Andanzas do Suso de Lameliña. ROSARIO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

ROSARIO

Rosario, cansa da monotonía de todos os días e de ser sempre a escrava da casa, sobre a que recaían todas as tarefas domésticas, sen que ninguén llo agradecese, un día botouse  andar polo mundo. Ben, polo mundo é un dicir, xa que non saíu da bisbarra dos Ancares, onde nacera ía para sesenta anos.

Unha tarde calorosa do mes de agosto fixo un atado coa roupa máis decente que tiña e emprendeu viaxe. E para tal efecto arrancou, sen comunicarllo a ninguén, co patinete da súa neta Lauriña. Que desgusto o da nena cando viu que lle faltaba un dos seus xoguetes preferidos!, máis ca cando soubo que a avoa tamén desaparecera. Como chegada a noite, Rosario non aparecía por ningures deron parte a Garda Civil. Pronto se soubo do seu paradeiro, ao ser vista por unha veciña da aldea próxima marchando tan campante e feliz enriba do aparello con rodas. Cando as autoridades se puxeron en contacto con ela, deixou ben claro a súa intención de non retornar ao fogar e de percorrer aldea tras aldea, iso si, sen botarse fora da comarca. Non houbo nada que facer, e a aventureira continuou coa súa viaxe. 

Marido e fillo, viúvo el, foron na súa procura co fin de convencela e ela díxolles que xa non estabamos no tempo da escravitude, que abondo aguantara e que se arranxasen como puidesen; polo único que sentía era pola súa netiña de seis anos.

Agora, Rosario, dous anos despois,  segue de ruta pola bisbarra, parando aquí e acolá; hoxe comendo e durmindo cunha veciña, mañá con outra; hoxe en Donís, mañá en Doiras e ao cabo de tres días en Pedrafita, sempre montada no patinete, cando a estrada o permite ou con el ao lombo.  E ese deambular xa se converteu en algo normal, ata o punto que a xente está desexando que apareza, para convidala. Rosario, xa case vai para tres meses que non te achegas por aquí, e logo que nos contas?, dinlle cando chega a unha casa. E Rosario comeza a relatarlles todas as novas das que tivo coñecemento durante ese tempo de ausencia. Non lles importa que logo, cando chegue a outra lugar, vaia contando asuntos seus. Que todo sexa por poder estar ao corrente dos contos dos de Piornedo ou de Quindous.

Andanzas do Suso de Lameliña. ELVIS PRESLEY SEGUE VIVO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

ELVIS PRESLEY SEGUE VIVO

Hai historias que te resistes a contar porque son tan fóra do común que temes que te traten de tolo. Isto foi o que me pasou este pasado mes de abril e que hoxe, despois de darlle moitas voltas, atrévome a compartr con vós.

Quedara cun amigo de Santalla de Ozcos a xantar no Cantábrico, na Fonsagrada. Mentres esperaba por el, tomando uns viños pola vila, recibo unha chamada súa dicíndome que por un imprevisto non podía acudir á cita.

Seguín de peregrinación polos bares e, segundo entro no Avenida, atópome cuns amigos que levaba tempo sen ver, co que iso supuxo de beber unhas cantas cuncas de máis. Xa sabedes como é ir á Fonsagrada.

Preto das dúas e media e co apetito minguado polo exceso de etílico, por fin estou no restaurante. Xusto na mesa de en fronte, tres homes e unha muller, todos eles arredor dos oitenta anos. Fico ollando para un que me soa de algo, pero non acerto a lembrar de que. Déixoo pasar, pero xa cando estabamos na sobremesa, nun momento dado, cruzámonos as nosas miradas. Foi como unha aparición sobrenatural. Aquela mirada e aqueles ollos azuis non podían ser máis ca del. Polo xeito como me mirou souben que se decatara de que o recoñecera. Terminei de xantar e, cando me ía marchar, ergueuse e achegándose a min, case nun murmurio, díxome:

—Xa sei que sabes quen son, pero por favor non digas nada. De todos modos, se o contas, ninguén che vai crer, pero por se acaso cala a boca. Agradeceríacho, levo anos de incógnito. Todos cren que son un inglés acaudalado, que foi o que inventei para a miña nova vida.

