo Glovo, Pisando Ovos, Matarile Teatro, Teatro Galán, En Pé de Pedra, … Foi o coordinador de PROPULSA Danza + Paisaxe + Patrimonio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22 e coproduciu o espectáculo Clásicas Desfeitas Vol 3 ca Fundación Cidade da Cultura e Centro Dramático Galego, 2021. www.manulago.com
Xunta de Galicia. Da Man é un proxecto apoiado pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego – Agadic. www.industriasculturais.xunta.gal