Andanzas do Suso de Lameliña: CASTROFOXÁN, ALDEA CEIBE DE LIBROS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

CASTROFOXÁN, ALDEA CEIBE DE LIBROS

Cando Luís do Merlo non acudiu un serán á lectura colectiva das oito, ninguén lle deu importancia. Era normal que de vez en cando alguén faltase por atoparse indisposto ou por algunha urxencia, sen que puidese avisar da súa ausencia. Pero que ao día seguinte tampouco se presentase, sen dar ningún tipo de explicación, empezou a levantar sospeitas; sospeitas que se fixeron evidentes cando por terceira vez non apareceu pola biblioteca.

Aquel mesmo serán, en asemblea urxente, decidiron nomear unha representante que fora falar con el, por ver que lle acontecera. A elixida foi Adela do Couso, muller de carácter afable e conciliador, que xa outras veces tivera que intervir en situacións conflitivas e con resultados satisfactorios. Quedou de presentarse a primeira hora da mañá seguinte na casa do Merlo.

Luís vivía nunha pequena casa, un pouco afastada da aldea. Era viúvo e sen fillos, labrego e tamén zoqueiro, aínda que deste tipo de calzado, xa en desuso, só facía algún de vez en cando para unha tenda de agasallos típicos de Lugo. Cando chegou Adela estaba regando os tomates, era pleno mes de agosto e ía máis de tres semanas que non caia unha gota de auga.

—Bo día, Luís. Este ano non imos ter nada, con esta seca morre todo. No que levamos de verán só choveu un día ou dous a principios de mes. Unha ruína.

—Que milagre, Adela. E logo que che trae por aquí?

—Pois xa o debías saber, penso eu. Que che pasou estes días?

—Nada muller, que me ía pasar?. Que non se me apetecía ir.

—Non se che apetecía? E non sabes que é obrigatorio acudir, e se non se pode, xustificalo?

—Boh! boh! Déixate de andrómenas. Non fun porque non me deu a gana e xa está.

—Mira ben o que fas e o que dis, Luís, que pode traerche problemas.

—Non teño tempo nin ganas de lerias. Lisca e dilles o que queiras —rematou a conversa Luís, dando media volta, seguindo coa rega e deixando coa palabra na boca a Adela.

Esa mesma noite volveu haber xuntanza e convocouse para o día seguinte ao veciño díscolo para que dera explicacións. Cousa que fixo. Aduciu que xa levaba máis de tres meses sen ler nada e que aínda que ía ás lecturas colectivas, era todo  aparencia, que pasaba as follas para disimular, pero que xa non lía . Que canso de finxir decidira cortar polo san e non volver máis. Dixo que se dera conta de que a lectura alienaba á persoa, que ler todas esas fantasías para o único que servía era para volver a un tolo e que desde que deixara os libros sentíase máis libre e o que era máis importante, totalmente feliz.

Non houbo xeito de que rectificase, polo que despois dun longo debate decidiuse expulsalo da comunidade e ofrecerlle a cova da rula para ir vivir; veredicto que aceptou de bo grado

—Antes de coller outro libro, voume vivir co lobo que me comprende bastante mellor ca vos —sentenciou.

Mais o que parecía ser nunha simple anécdota, non sería tal, senón todo o contrario, sería a mecha que prendería o lume.

Ao cabo dunha semana ausentouse Piedade da Torre, logo Eusebio, o Capador, Manolita da Fonte, Pedro Barxas… Non había maneira de apagar aquel lume que ameazaba con converterse nun incendio devastador, polo que foi preciso decretar unha amnistía e permitir a volta dos exiliados, deixando liberdade para que cada quen fixese o que considerase.

Mais as desercións continuaban , cada vez acudían menos veciños á biblioteca, ata que rematou por non ir ninguén. Era urxente unha asemblea para tomar unha decisión definitiva. Alí cada quen expuxo as razóns polas que deixara de ler, algunhas ben curiosas, pero todas cun nexo común, que esquecerse dos libros lles dera máis sosego, que estaban fartos de pensar tanto e que o único que lles producía era desacougo. En definitiva, que agora eran máis felices, coma xa dixera no seu día, Luís do Merlo.