Saín de alí sen dar creto ao que me viña de pasar. Era o mesmiño, Elvis Presley. Que razón tiñan os que aseguraban que non morrera. O que ninguén se imaxinaba era que se agochara na Fonsagrada. Despois preguntei por el e contáronme que era un inglés que vivía nunha aldea preto da vila, desde ía para máis de vinte anos. Que enseguida se adaptara e que mesmo, moi rápido, aprendera falar galego. Do que vivía, ninguén o explicaba, pero debía ser de boa familia, pois cartos non lle faltaban. 

Nada dixen, coma el me pedira, ata hoxe, que xa non aguantei máis e tiven que contalo, iso si, sen dar máis detalles, que xa din abondos. Agora chamádeme tolo, se queredes, pero eu xa me desafoguei.

Andanzas do Suso de Lameliña. O FIADEIRO NA CASA DE SARA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O FIADEIRO NA CASA DE SARA

Aproximábase o Nadal, a noite era unha das máis xélidas do ano. Ao calor da lareira un grupo de veciños compartían as primeiras horas da noite, narrando historias de feitos acaecidos ou contos cheos de misterio.

—Pobre, Bríxida, alá vai. E aínda non era moi vella. Segundo a necrolóxica tiña 81 anos  —comenta Remedios.

—Todos temos que marchar algún día. É lei de vida  —engade Remixio.

—Vai, vai! Que falades, se non a podiades ver. Pero claro agora de morta todo son louvanzas —espeta Xervasio.

—Cala ho! Ti sempre coas túas andrómenas, non sexas tolo —recrimínalle Sara, a dona da casa, mentres mete máis leña ao lume—. Nin respecto tes polos mortos. Pero xa sabemos todas de que pé coxeas. E ti, Antón?,  que dis, que estás aí moi calado? —continúa, dirixíndose a quen as malas linguas din que era o seu amante.

Bríxida vivía soa nas aforas da aldea e tiña fama de bruxa. Na contorna non había termo medio cando dela se falaba: ou a estimaban ou a detestaban. Ía para unha semana aparecera morta na súa casa. Un derrame cerebral, a causa.

—Non é por asustarvos pero onte cando me ía deitar petaron á porta. Fun abrir e era Bríxida —conta Antón, que ata entón estivera en silencio e como aloulado.

—É o que nos faltaba, que volvera de novo. Estache moi ben aló, bruxa do demo —murmura Remedios con desdén.

—Pero ti non eras a que te compadecías dela hai un bocado? —recrimímalle Xervasio—. Ao final tiña razón eu. Cando un morre todo son loas.

—Chis, chis! —suxire Dosinda, a filla do Ferreiro—. Pareceume escoitar uns golpes na porta.

Un silencio sepulcral apodérase da estancia e todos permanecen en silencio. Ao cabo duns dez segundos escóitase claramente un forte golpe na porta.

—A ver, Antón, sae ti por se é esa bruxa —ordénalle Remedios.

Antón érguese do escano e de mala gana diríxese á porta no momento en que outro golpe fai estremecer a todos os presentes. Ao abrir a porta e non ver a ninguén bota os pés fóra e desaparece entre a néboa da fría noite, deixando a porta fechada, tras del.

O medo volve a pairar pola estancia e máis aínda cando de novo volve a soar outro golpe seco. Ninguén sabe o que facer, ata que Sara poñéndose en pé ordena con voz irada:

—Veña, xa está ben por hoxe. Cada un para a súa casiña, que mañá é día de garabullos. Deixádevos de tantas andrómenas. Bríxida está morta e ben enterrada.

Pero ninguén se atreve a dar o primeiro paso e saír. De repente un forte e inesperado refacho abre de golpe a xanela tirando ao chan o candil de gas e prendendo fogo no local. 

—A vinganza de Bríxida, a vinganza de Bríxida —comeza a berrar Xervasio, ao tempo que solta unhas gargalladas que meten medo.

