Piares dunha verdadeira reforma educativa

Piares dunha verdadeira reforma educativa

Non sei moi ben como iniciar este artigo… Son mestre. Ou iso di nun papel, asinado polo anterior rei,  que anda  durmindo nalgunha carpeta dalgún caixón da casa. Tamén aprobei unha oposición e cobro nómina de profesor. Pero eu non me recoñezo como mestre, como un bo mestre… No pasado, cando a maioría da poboación era analfabeta ou posuía un nivel de formación moi elemental, o mestre, ou a mestra, era unha autoridade. Autoridade erudita e moral.  E como tal era recoñecida. Pola familia e pola sociedade. Porque a palabra do mestre era luz e identificábase coa verdade. E a escola marcáballe o camiño á sociedade. Hoxe… Hoxe a escola é un axente formador máis. A familia, primeiro; e os valores e os modelos sociais, despois, son axentes formadores non menos influentes,  dependendo dos casos e das circunstancias. Hoxe é tan difícil ser mestre, ser bo mestre…  Son tantas as cousas que  descoñezo… Sempre llelo digo aos meus alumnos e alumnas: “O que eu sei é a pulga; o que non sei, o elefante”. Non, non me recoñezo como un “mestre”… Daquela, si, son un covarde. Porque o honrado sería deixarlle o sitio a outra persoa e ver de ganar o pan doutra maneira. Mais, xa o dixen, non son un heroe…

Por ser, tamén son unha vítima. Unha vítima dun sistema educativo que forma moi deficientemente (deforma) os seus aspirantes a mestres. Unha vítima dun sistema educativo que deseñou unhas probas selectivas (oposicións) que garanten moi escasamente a valía e a profesionalidade das persoas que as superan. Unha vítima duns sistemas educativos e duns gobernos que valoran moi pouco as persoas que se dedican ao ensino, en calquera das súas etapas. E unha vítima duns sistemas educativos que deseñan uns currículos sen xeito. E aquí, neste parágrafo, quedan xa presentadas as grandes eivas do sistema educativo español. Eivas que lle afectan aos alicerces mesmos da educación e que ningunha reforma educativa tivo o valor nin a vontade de abordar. E iso que esta si que debería ser cuestión de estado. Debería…

Formación inicial. Cando eu fun alumno da Escola de Formación do Profesorado de Lugo, estudei Matemáticas, Linguas, Física, Debuxo, Música… E, non podía faltar, Relixión! Os contidos que eu estudei en calquera destas áreas do saber nada tiñan que ver cos contidos das mesmas áreas das e dos que no futuro habían ser as miñas alumnas e os meus alumnos. Máis matemáticas, máis castelán, máis xeografía… do que xa estudaramos nos seis cursos do antigo bacharelato e do C.O.U. daquel tempo. Tamén había algunhas materias que se chamaban, por exemplo, Didácticas das Matemáticas, Didáctica da Física… Didácticas? Non, non; máis física, máis matemáticas, etc. E, despois, menos mal, había Psicoloxía e Pedagoxía… Pero estas, que debían ser dúas materias fundamentais, eran unha estafa teórica e memorística, totalmente desconectadas e descontextualizadas da realidade: as nenas e os nenos cos que iamos traballar. E, se falamos da metodoloxía do profesorado… Sen a menor intención de culpar a ninguén, eran persoas que non foran formadas especificamente para realizar aquel traballo; entón, cada quen saía do paso como podía, en función da súa formación, da súa intuición e da súa capacidade individual. Amais da súa personalidade, claro; porque, por riba, había malas persoas; non caben eufemismos. Mesmamente, igualiño, igualiño ca seguimos facendo hoxe. Unha pedagoxía baseada na rutina, na improvisación intuitiva e na experiencia vivida; si, porque, cando un non sabe, reproduce esquemas. Así foi. E segue a ser. Pero… como pode ser? Como pode ser que un aspirante a profesor non traballe con alumnos e alumnas dende o primeiro día do primeiro curso? Como pode ser que os fundamentos psicopedagóxicos teóricos non vaian acompañados dunha vivenciación e dunha experimentación que permita atoparlle sentido a esa teoría? Este é un mal común de toda a formación en España, pero moito máis inxustificable no caso da formación do profesorado. Uns meses de “prácticas”,  desconectados e dedicados, fundamentalmente, a remexer nos documentos burocráticos, son toda a experiencia previa que acumulan as e os estudantes de Maxisterio. Vaiche boa! Calquera reforma educativa auténtica tiña que comezar por aquí. Unha reforma que garantise unha verdadeira formación das profesoras e dos profesores futuros. Ningún centro de formación de profesores de calquera nivel debería estar desvinculado dun centro no que estudasen alumnos dese nivel concreto. Por exemplo: unhas horas (poucas) de teoría polas tardes e, polas mañás, nas aulas, con alumnos reais. E aínda iría máis lonxe: os profesores dos aspirantes a profesores deberían ser profesores ou profesoras  en exercicio, do nivel correspondente e de contrastada valía profesional. Convertemos o sinxelo en complexo; dende o principio dos tempos, o aprendiz aprende a carón de quen sabe e interactúa con el e co material necesario; neste caso, os nenos e as nenas, adolescentes, universitarios… É tan obvio! Pero…