A asemblea, despois de varias propostas, entre as que se atopaban a de queimar os libros e usar a biblioteca para lugar de repouso onde poder acougar do labor diario, ata outras que avogaban por queimar todo o edificio e que non ficara pegada algunha do que fora lugar de lectura, optou por unha solución intermedia. Deixar todo tal coma estaba, ben pechado, coa prohibición, baixo pena de exilio, de entrar no seu interior, e que fora o tempo, implacable verdugo, o encargado de facer xustiza. A xuntanza rematou coa declaración de, “Castrofoxán, aldea ceibe de libros”.

A prensa non agardou un día para facerse eco da noticia, que adquiriu carácter internacional. Desde esa data, aldeas, cidades, rexións, incluso nacións, seguiron  o ronsel  de Castrofoxán. Un verdadeiro andazo, que de seguir así, suporá en pouco tempo a desaparición total do que, ata o de aquí, foi un dos máis importantes vehículos de transmisión cultural.

  Suso de Lameliña

.

Andanzas do Suso de Lameliña: O PRIMEIRO AMOR

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O PRIMEIRO AMOR

O PRIMEIRO AMOR

Falando do primeiro amor, véñenme á mente aqueles dous irmáns de Fabeiro (O Bierzo), Tito e Tita, que se fixeron famosos nos oitenta, cantando rancheiras, unha delas, precisamente “El primer amor”. Lembrádevos? Tiñan un bar na vila de nome  “Tito y Tita”, montado co que gañaron vendendo discos e rexentado polos irmáns. Eran en total dez, fillos dun  traballador de Unión Fenosa. 

Preguntarédesvos. E que pintan aquí os irmáns de Fabeiro? Pois eu mesmo non o sei. Hai uns meses lin en “La Nueva Crónica”, unha entrevista que lles facían para saber o que fora da súa vida e a que se adicaban na actualidade, e hoxe cando estaba a piques de durmir a sesta, véuseme a mente a canción: “Oye hermanita quiero contarte, quiero pedirte que me aconsejes…”  E dixen. Teño que falar do primeiro amor. 

E aquí estou, lapis e papel na man, disposto a abrirme en canle. Mais non vos fagades ilusións, porque realmente o que ides ler non ten nada que ver co primeiro amor, nin tan sequera co amor, ou poida que si. Porque, sendo sincero, non me lembro cal foi ese amor, por todos loado, si, ese do que ninguén se esquece. Pois resulta que eu, si o esquecín, raro que é un. A non ser que sexa amor o que me pasou cando tiña cinco anos, aínda que eu coido que foi sexo puro, e non sei se duro.

A historia, podería ser bonita. Alumno que se namora da súa mestra, un clásico; neste caso neno de párvulos que se namora da mestra. Pero aviso, se foi amor, foi efémero e con desenlace fatal, castigado ao cuarto das ratas, aquel do que vos falei o outro día.

Eu daquela, gustábame andar a catro patas, nada por outro lado raro, para un neno desa idade. Raro, si foi despois, cando xa de adolescente, sendo estudante en Lugo, imitaba polos corredores do piso  o salto da ra, emitindo o célebre son: croa, croa,croa… Pois ben, canso de escribir “ ma me mi mo mu mi mamá me mima” , cando a mestra estaba despistada, comecei a camiñar a catro patas ata chegar a debaixo da súa mesa. Niso que me ve e dime:

—Pero Susito, que es lo que haces aquí?

Apenas dixen a frase “Nada, señora maestra”, un compañeiro, mágoa que non me lembre quen foi, a vinganza ía ser terrible, érguese da cadeira e di:

—No le haga caso maestra, que lo que quería era verle las piernas, que me lo dijo a mí.

Mal raio o parta! Aínda hoxe non se me esquece, dúas horas no cuarto temible, esperando que dun intre a outro aparecese unha manda de ratas, dispostas a comerme as orellas. Nada diso ocorreu e todo rematou nun susto e, quen sabe, no fin dun prometedor amorío.

Ai, o primeiro amor!

Suso de Lameliña

Andanzas do Suso de Lameliña: O CUARTO DAS RATAS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O CUARTO DAS RATAS

A MODO DE PRESENTACIÓN

Comezo hoxe a miña colaboración periódica en Culturalia GZ coa publicación de pequenos relatos entre a realidade e a fantasía. Toda unha honra formar parte deste proxecto cultural que sigo desde hai tempo e que incluso me publicou un libro de poemas co título de A Chamada de Brigid. A miña máxima gratitude a Martiño Maseda, por lembrarse de min; agardo non defraudar tanto a el coma aos lectores/as.

