Na que se considera a última gran novela picaresca aparece de personaxe un neno de coro de Mondoñedo. A “Histoire de Gil Blas de Santillane” de Alain-René Le Sage publicouse en francés en varios volumes entre 1715 e 1735. Tivo enorme éxito, a pesar das dúbidas sobre a súa orixinalidade; seica se parece a “Vida del Escudero Marcos de Obregón” de Vicente Espinel. Víctor de Silva Posada e Cunqueiro citan o caso en sendos artigos publicados en 1897 e 1957.
Luis Bugallal Marchesi, en “Hoja del Lunes” da Coruña en novembro do mesmo ano, felicita ao noso concello pola propaganda que baixo o título “Mondoñedo, ciudad turística”, dicía: “Visite Mondoñedo. Visite la Catedral. Los ingleses encontrarán en ella la imagen de Nuestra Señora de la Catedral de San Pablo de Londres, traída a Galicia cuando el Cisma. Los franceses conocerán la ciudad de donde era natural aquel niño de coro que Lesage incorpora a la galería de personajes de su Gil Blas de Santillana. Pinturas murales en la Catedral. Retablos barrocos en la iglesia de los Remedios. Más silenciosa que Verona. Excelente comida. Ciudad ideal para reposo. Magníficos ríos para la pesca de la trucha. Excelentes cazaderos de perdiz muy próximos a la ciudad”.
Bugallal só crítica o título do anuncio e propón o alternativo “Mondoñedo, centro de peregrinación y de turismo”. Polo demais, augura para o verán de 1958 a chegada a Mondoñedo de moitos ingleses, alemáns e franceses “que preguntaran por la casa natural del niño de coro como en Dinamarca se pregunta por el castillo de Elsinor”.
A “Histoire de Gil Blas de Santillane” foi traducida ao español por vez primeira polo P. Isla e publicada en Madrid en 1787 ou 1788 co título “Aventuras de Gil Blas de Santillana robadas a España y adoptadas en Francia por Monsieur Le Sage, restituidas a su patria y a su lengua nativa por un español celoso que no sufre se burlen de su nación”. A esta primeira sucederon moitas traducións, edicións e estudos que desmenten en boa parte a acusatio expresada no apaixonado e longo título do xesuíta español.
O neno de coro de Mondoñedo, que anda a correr mundo, aparece ao principio do capítulo III do libro primeiro cando: “Je ne me trouvai pas seul avec le muletier. Il y avait deux enfants de famille de Peñaflor, un petit chantre de Mondognedo, qui courait le pays, et un jeune bourgeois d’Astorga, qui s’en retournait chez lui avec une jeune personne qu’il venait d’épouser à Verco”. O “petit chantre” mindoniense non volve aparecer ata o capítulo XIII, que é cando axuda ao protagonista a saír do cárcere e lle ofrece unha modesta prima económica.
Santillana del Mar e Mondoñedo teñen certos paralelos históricos como a fundación na mesma época medieval, e un deles, e non menor, sería este papel de auxiliador do noso paisano para que Gil Blas puidese dar continuidade ás súas aventuras.
Cunqueiro xa pedía en 1957 unha lápida en acordanza para poñer á porta da escolanía de música da catedral mindoniense. Millóns de lectores e centos de traducións ás principais linguas europeas dun texto no que aparece dúas veces Mondognedo “vaut bien une messe”.
©Antonio Reigosa –cronista oficial de Mondoñedo