O Encontro Mundial de Humorismo vende máis de 8.300 entradas nun día

O público esgotou os billetes dispoñibles para os espectáculos ‘Estirando el chicle en un castillo’ e ‘Juan Dávila: La capital del pecado 2.0’; e, no caso de ‘Buenismo Show’, ‘Fantastic Colofon’ e ‘La Ruina’, unicamente é posible obter butaca a través dos últimos abonos dispoñibles

O EMHU abre novas funcións para as galas ‘Humoris Causa’ e ‘Animus Iocandi’, que terán lugar na mesma xornada pero en horario de tarde

O Encontro Mundial de Humorismo vendeu máis de 8.300 entradas nas primeiras 24 horas desde que se activou onte, ás 12.00 horas da mañá, a posibilidade de adquirir os billetes e abonos das sesións de pago do EMHU 2023. A cifra supera os datos de saída da pasada edición, que contaba con espectáculos de gran formato no Coliseum.

No momento da apertura do servizo, a plataforma web de ticketing www.ataquilla.com colapsou ante a masiva resposta do público, que esgotou en minutos as entradas dispoñibles para os espectáculos Estirando el chicle en un castillo, La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila, ou Buenismo Show.Para a función de Quique Peinado, Henar Álvarez e Manuel Burque, que suporá a estrea do espectáculo en Galicia, xa non quedan entradas individuais dispoñibles, pero si que se poderá asistir ao adquirir algún dos abonos do EMHU que inclúen a proposta.

Nunha situación semellante á de Buenismo Show están La RuinaFantastic Colofon ou Animus Iocandi, a nova gala desta edición, programada para o sábado 6 de maio ás 22:00 horas, e que contará con Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem e Sílvia Abril. Precisamente, ante a ampla demanda desta cita e da sesión do 29 de abril de Humoris Causa (con Dani Rovira, Eva Hache, Javier Cansado e Xosé A. Touriñán), ambas producións propias do evento, o Encontro Mundial de Humorismo activou unha segunda función nos dous casos. Os novos pases terán lugar na mesma xornada, pero en horario de tarde (ás 19.00 horas), para poder dar resposta así a alta demanda de billetes para estas actuacións exclusivas do EMHU.


O EMHU 2023

O Encontro Mundial de Humorismo, promovido por Etiqueta Negra e El Espectador, e que conta co apoio do Concello da Coruña, Xunta de Galicia e Estrella Galicia, reunirá durante dez días na cidade herculina as figuras máis destacadas da comedia a nivel estatal. Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dani Rovira, Eva Hache, Eva Soriano, Henar Álvarez, Ignatius Farray, Javier Cansado, Javier Dávila, Javier Veiga, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Manuel Burque, Marta Hazas, Pantomima Full, Sílvia Abril ou Xosé A. Touriñán, entre outros moitos nomes, formarán parte do cartel desta terceira edición, na que se incluirán funcións do podcast La Ruina, a gravación en directo de Estirando el chicle desde o castelo de Santo Antón ou mesmo a estrea en España de Garabato controlado, o último espectáculo do arxentino Juan Barraza. Tamén haberá ocasión de volver gozar das actuacións dos influencers Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas ou Xurxo Carreño con Sin datos no hay paraíso, espectáculo que regresa ao evento un ano despois da súa estrea no Teatro Colón e logo de xirar por recintos de toda España. 

Ademais destas citas, o EMHU será o escenario da estrea absoluta de dous novos traballos dehumoristas de Galicia: As R(h)umorosas, creado por Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola, e Ansia viva, de Oswaldo Digón e o músico Luis Tinaquero. Tamén conta con selo do país a película Amigos hasta la muerte, a adaptación cinematográfica de Javier Veiga sobre a exitosa obra teatral, que se estrea esta fin de semana no Festival de Málaga e que se proxectará o domingo 30 de abril no Teatro Colón. A sesión incluirá un breve coloquio e espectáculo que contará coa participación de Marta Hazas, David Amor, Xosé A. Touriñán e o propio Veiga. 


