A peza conta a épica historia das 200 mulleres que hai 150 anos escavaron o Dique da Campá de Ferrol, a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX, transportando 245.000 metros cúbicos de terra e pedras en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas e, polo mesmo traballo, cobraban menos ca os homes

Dique, coproducido por Nova Galega de Danza e a Xunta de Galicia,a través do Centro Coreográfico Galego,  poderase ver no Salón Teatro do Centro Dramático Galego de Santiago de Compostela os días 21, 22 e 23 de xuño, coas últimas entradas dispoñibles para o 22 e o 23 a través da plataforma Ataquilla

Na súa primeira colaboración con Nova Galega de Danza, Marta Pazos dirixe o espectáculo,cun equipo artístico e técnico composto integramente por mulleres, coa coreografía de Belén Martí Lluch e a música de Clara Aguilar, entre outras

A estrea absoluta do novo espectáculo de Nova Galega de Danza está xa á portas. A posta de largo de Dique terá lugar este venres, 21 de xuño, no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela, ás 20.30 h, coas entradas xa esgotadas para esta primeira función. A peza poderase ver, na mesma sala, o sábado 22 e o domingo 23, cos últimos billetes aínda dispoñibles que poden adquirirse a través da plataforma ataquilla.com.

Esta mañá tivo lugar a presentación da obra no ambigú do Salón Teatro do CDG. Dique, a agardada nova produción de Nova Galega de Danza con dirección escénica de Marta Pazos, é un espectáculo coproducido por Nova Galega de Danza e a Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego, que pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente.

Na presentación de Dique en Compostela participaron Jaime Pablo Díaz, director artístico de Nova Galega de Danza; Marta Pazos, responsable da dirección escénica e da dramaturxia de Dique; Belén Martí Lluch, coreógrafa de Dique; a bailarina Estefanía Gómez, en representación do elenco de Dique; e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que estiveron acompañados por Pilar Portela, directora do Centro Coreográfico Galego.

O director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, declarou que estaba “moi contento e moi agradecido do grandísimo equipo que conforma o proxecto, co que puidemos plasmar aquela xesta que aconteceu no Dique da Campá de Ferrol hai 150 anos”. Tamén quixo destacar que “a historia de Dique tiña que ser feminina”. “Despois de celebrar o noso 20 aniversario como compañía, con Nova Galega de Danza sentín a necesidade de contar esta historia -case descoñecida- de mulleres invisíbeis… e sabía que tiña que ser a través de mulleres; lanzámonos de novo á innovación, pero tendo sempre presente a nosa tradición, fuxindo de facer o mesmo, mudando novamente os conceptos, pero sen perder a esencia”. “Buscamos moita información sobre estas cargadoras de Ferrol, falamos con historiadoras e, canto máis afondábamos no relato, máis cousas sorprendentes encontrabamos”, avanzou o artista e produtor.

A directora escénica e dramaturga Marta Pazos destacou “a rotundidade, a forza e a xuventude que destila o espectáculo”. “Hai moita expectación para amosar este novo traballo. No meu traballo o interese é poñer no centro a personaxes non privilexiadas da historia desde unha perspectiva de xénero. E esta proposta de Jaime, a súa enorme xenerosidade, foi un agasaio, non podía dicir que non”. E engadiu: “Para min, a temática de Dique é a forza, a resistencia, a rotundidade da comunidade, da colectividade”. Sobre o corpo de baile, Marta Pazos quixo destacar “o seu labor titánico”: “é un elenco absolutamente comprometido co espectáculo e coa profesión. Dique é unha peza moi esixente, non é doada, e elas dannos ás para voar coa súa entrega”.

Pola súa banda, o director da Agadic, Jacobo Sutil, transmitiu “a súa ilusión e as gañas de ver esta nova proposta de Nova Galega de Danza, da man dun equipo magnífico”. E quixo convidar “a todos e a todas a que se acheguen esta fin de semana ao Salón Teatro do CDG a ver esta estrea”. “Admiro a Nova Galega de Danza, que leva moitos anos representando a nivel internacional a nosa danza e a nosa creatividade. E tamén a Marta Pazos: é un orgullo para nós e seguila en todos os seus pasos dentro e fóra de Galicia”. E rematou “desde Agadic tentamos fomentar a creación galega coa coprodución de espectáculos a través dun apoio non só económico, senón tamén de cesións de espazos de traballo, distribución e outras funcións para facer posibles estas novas estreas”.

Finalmente, a coreógrafa Belén Martí Lluch salientou que, “a través do corpo, do movemento, revelamos a esas mulleres que se sosteñen, que traballan, que festexan”. Mentres, a bailarina Estefanía Gómez convidou ao público a vir ver o espectáculo “porque aproxímase unha bomba, unha gran explosión”. “As bailarinas estamos entregadas en corpo e alma. Hai moita unión no elenco, xenerouse algo moi especial no noso traballo colectivo, cunha enerxía moi vibrante. A todas marcounos especialmente a visita ao dique militar de Ferrol: foi unha viaxe persoal moi singular cargada de sentimentos que agora trasladamos á escena”, concluiu a bailarina.

SOBRE O ESPECTÁCULO

Dique nace do desexo de recuperar unha historia esquecida: o labor das mulleres na construción do Dique da Campá de Ferrol. Na súa execución, entre 1874 e 1879, 200 mulleres, as estibadoras, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas -58.000 cada unha delas-. E, polo mesmo traballo, cobraban menos ca os homes.

No 150 aniversario do inicio da súa construción, a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX, Nova Galega de Danza convidou a directora de escena Marta Pazos para realizar a súa homenaxe a aquela xesta. Un xogo de cores, texturas e contrastes sobe á escena para ofrecer un desafío visual único. A peza explora os límites da forza mentres o telúrico se apodera da escena. En Dique hai resistencia e esforzo, pero afloran, tamén, a delicadeza e o lixeiro.

Tradición e modernidade. Forza e resiliencia. Sindicalismo e empoderamento. Solidariedade e comunidade. Celebración e renacemento. Toda unha chea de emocións e sentimentos conflúen en Dique para narrar a historia daquelas estibadoras ou “cargadoras” silenciadas e crear un espazo de reflexión que, nun acto de xustiza poética, está artellado polo labor dun equipo composto integramente por mulleres nos eidos artístico e técnico.

FUNCIÓNS ‘DIQUE’

Salón Teatro do Centro Dramático Galego (Santiago de Compostela)

Venres 21 de xuño | 20.30 horas | ESTREA ABSOLUTA | ESGOTADAS

Sábado 22 de xuño | 20.30 horas

Domingo 23 de xuño | 18.00 horas

Últimas entradas para sábado 22 e domingo 23:

https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/danza/salon-teatro/17583–dique.html

20240619-NP-Estrea-Dique-SCQ