Probas selectivas. Moi relacionadas cunha formación inicial irracional, cunha concepción burocrática do sistema e cun currículo sobredimensionado e absurdo,  deséñanse unhas probas  selectivas teóricas que non buscan lexitimar a persoas vocacionais, creativas e competentes. Dunha parte, as esixencias para entrar na Facultade de Formación do Profesorado son mínimas e descontextualizadas, sen requisitos específicos para dedicarse á docencia. Cal foi, e segue a ser, o perfil dos e das  estudantes de Maxisterio? Por que nunca se fala disto? Cando eu estudei, había un dito chocalleiro; pero, tamén, en boa medida, verdadeiro: “Quen vale, vale; e, quen non…”  Por outra, a proba de acceso (oposición) é fundamentalmente memorística e cunha carga de contidos lexislativos esaxerada. Mesmo as supostas probas “prácticas” son estereotipadas e escasamente representativas.

Valoración da profesión docente. Se os diferentes gobernos valorasen como é debido a profesión clave dunha sociedade, por extensión, a sociedade tamén o faría. Entón, como prestixiar esta nosa profesión? En primeiro lugar, dedicándolle á educación unha porcentaxe do PIB moi superior á actual. Pero, ollo, non para construír máis e mellores centros nin para investir máis en pseudorreformas, en infraestrutura tecnolóxica, cursos parche  de formación, etc. Senón, fundamentalmente, para abordar unha reforma educativa en profundidade. E para pagarlles aos profesionais da educación o que merecerían, se lle deramos importancia á función social que desempeñan. Como lles imos pedir  ás persoas máis capaces de cada promoción que se dediquen ao ensino se é das profesións cualificadas peor pagadas? Xa sei, xa sei, hai casos moi vocacionais que, aínda así, apostan pola docencia; pero, en que porcentaxe? Unha sociedade que inviste intelixentemente en educación ten asegurado o seu futuro. Aquí non hai segredos. Unha sociedade que escolle as persoas máis capacitadas de cada promoción para transmitir coñecementos e para formar de maneira integral as xeracións futuras será unha sociedade avantaxada, máis xusta e máis libre. Pero para iso faise necesario cambialo case todo: a formación inicial, a selección de aspirantes a docentes e a valoración dos profesionais da educación. Con isto, e coa elaboración dun currículo menos rutineiro, menos “precoz”,  menos pechado e menos pensado exclusivamente nun perfil estándar de alumno,  dariamos paso a unha educación na que de verdade primase a calidade educativa. Todos os políticos e todas as políticas de todos os gobernos enchen a boca falando da calidade educativa. Pero ninguén deseña e executa un verdadeiro modelo educativo que garanta tal realidade. Remendo por aquí, remendo por alá… Se de verdade queremos unha educación de calidade, é imprescindible unha revolución; unha revolución educativa, claro está. Si, revolución, reforma integral! Porque, se mal están a Educación Infantil, a Primaria e a Secundaria, que pasa coa universidade? A maioría das carreiras universitarias son unha auténtica estafa, cheas de contidos desfasados e inútiles, que non forman profesionais competentes do ramo, por regra xeral. A profesionalización virá da man dos másters, das becas explotadoras e humillantes… e de ir aprendendo de aquí e de acolá… Lamentable. Quizais medicina e enfermería constitúan unha mínima excepción. E pouco máis. Que profesores, que avogados, que enxeñeiros, que psicólogos… forma a universidade? E non é porque o alumnado universitario non se esforce. Cada vez son máis difíciles e elitistas as carreiras universitarias, comparadas coas da miña xeración. Toneladas de teoría, toneladas de traballos… Para que? Viva o Plan Bolonia! E o contacto coa realidade de cada unha das profesións? Ula?