Conseguen aplacar o lume baleirando uns caldeiros de auga que había ao pé da lareira. Xervasio non para de rir, mentres colle camiño da porta e sae da casa sen máis. Pero aínda ben non sae escóitase de novo outro golpe.

A dona da casa, que xa comeza a estar farta, achégase á porta e abríndoa ordena que cadaquén lisque de inmediato, se non queren que colla unha xostra con todos. E foi nese intre cando aparece Bríxida cun vergallo na man, ameazante:

—A ver a vosa valentía. Veña, Remedios, que dis agora?

Tras dela veñen Antón e Xervasio rindo ás gargalladas. A do vergallo non era Bríxida, era Filomena do Cura, íntima da finada que quixo gastarlles unha broma. Ao descubrir a entroidada bótanse a rir e sen máis demora marcha cada un para a súa casa, co medo aínda no corpo. 

Ao día seguinte a mofa na aldea, xa pode cadaquén imaxinar, foi das que marcan época. Aínda hoxe, de vez en cando, sobre todo cando se achega o Nadal, lles lembran aquela noite. Por certo, Remedios non volveu botar máis pestes contra Bríxida. O medo seica é libre.

Andanzas do Suso de Lameliña. SANTA AMARANTA DE CEDEIRA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

SANTA AMARANTA DE CEDEIRA


Sábese que existe unha xerarquía celestial: hai diferentes clases sociais entre os santos e as santas, que se reflicte na terra a xeito de popularidade e devoción por parte dos fieis. Por exemplo, San Pedro, Santa Catalina de Siena ou San Bieito son máis respectados e recoñecidos, o que lles permite ocupar un lugar próximo ao Creador, mentres outros e outras teñen que conformarse con estar máis afastados.

Sobre este tema recomendo o libro: “The Celestial Hierarchy: Different Social Classes” do teólogo irlandés de Cork, Liam Brennan. Libro que causou unha grande controversia a mediados do século XIX, xa que foi considerado pola Igrexa Católica de herético e o seu autor excomungado. Como xa nos dá a entender o título da obra, nela fálase das diferentes clases sociais e os roles dos anxos e dos santos no plan divino.

Santa Amaranta de Cedeira, atópase entre as santas menos coñecidas e pódese dicir de practicamente nula devoción. O seu lugar no Paraíso está, por tanto, moi afastado de O Noso Señor, na compaña de outras tan ignoradas como ela: Santa Cirenia de Monçao ou Santa Basemat de Plasencia, por poñer dous exemplos.

Pero quen foi Santa Amaranta de Cedeira? Amaranta Domuiño  Peirallo naceu en torno a finais do século XVIII na vila de Cedeira, de familia de pescadores. Amaranta, xa de pequeniña mostrou un carácter rebelde e desafiante, sen respectar os mandatos dos seus pais nin acatar as normas da Igrexa Católica. Chegada a adolescencia o seu comportamento non mellorou, todo o contrario, volveuse unha rapaza libidinosa a que todos os mozos da comarca acudían para saciar o seu apetito sexual. As andruviadas da moza chegaron a oídos do bispo que cominou ao cura párroco a tomar cartas no asunto.  Este, despois de discutilo cos pais, decidiu desterrala da vila. Desde os 16 anos ata a súa morte aos 52, pasou día e noite no pico dun cantil, soportando as inclemencias do tempo e a bravura do Atlántico. Algo parecido a Simón, o Estilita, que pasou os últimos 37 anos da súa vida sobre unha columna. E Amaranta, igual que o santo de Cilicia, tivo que vencer as tentacións do demo, que non foron poucas.

Ninguén se podía achegar a ela, agás os pais para levarlle a comida ou roupa de abrigo. Pero quen pode coa mocidade? Os rapaces da vila comezaron ir vela ás agachadas . Alí, ante a súa presenza, espíanse e dábanse ao vicio solitario, soltándolle palabras obscenas  e provocándoa. Ela aguantaba con coraxe, pois estaba arrepentida da súa vida anterior e quería expiar os moitos pecados que cometera.

