ADORMENTADOS
ADORMENTADOS
Mentres nos imos adormecendo
dourándonos baixo o sol
iluminados pola divina graza
de ser pobo nomeado
chamado a esmorecer de éxito
entre as ruínas
Logo da enchente
da bendita democracia
atada e ben atada
mantida de mentiras
polos mercenarios, sicarios
das elites establecidas
caciques de toda a vida
Mentres…
Agora que as xeracións
do rompente e as vangardas
nos anos oitenta e noventa
amortizamos as hipotecas
coas canas
mantendo aos fillos no exilio
con futuros incertos
e eufemismos varios
embriagados pola tecnoloxía
e o sensacionalismo político
en coma etílico de razón e demagoxia
subministrada por adoutrinadores
especialistas en non dicir nada
subvencionados
por votantes á carta
de partidos de marca
Xa logo
como individuos
institucionalizados
non temades ao espertar
cansos e limpos
contemplando as ruínas
do novo fascismo
dourándonos baixo o sol
de novo
sabéndonos a salvo
por ser súbditos
censados como ovellas.
Deamos grazas …
<< Non hai maior desgraza
que un pobo castrado>>.
Pilar Maseda.