A Asociación Cultural CALDALOBA e Alvarellos Editora coeditarán o libro “MANIFESTO 25 N. 25 Voces pola Eliminación da Violencia contra a Muller”

A Asociación Cultural CALDALOBA e Alvarellos Editora coeditarán o libro MANIFESTO 25 N. 25 Voces pola Eliminación da Violencia contra a Muller. Nesta edición contarán coa achega económica das Áreas de Cultura do Concello de Vilalba e da Deputación Provincial de Lugo, e a colaboración divulgadora da web Culturalia GZ.

Este libro nace co motivo da conmemoración anual do 25 de Novembro coma Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller. Unha antoloxía que amosará desde unha vertente poética e crítica (textual, imaxinativa, gráfica) a visión particular de 25 artistas da palabra e/ou da imaxe arredor do 25 N.

Cada persoa só poderá achegar UNHA única obra ao seguinte enderezo electrónico info@culturaliagz.com.

A data límite para a recepción de obras será o mesmo 25 de novembro. A continuación realizarase unha selección de 25 obras de todas as achegadas, e que, segundo o criterio da organización, mellor reflictan o sentido da convocatoria.

Cada persoa seleccionada recibirá DOUS exemplares do libro editado, quedando os restantes para a realización, dentro do posible, de presentacións da publicación e como xeito de concienciación fronte a esta lacra social.

Presentación de “Cartafol de Miraxes”, de Aleixandre Lago Barcala, obra gañadora do XLIV Certame Literario de Poesía do Concello de Vilalba



Este xoves día 9 de maio, ás 20:00h no salón de actos “Terra Chá” do Parador de Turismo de Vilalba celebrarase a presentación do libro “Cartafol de Miraxes”, de Aleixandre Lago Barcala, gañador do XLIV Certame Literario de Poesía do Concello de Vilalba.

Participarán no acto, ademais do propio autor do libro, Xulio Xiz, secretario do xurado do Certame Literario, Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, e Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba.

E haberá o acompañamento musical do grupo Corredores de Sombra.

*Información facilitada desde a área de Cultura do Concello de Vilalba.