Hai unha historia de pés descalzos
que sempre se repite
de silencios enquistados no frío
dunha nena sen pelo
a dormir na lama
Asunción do Xestal apañaba bosta de ovella
para estercar as leiras
descalza
En Mindelo
sen zapatos
negábanche os camiños
Nas praias de Lesbos
varan pequenos zapatos
cada día
porque tamén hai mortos a vagar descalzos
na espiral eterna
(A raíz da mandrágora falou na cunca de té:
así son os vosos zapatos
bolboretas de ás molladas
a anunciar un río que vos arrastrará
-que nos arrastrará-
como arcánxeles cegos)