Ataque Escampe estrea o vídeo de ‘A cociña práctica’, con Antía Ameixeiras
Ataque Escampe lanza este martes 25 o vídeo de A cociña práctica, sinxelo no que colabora Antía Ameixeiras
A peza, asinada por David Silva e protagonizado pola propia Ameixeiras, a actriz Paku Granxa e o membro do grupo Lois Carlín, mestura a estética bucólica coa parodia dos programas de cociña
A presentación ao vivo de Cabalgata será este sábado 29 na Sala Capitol, nun concerto que abrirá un combinado de membros da Banda de Lalín; e, ao remate, a Sala Sónar acollerá unha festa posconcerto con pinchadas das djs Pídechas o Corpo e do propio grupo
Ataque Escampe estreará mañá, martes 25, a peza audiovisual que acompaña A cociña práctica, tema no que colabora a violinista e vocalista Antía Ameixeiras, e que se presenta como o cuarto sinxelo do recén estreado LP Cabalgata. O vídeo poderase visualizar a partir das 10.30 horas na canle de Youtube da banda compostelá.
“Temos perto o forno, que máis dá / vemos medrar o queique de masa nai”. A letra de A cociña práctica xoga en varios puntos coas imaxes gastronómicas para tratar, tal vez, os diversos xeitos de entender as relacións. E esa diversidade déixase ver tamén na imaxinación posta nos arranxos dun tema que busca ir máis aló do tradicional dueto home-muller, incluíndo sorpresas como referencias a Los Chichos ou Ace of Base, un solo de saxo final nos límites do kitsch e unha receita de filloas explicada por Delfina Sánchez (avoa do batería Cibrán Tenreiro).
Antía Ameixeiras, membro do dúo de música de raíz Caamaño&Ameixeiras (Premio Martín Códax na categoría de Folk) e exintegrante de Oîma ou Luar na Lubre, achégase aquí como cantante a un rexistro máis pop -ao igual que no tema Supermartes– e dá pé a unha das colaboracións máis destacadas na traxectoria de Ataque Escampe. Ela é, tamén, unha das protagonistas do vídeo musical da canción. Dirixido por David Silva, o clip é igualmente unha sucesión de sorpresas. Rodado en Lanzós (Vilalba), parte dunha estética bucólica que pode lembrar algún dos filmes de Sofia Coppola para acabar integrando imaxes como a de Antía Ameixeiras cunha motoserra e un programa de cociña que remite, nun ton algo desquiciado, aos formatos da televisión matinal. A actriz Paku Granxa (Cuñados, Saudade de ti) interpreta a presentadora e o baixista de Ataque Escampe, Lois Carlín, o cociñeiro.
Presentación ao vivo de Cabalgata na Sala Capitol
O sábado 29 Ataque Escampe actuará na Sala Capitol compostelá para presentar Cabalgata. O grupo interpretará tanto os temas deste álbum como unha selección do seu repertorio anterior, no que supón o seu regreso aos escenarios da súa cidade despois de catro anos. Acompañaraos unha selección de membros da Banda de Lalín, que abrirá o concerto achegando a tradición das bandas de música a un contexto pop. As entradas están á venda, a partir de 10 euros, na web de www.ataquilla.com; mentres na billeteira costarán 15 euros. Ao remate da presentación, poderase seguir a festa nun evento posconcerto: a partir das 00:30 horas, na Sala Sónar pincharán as djs Pídechas o corpo Guateque Sessions e un set de membros de Ataque Escampe.
Cabalgata
Cabalgata é o oitavo disco de Ataque Escampe. A banda compostelá volve amosarnos no seu novo LP, producido polo Hevi, o seu universo creativo, mantendo os seus trazos de identidade (como o coidado dunhas letras apoiadas no humor e a vulnerabilidade e o achegamento a estilos diversos) e achegando tamén numerosas novidades tanto na instrumentación -como a presenza de sintetizadores e, ocasionalmente, de saxo e bases electrónicas- como a nivel lírico. O fío principal do disco é o diálogo co pasado, non como obxecto de nostalxia senón, en palabras do grupo, “como espazo inesgotable que nos interpela”. De aí sae o intento de explorar estilos musicais doutras épocas, pero tamén temáticas que atravesan o álbum, como a infancia, os amores diferentes ou as amizades conservadas ou perdidas, simbolizadas nas letras polas diferentes imaxes de cabalos ás que fai referencia o título: a tenrura dos cabaliños de carrusel das festas, a ameaza dos policías montados ou a emotividade da relación cos animais.