Ao cabo dun tempo o cura soubo das visitas e en lugar de prohibilas, alentounas. Pensou que era unha boa forma de probala na súa virtude, tentándoa co que máis lle magoaba. Por alí foron pasando varias xeracións e a todas se resistiu. Ou iso era a versión oficial ( a versión que interesaba para presentar ao papa a vida casta de Amaranta de cara á súa canonización futura). Pero tamén corría pola vila, medio en segredo, que máis dunha vez acabara axuntándose con algún veciño, mesmo con D. Ubaldo, o señor cura. Pero xa se sabe o que pasa nestes casos. Se damos crédito a todos os dixomedíxomes imos aviados. 

Morreu Amaranta e non se lembra enterro máis grandioso na comarca. Tres días de rosarios, peregrinacións ao lugar onde pasara a vida, misas polo seu eterno descanso… Para logo ser soterrada nun lugar de honra a carón da igrexa. Non pasarían 50 anos e Amaranta Domuíño Peirallo pasou a ser Santa Amaranta de Cedeira. Durante un tempo foi moi venerada na bisbarra, ata que un día desapareceu misteriosamente a única imaxe que dela se tiña. Dise que a roubaron uns rapaces de Ortigueira e que nun tempo andaron dun lugar a outro, realizando actos indecentes coa súa efixie ata que a perderon ou destruíron. Desde entón ninguén volveu saber nada da imaxe e a santa foi quedando aos poucos no esquecemento. Hoxe, preguntas en Cedeira por Santa Amaranta e o máis probable é que non atopes ninguén que saiba dela. É máis, cando lle contas a historia, poñen cara de sorpresa e mírante coma un becho raro, como dicindo: A ti fáltache un verán, rapaz!

Andanzas do Suso de Lameliña. A CASA DO LAGO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A CASA DO LAGO

Celia Fuentes leva unha semana traballando sen descanso sobre a súa última obra. É unha prestixiosa escritora de novelas de terror e está dando as derradeiras rabexadas de “ A casa do lago”. O esgotamento é tal que cae rendida sobre os papeis. Un ruído estraño faina espertar. Sae ver que sucede e unhas mans polas costas suxéitana con firmeza. Xa non lembra máis ata que volve en si e se atopa no mesmo lugar da agresión, totalmente espida pero sen marca algunha. Non hai ninguén ao redor, polo que decide regresar á casa. Ao entrar no estudio, unha muller cuspida a ela, totalmente concentrada, escribe sobre os folios que hai un cacho acaba de deixar sobre a mesa. A medida que se achega a imaxe da muller vaise esvaecendo ata desaparecer; sobre a cadeira a súa roupa dobrada e colocada con coidado. A novela segue enriba da  mesa, pero xa rematada, as últimas frases cunha letra coñecida e ao seu lado unha pequena nota: “Por fin remataches, irmanciña, xa ía sendo tempo”. Un calafrío percorre o seu corpo. Vístese rápido, o frío comeza a facer efecto. Non ben remata de poñer a saia, uns estrondosos golpes retumban na porta. En silencio e con temor diríxese a ela e observa pola mira: A súa irmá xemelga, Emma, que lle esixe que lle abra coa ameza de chamar á policía se non o fai.  Non pode crer o que está vendo. Ten que ser unha alucinación coma a que acababa de ter hai un intre no estudio. Emma segue a berrarlle insistentemente. Ao fin cede á presión da irmá. Sabe que non lle queda máis remedio. Se Emma chama á policía, o asunto poñerase moi feo e ela leva todas as de perder.

—Que sorpresa, irmanciña! —exclama Emma cun sorriso irónico nos beizos, ao tempo que a ameaza cunha pistola—. Cando se fai un traballo, hai que ser bo profesional e non deixar cabos soltos, senón xa sabes…— engade, disparándolle sen piedade..

Emma recolle a Celia, lévaa á beira do lago, átalle ao corpo unha pedra ben pesada e arrástraa ata o lago, onde a funde. Regresa con renovadas ansias á casa e déitase no leito. Mañá será outro día, chamará ao editor para entregarlle a novela. Ninguén notará a falta da irmá, agora ela era Celia. Todo o mundo sabe que Emma morreu nun fatídico accidente.