Na mañá deste vernes, 10 de marzo, esgotouse o Abono buenomais aínda é posible adquirir as últimas unidades do Abono bueno, de lo bueno lo mejor, de lo mejor lo superior (Buenismo Show + Sin datos no hay paraíso + Humoris Causa + Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida + Amigos hasta la muerte + Animus Iocandi + La Ruina + Fantastic Colofon), así como das outras modalidades existentes: o Abono bueno bueno (Juan Barraza: Garabato controlado + La Ruina + Animus Iocandi + Fantastic Colofon) ou Abono bueno, de lo bueno lo mejor (Buenismo Show + Sin datos no hay paraíso + Humoris Causa + Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida + Amigos hasta la muerte).

HORARIOS PROGRAMACIÓN DE PAGO EMHU 2023

Venres 28 de abril
21:30 horas | Teatro Colón: Buenismo Show * (estrea en Galicia)
* Entradas esgotadas, unicamente quedan billetes dispoñibles con abono.

Sábado 29 de abril
17:00 horas | Teatro Colón: Sin datos no hay paraíso
19:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa
22:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa

Domingo 30 de abril
16:00 horas | Castelo de Santo Antón: Estirando el chicle en un castillo*
*Entradas esgotadas.18:00 horas | Teatro Colón: Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida
20:30 horas | Teatro Colón: Amigos hasta la muerte

Luns 1 de maio
19:30 horas | Teatro Colón: Juan Dávila: La capital del pecado 2.0  *(estrea en Galicia)
*Entradas esgotadas.

Mércores 3 de maio
19:30 horas | Afundación: As R(h)umorosas (estrea absoluta)

Xoves 4 de maio
21:00 horas | Afundación: Ansia viva (estrea absoluta)

Venres 5 de maio
19:30 horas | Afundación: Juan Barraza: Garabato controlado (estrea en España)

Sábado 6 de maio
12:30 horas | Teatro Colón: La Ruina *
* Entradas esgotadas, unicamente quedan billetes dispoñibles con abono.
19:00 horas | Palexco: Animus Iocandi (estrea absoluta)
22:00 horas | Palexco: Animus Iocandi * (estrea absoluta)
* Entradas esgotadas, unicamente quedan billetes dispoñibles con abono.

Domingo 7 de maio
20:00 horas | Teatro Colón: Fantastic Colofon
* Entradas esgotadas, unicamente quedan billetes dispoñibles con abono.

20230310-NP-EMHU-Mais-de-8300-entradas-nun-dia-

Ruxe Ruxe publicará o seu novo disco, ‘Unha noite no interior dunha faísca’, o venres 17 de marzo

A banda de rock galega adianta a data de lanzamento do seu último traballo discográfico, o número 17 da súa dilatada traxectoria, cun xiro de guión nos seus sons, moita luminosidade e alguna que outra sorpresa

En paralelo, o mesmo venres 17, Ruxe Ruxe avanzará en exclusiva na súa canle de YouTube o videoclip de ‘Crebas’, un novo corte do seu LP

Ruxe Ruxe publicará o seu novo disco, Unha noite no interior dunha faísca (Lobicán Records, 2023), o venres 17 de marzo nas principais plataformas dixitais. A banda de rock galega adianta a data de lanzamento para compartir co seu público este novo traballo discográfico, o número 17 en máis de 25 anos de traxectoria, que chega no momento máis doce do grupo. Será un álbum ateigado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira e cunha aposta pola evolución nos seus sons, ademais de moitas outras sorpresas.

Con Unha noite no interior dunha faísca, a banda sorprende cun xiro de guión: vólvese máis coral mais sen perder a súa esencia máis característica, a ritmo de skas, retrousos e letras sarcásticas, incendiarias e reivindicativas; mais tamén con letras de amor e amizade fan boa mostra do ilusionante momento que vive a banda. O traballo de produción de Xurxo Piñeiro limpa de prexuízos os sons do grupo, que arrisca e aposta por novos camiños musicais nunca antes explorados. Neste álbum, Ruxe Ruxe soa máis aberto, aventureiro e ecléctico, e a voz da súa baixista, Xulia Fuentes, cobra protagonismo en distintos temas, como é o caso de Vaia onde vaia.