Ai… Vou canso… E corro o risco de cansar, ben o sei. Pero… o tema é moi denso. E intenso. Ao longo da miña experiencia vital, como alumno e como profesor mediocre, padecín xa non sei cantas reformas. En cada unha delas, un teórico, ou un equipo de teóricos, impuxeron a súa receita educativa. Comecei estudando na Enciclopedia Álvarez. Despois viñeron os libros por materias. Cada vez máis materias, máis currículo. E menos horas por materia… Cando comecei a traballar, a palabra máxica era “motivación”; dez actividades de motivación para explicar unha idea. Máis adiante chegaron as aprendizaxes significativas. Agora as competencias (seguro que deixo algunha “moda” destas no camiño). Está moi ben isto das competencias. O que ninguén quere decatarse é que a inmensa maioría do profesorado seguimos explicando contidos e avaliando… contidos! É o que sabemos facer! Remendo vai, remendo vén… Máis alá da implantación do sistema de becas (que xa non é o que era) e da universalización do ensino, que queda? Palla para o palleiro. Esaxerando algo, claro.

E, que pasa co currículo? Dixen que era rutineiro, precoz,  pechado, demasiado extenso e pensado exclusivamente para un perfil de alumno ou alumna estándar. Rutineiro, porque en moitas materias  hai contidos que se dan dende o Primeiro Ciclo de Primaria ata os últimos cursos da ESO. E isto convérteos nunha rutina, ás veces, difícil de superar. E, ademais, precoz. Porque moitos destes contidos aparecen en idades demasiado temperás, nas que só os individuos máis avantaxados de cada promoción entenden a idea. Entón, veña moer e remoer nunhas abstraccións para as que a maioría do alumnado non ten aínda desenvolvemento cognitivo suficiente  como para comprendelas. Un exemplo: as clases de palabras. Os alumnos estudan o substantivo, o adxectivo… ao longo de toda a primaria. E unha elevada porcentaxe dos mesmos chega a 1º curso da ESO sen entender de verdade o quen son cada unha das distintas categorías gramaticais. A queixa máis común do profesorado é que os alumnos non comprenden. Vaites! Pero… como han comprender, se pasan máis da metade do tempo escolar traballando conceptos gramaticais?! E esta enfermidade contáxiase ás linguas estranxeiras,  e o profesor de Francés non pode explicar non sei que porque o alumno X de 1º da ESO non sabe as preposicións! E veña a aprender de memoria as preposicións! E, para que serve iso, se non entenden o seu significado e a súa función?  Ai… Canta rutina! Canta perda de tempo! Da Educación Primaria tiña que desaparecer máis da metade do currículo. E dedicarnos a traballar o básico de cada área do saber. En Lingua, traballo con textos: lectura, escritura, comprensión e expresión, selección da información… Que fácil sería, daquela, explicarlle o adxectivo a un rapaz ou a unha rapaza de 3º da ESO! Falo do que coñezo, da miña materia, claro; pero supoño que haberá un paralelismo coa maioría das materias de estudo. E, relacionado coa precocidade, está tamén o parcelamento do saber. Dentro de pouco, en Educación Infantil xa haberá materias optativas encamiñadas a que o neno ou a nena vaia ser astronauta ou enxeñeira… Ai… Ao meu parecer, nas etapas de formación xeral deberíanse traballar todos os coñecementos dunha maneira moito máis global e relacionada. Así é que, xa hoxe, podemos atopar un técnico moi cualificado no seu; pero que non sabe nadiña de calquera outra área do coñecemento. Primeiro sería necesario formar as persoas; despois, sen présas, especializalas. Ademais, dixen, currículo pechado e dirixido a un perfil de alumno estándar. Claro, todo o que non aparece nos libros de texto, non existe. Toda alumna ou alumno que se aparte da maioría do grupo-clase, no tipo de intelixencia, na sensibilidade, nos intereses, na interacción, etc, o sistema xa o encamiña ao fracaso; porque, as medidas correctoras previstas fallan, en primeiro lugar, debido á xa mencionada escasísima formación inicial, tamén, dos profesionais dedicados a esta tarefa. E, que dicir da “abolición” das materias humanistas dos plans de estudos?

En fin, para min, estes son os piares nos que se asenta unha verdadeira educación de calidade: selección dos profesionais, formación inicial, dignificación da profesión e revisión a fondo e racionalización do currículo. A continuación, habería que entrar noutros niveis de concreción, importantes, pero menos decisivos; curiosamente, nos únicos nos que entraron ata o de agora as pseudorreformas educativas que eu padecín ata hoxe. Despois din que imos mal na clasificación esa do Informe PISA. E utilizan isto para xustificar reformas ideolóxicas impostas: LOMCE. Ou será que non interesa ter unha sociedade formada? Como se pode explicar que persoas como Aznar, Berlusconi, Zapatero, Rajoy, Trump… individuos mediocres, cando non perversos, cheguen a ser presidentes dos seus países? Terá algo que ver?

Toño Núñez

(Praza Pública, 22 de xaneiro de 2017)

Ilustración: En ausencia da mestra (MIGUEL ANXO MACÍA)