“Irmanciña, irmanciña, miñaxoia!, criches que me mataras, pero saín adiante. Pero que incauta! Non sospeitaches que ao non aparecer o cadáver, algo mal tiña que saír? Xa sei que para ti sempre fun a irmá babeca, ata que descubrín os teus instintos criminais. Pero agora xa está, que teñas boa viaxe e agarda por min moitos…” e mentres así pensa, vai ficando durmida.

Andanzas do Suso de Lameliña. O LADRÓN DE SOUTOMERILLE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O LADRÓN DE SOUTOMERILLE*

Din que tarde ou cedo, sempre se regresa ao lugar do delito. El non ía ser unha excepción. Cando acontecera o feito foron varios os sospeitosos, nunca el, pero co paso do tempo ficou esquecido. Por outra banda tampouco había moito interese en aclarar o sucedido polo que rematou por converterse nunha simple anécdota.

Hoxe, despois de once días de camiñada desde Oviedo, aquí estaba de novo, diante da igrexa. Calculaba que en cinco ou seis días chegaría a Santiago. Ata de agora a peregrinación resultáralle proveitosa. A pequena caixa forte que levaba na mochila ía case repleta de xoias conseguidas ao longo do camiño, tanto a algúns compañeiros de camiño como nas casas dalgunha aldea, que confiados deixaban a porta sen pechar. Tiña anos de experiencia nestas lides, levadas a cabo, principalmente, no camiño francés, que fixera unha unha ducia de veces. Sen embargo o Primitivo era a primeira vez,  a segunda que se atopaba en Soutomerille, un lugar abandonado no medio dun fermoso souto, no que destacaba o centenario castiñeiro da Corredoira, o cemiterio máis pequeno de Galicia, a igrexa de S. Salvador e a Torre de abaixo.

Diante da igrexa de orixe prerrománico e estilo visigótico, medio en ruínas, lembra aquel día no que acompañado por un colega, subiron ao campanario e liscaron coas campás para vendelas logo ao peso. Tentou a porta por ver se cedía, pero estaba ben pechada. Así que despois de botar unha ollada aos arredores, por ver se aparecía algún peregrino, sacou da mochila unha ganzúa e forzouna.

No interior só había po, cagadas de ratos e tebras. Iluminou co móbil o que quedaba da igrexa: uns bancos estartelados e un altar de pedra dentro dun arco de media punta con pinturas ao fondo. Pero el, desta volta, non viña  roubar nada. A súa idea era subir ao campanario e viaxar ao pasado. De repente o móbil apagouse. Non entendía o porqué, xa que a batería estaba case chea. A escuridade fíxose dona do templo e un calafrío percorreu o seu corpo. Quixo avanzar cara á saída e non foi quen de mover un só pé. Entón unha luz vermella iluminou a estancia. Diante dos seus ollos, había un círculo de velas acesas, que rodeaban unha caixa co cadáver do seu compañeiro de aventuras e outra baleira. Un  home vestido de negro murmurando unha especie de ladaíña, dáballe un carácter aínda máis tétrico á escena.

Veulle ao maxín a morte do seu amigo. Esta sucedera uns dous anos atrás nunhas circunstancias extrañas. O seu corpo sen vida fora atopado nun banco do  parque Rosalía de Castro, onde estaba a descansar. A autopsia determinara que a causa da morte  non fora  natural, senón  debida a  picadura dunha pomba que lle inxectara unha dose mortal de veleno. Ninguén se explicou como puido ocorrer algo así. 

Agora, presentiu que lle chegara a el a hora e máxime cando o home de negro cunha voz rouca  dixo:

—Sabía que ías volver. Levo anos agardando pacientemente por ti. O teu socio, mira ben para el, xa buscou acubillo aquí. A outra caixa espera por ti.

Atemorizado saíu fuxindo da igrexa e dun forte golpe a porta da mesma pechouse. Conseguiu chegar ata a Torre de abaixo e alí no medio dunha silveira ficou sen vida. Ao cabo dunha semana, unha parella de peregrinos que entraron no interior da  casa atoparon o cadáver medio comesto polas ratas.

*Soutomerille é unha aldea e parroquia de Castroverde que leva máis de medio século abandonada.