En paralelo á publicación do álbum, o mesmo venres 17 de marzo, Ruxe Ruxe publicará en exclusiva na súa canle de YouTube o videoclip de Crebas, outra pista do novo álbum. En palabras de Vituco Neira, Crebas é “a canción máis molona que fixemos nunca”. É un tema moi honesto, sinxelo e directo, que fala do amor -non exclusivamente romántico- e da confianza. A publicación do disco e do videoclip serán un aperitivo do que o público poderá escoitar ao vivo na Sala Capitol de Santiago o sábado 25 de marzo, no concerto de presentación deste novo traballo discográfico. As entradas están á venda a través da plataforma Wouticket.


RUXE RUXE

Ruxe Ruxe é un grupo de música galego nacido en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996, da man de catro amigos do instituto, tres dos cales (Xan Pericán, Xaco Barona e Vituco Neira) conforman agora o núcleo veterano da banda. A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. Nas súas letras, en galego e de temática moi variada, predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico. En 1999 sacaron o seu primeiro disco, de título homónimo. Ademais de 13 LP’s, teñen varios EP’s, unha banda sonora, unha curtametraxe, un documentario sobre o grupo e incontábeis colaboracións, sumando concertos durante máis de dúas décadas por toda España, Portugal e Italia. O seu 25 aniversario celebrouse no ano 2021 cunha exposición que recolleu o universo gráfico do grupo, protagonizada por algúns dos deseñadores máis influentes da nosa historia recente. Ao tempo, 32 bandas galegas rendéronlles homenaxe coa gravación do disco tributo ‘25 anos ruxindo’.

20230307-NP-data-novo-disco-Ruxe-Ruxe

Dios Ke Te Crew contará con Boyanka Kostova no seu concerto do 18 de marzo na Coruña, no marco xira ‘Tremendos Anos 20’

A banda máis emblemática do hip hop do país actuará na sala Playa Club a partir das 22:00 horas e as entradas para a cita están dispoñibles en www.enterticket.es 

Trátase do segundo directo dunha xira especial coa que Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock celebran dúas décadas na escena musical

Dios Ke Te Crew, a banda máis emblemática do hip hop galego, actuará na Coruña o vindeiro sábado 18 de marzo no marco da nova xira do grupo, nomeada Tremendos Anos 20, coa que celebra o seu vixésimo aniversario sobre os escenarios revisando os grandes éxitos da súa traxectoria e presentando as súas últimas creacións. O Playa Club acollerá un directo no que a banda estará acompañada por Boyanka Kostova, o dúo de referencia do trap galego, formado por Sibran Yiyi e O Chico do Funko (coñecido tamén polo seu proxecto musical Ortiga). As entradas para a cita, que comezará ás 22:00 horas, están á venda na plataforma www.enterticket.es

Dios Ke Te Crew é historia do rap en galego. Desde a súa formación no 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destacou polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Logo da publicación de tres LP e percorrer ducias de festivais e salas de concertos por toda Europa, DKTC publicou o pasado 2022 En que ano estamos?!, un EP con cinco temas nos que os seus membros demostran por que é considerada como a banda máis mítica do hip hop do país. Entre os novos tracks, acompañados por pezas audiovisuais de Xaime Miranda, destaca un dos himnos dos últimos tempos: OG (Orixinal Galego) con Boyanka Kostova.

Este mes de marzo DKTC regresa ás salas ca xira Tremendos Anos 20, na que presenta unha potente posta en escena audiovisual: as imaxes creadas polo artista de renome internacional e precursor do Gif Art, A.L. Crego, arroupan e interactúan co contido das cancións de DKTC, aumentando de maneira exponencial ás xa de por si enérxicas actuacións que caracterizan á banda.

CONVOCATORIA – DIOS KE TE CREW EN A CORUÑA

Acto: concerto na Coruña da xira ‘Tremendos Anos 20’

Data: sábado 18 de marzo

Hora: 22:00 horas (21:30 horas apertura de portas)

Lugar: Playa Club (Andén de Riazor s/n)

20230307-DKTC-en-A-Coruna

Conferencia “A cousificación e mercantilización do corpo das mulleres. Revisión das cantigas de tradición oral”, impartida por Vanesa Siso, na Casa da Cultura de Vilalba

O vindeiro venres 10 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, celebrarase a conferencia de Vanesa Siso sobre “A cousificación e mercantilización do corpo das mulleres. Revisión das cantigasde tradición oral”dentro do ciclo MULLERES GALEGAS que ten programado o IESCHA para este ano 2023.

NOTA_INFORMATIVA_VANESA-SISO