O meu nome é Xesús Trashorras. Exercín de mestre principalmente no occidente asturiano e agora de xubilado adico parte do meu tempo a escribir poemas e pequenas historias, algunhas das cales, aparecerán nesta xanela aberta á nosa cultura. Os textos van estar asinados co nome de Suso de Lameliña, que é coma me coñecen os veciños e veciñas da miña vila, Castroverde. Lameliña, vén da casa onde naceu meu pai, en Frontoi (Vilabade), a uns dous quilómetros da capital do concello. Os meus avós, labregos, a quen non coñecín por teren falecido a idade moi temperá, tiveron once fillos. Tres deles, o meu pai un, carpinteiros. Ao casar deixaron a casa patrucial e alugaron unha en Castroverde, mentres canteiros vidos de Pontevedra, construían unha nova vivenda con tres pisos, e un taller de carpintería. Os Lameliñas, que era así coma se coñecían, foron uns carpinteiros moi afamados e recoñecidos na contorna, a quen acudían moitos veciños para realizar obras, xa que a parte de traballar a madeira, tamén facían labores de albanelería.

Pero, agora que xa sabedes algo da miña vida, vaiamos ao gran, e para iso vou comezar cun breve relato que me leva aos primeiros anos da nenez. Espero que vos guste.

O CUARTO DAS RATAS

Tería cinco anos cando pisei por primeira vez unha escola, a escola de párvulos. Esta estaba nun vello edificio na parte máis antiga da vila, mesmo a carón do castelo, no barrio coñecido coma “A Praza”. O edificio fora no seu tempo Casa do Concello, para despois albergar unha aula de párvulos e outra de primaria. Na planta baixa, segundo se entraba, en fronte mesmo, ao fondo, un gran portón, no que sobresaía unha pequena xanela con reixas, daba paso a unha pequena peza chea de todo tipo de trastos: pupitres, mesas, cadeiras, libros vellos… Era o cuarto co que nos ameazaban se nos portabamos mal ou non faciamos axeitadamente as nosas tarefas; o cuarto das ratas, outrora calabozo.

Todos sentiamos un gran pánico a ser castigados a pasar alí dentro, sós cos roedores, unha hora ou o que fose; era o maior castigo que nos podían pór. Mais, a pesar do medo que nos daba, e a min, se cadra aínda máis, a curiosidade era máis poderosa, e sempre que podía trataba de empoleirarme polo portón arriba ata a xanela por comprobar se era quen de ver algunha rata. Tal cousa nunca sucedeu, pero ao pouco de estar mirando comezaba a imaxinarme ratas enormes saíndo de debaixo dunha mesa ou gabeando pola parede arriba. Entón subíame un  frío arreguizo polas costas que facía que fuxira de alí correndo, para, non pasados aínda dous minutos, volver asomarme á fiestra.

Hoxe o edificio está rehabilitado e úsase para actividades culturais. Alí foi onde recibín as primeiras leccións de acordeón. Cantas veces, tocando “A Rianxeira” ou “Catro vellos mariñeiros”, me lembrei daquel cuarto! Colosais ratas, a dúas patas, camiñaban cara a min, ollándome fixamente en actitude ameazante. Volvía revivir aqueles anos escuros e represores, pero ao mesmo tempo con esa inxenua felicidade da infancia.

ESCOLA DE PÁRVULOS

Ruinas dun vello castelo,

grallan paxaros mouros.

Poceiras, aquí e acolá,

gris que en silencio esbagoa.

Entre vetustas pedras,

Casa do concello, outrora,

bate a choiva na xanela,

o frío rila nos ósos.

Unha mestra agarimosa,

unha recua de cativos,

mandilón de cor azul.

Entre as mans un silabario,

Romano é o seu nome,

Catón: ma, me, mi, mo, mu…

Todos a coro cantando.

E no soto, o gran misterio,

o cuarto, chamado das ratas,

seica antano foi prisión.

Cándidas e pícaras olladas

entre as reixas da xanela

procurando algún roedor.

Vella escola de párvulos,

fóra chove con máis forza,

as choias grallan na Torre.

Suso de Lameliña