DEMIURXIA. “Alexas e turróns brandos“, Patricia Torrado Queiruga
Alexas e turróns brandos
Hai veces que non é preciso inventar historias, senón andar sempre atenta á realidade, que, ás veces, rabuña en nós.
Esta pasada semana, tendas e supermercados, berce do capitalismo nestas datas, con corredores ateigados de persoas enchendo os carros ata os topes topei a unha señora que me deixou prendidas as verbas na retina.
Diante de min unha señora duns oitenta e tantos, cun carriño pequeno nun supermercado enorme ía collendo o de todos os días, ollando datas de caducidade, falando cos produtos dicíndolles que para a súa pensión de viúva aquilo comezaba a ser insostible.
—En dúas semanas trinta séntimos, onde imos cheghare?
O único que diferenciaba aquela compra do resto das que debía facer no ano era unha bolsiña pequena de peladiñas, unha tableta de turrón brando e catro polvoróns.
Chegadas á caixa, eu metendo en bolsas os produtos da miña compra e ela comezando a poñer os da súa na cinta preguntoulle á dependenta:
—Rapasiña, ti sabes canto me podería custar unha Alexa desas e onde se merca?
—Pois verá, nós aquí non as vendemos, pero vostede para que quere unha Alexa? —respondeu.
—Para ter con quen falar na casa, e como vexo pola tele que ti con falarlle ela xa che contesta, pois para sentirme acompañada.
Ollámonos en fite a dependenta e eu e ela díxolle:
—Pero señora Rosa, vostede non ten dous fillos? Non pasa estas datas con eles?
—Meus probes, están cada un coas súas familias e non me han vir buscar, que un está a vinte quilómetros e o outro a cen.
Collín as bolsas pensando en cando unha nai deixa de ser parte dunha familia, e rumiei en canta xente pasa soa anos enteiros, sen ter sequera con quen falar.