Días de palabras e sanshi
No solpor do verán un vai facendo memoria dos momentos vividos ao longo da época estival. E case que sempre xorde en nós unha lamentación por non ter realizado todos os nosos propósitos. Mais, eu prefiro escoller os instantes que realmente enriquecen o meu espírito e me fan desexar que ditos instantes se repitan novamente.
No verán de 2013, os días viñeron cargados de amizade e palabras, ou, máis ben, de amizade a través das palabras. A palabra ben construída, sen eivas que deformen ou prostitúan a súa substancia. A palabra sen espiñas que manquen o espírito de quen as pronuncia nin de quen as escoita. A palabra transparente, do corpo espido que non se deixa cubrir polas perversas roupaxes da mentira e a hipocrisía. A palabra en si. Cando menos, esa foi a miña intención no transcorrer deste pretérito estío, fuxindo do lamazal no que puidesen luxarse os sintagmas do meu discurso. E coido que o conseguín.
A palabra ceibe que procura o achegamento a outras verbas nacidas en remotas terras ou a aquelas que, sendo da mesma esencia idiomática ca miña, se manteñen pese a esa longa noite de pedra que se quere deitar sobre nós, os que pensamos libremente e de xeito distinto á putrefacta ideoloxía do poder establecido. Esa palabra, que tanto eu amo, levoume a afondar nos vencellos de amizade con seres vidos do afastado Oriente, os cales me ofreceron o influxo do seu acougo, ou de terras máis aló do Atlántico, que, aínda que afincados dende hai anos no territorio que nos comprende, conservan o frescor natural do seu sorriso.
Emocionoume manter un diálogo na miña lingua nai, o galego, cunha persoa que veu dende o Xapón. E dito proceso emocional provoca en min un exercicio de exaltación do natural recendo que mana desta terra. Un aroma que nos contaxia aos que o respiramos e nos fai sentir que somos herdeiros dunha cultura que debemos preservar contra a ditadura dos necios.
Daquela, ao ritmo das notas interpretadas sobre o corpo dun sanshi, eu reivindico a lingua universal das emocións non prostituídas.