OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Un elefante na sala de estar

Autor: Berta Dávila

Editorial: XERAIS

Ano de publicación: 2022

Repito autora. Desta vez cunha obra que forma parte do catálogo Fóra de xogo, de Xerais, e que acadou o XIII Premio Jules Verne. Con todo, coido que pode ser de interese, tamén, para o público adulto –se é que existe fronteira algunha entre estes dous territorios-.

A trama xira ao redor do suicidio. Déixase claro desde o inicio e evítase, en calquera momento, camuflar ou subordinar este tema a outros. Un punto elemental da obra é o rigor desde o que se narra este feito e se abordan cuestións relacionadas coa saúde mental. A autora, desde o meu punto de vista, sae ben parada deste reto.

Outro dos acertos sitúase na maneira en que se constrúe unha protagonista ausente. Imos sabendo dela a través da mirada poliédrica do resto de personaxes, que dan contan do universo de Rosa.

Un elefante na sala de estar non é tan só un libro que fale de temas que estamos a recuperar no espazo público. Non. É moito máis. É memoria, reparación e afecto, entre outras moitas cousas.

Gustoume, especialmente, o peche da obra coa parábola hindú, que a seguir vos deixo:

“Catro sabios cegos querían saber como era verdadeiramente un elefante e pedíronlle ao rei que lles deixase tocar un.

Un tocou a cola do elefante e dixo: un elefante é coma unha corda.

Outro tocou o bandullo e dixo: un elefante é coma un tambor.

Outro tocou a orella e dixo: un elefante é coma un abano.

O último tocou unha das patas e dixo: un elefante é coma o tronco dunha árbore.

Como non se poñían de acordo preguntáronlle ao rei quen deles os catro dicía a verdade e o rei contestou así: o que cada un de vós dixo é unha cousa certa, pero todos estades equivocados. Un elefante é a suma de todo iso e, se ademais de vós houbese aquí catro sabios máis, outras catro cousas máis sería”.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: El amante

Autor: Marguerite Duras

Editorial: Círculo de Lectores

Ano de publicación: 1987

Chego a Marguerite Duras tarde. Demasiado tarde, tal e como adoita sucederme con moitas das autoras que nos últimos anos vou descubrindo, grazas, case sempre, ao diálogo que establezo con outras lectoras. Digo isto sen deixar atraparme pola culpa, tan só coma evidencia do labor de busca que imos realizando para recuperarmos distintas voces femininas, máis ou menos consagradas.

Durante este verán asisto a un proxecto de biblioterapia con mulleres, que se desenvolve na Fundación Uxío Novoneyra. Na segunda sesión, que guía Lucía Miranda, falamos de “lembrar e reconstruírse”, transitando por diferentes textos, entre os que atopamos fragmentos desta obra.

Recoñezo unha forza atraínte na narrativa de Marguerite Duras. Pois parece que a protagonista desta novela autobiográfica, malia a súa xuventude, gozase dunha asombrosa determinación en cada un dos seus actos. E a pesar diso, non pode haber máis fraxilidade en toda ela, exposta a diferentes violencias, que unha identifica perfectamente a medida que avanza na lectura. “Nunca buenos días, buenas tardes, buen año. Nunca gracias. Nunca una palabra. Nunca la necesidad de pronunciar una palabra”.

Coido que El amante consegue atravesarnos, precisamente, por todo aquiloque non se conta de maneira explícita e que envolve netamente a secuencia dos encontros amorosos entre unha adolescente e un adulto adiñeirado. Así a todo, o tempo e o espazo, situados na Indochina de principios do século XX,xogan un papel decisivo para comprendermos o modus operandi dos personaxes, que esixe, pola nosa parte, unha mirada afastada do presente.

Aventuraríame a dicir, abraiada aínda polo pouso desta experiencia lectora,que detrás do desexo latente nestas páxinas existe unha ferida aberta que sangra, que non deixa de sangrar. Dela non podemos nin poderemos fuxir, quizais, porque como sinala a poeta Chantal Maillard, “la herida nos precede”.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Lo que hay

Autor: Sara Torres

Editorial: Penguin Random House

Ano de publicación: 2022

Comezo a ler esta novela tras as recomendacións dalgunhas amizades. Non coñeces a Sara Torres? Non –digo con certa vergoña infantil-. Leopausadamente mentres deixo atrás a miña casa para pasar uns días de descanso polo sur. Resulta curioso a sincronía que se produce entre a propia viaxe e a da narrativa, que tamén está marcada por idas e voltas a diferentes lugares. 

É fácil mergullarse en Lo que hay. Existe ese algo que nos permite conectar, desde un principio, cunha historia que recende, por veces, a poesía –así a todo, a autora posúe unha ampla traxectoria como poeta-.

Gústanme os libros que rompen ou disolven realidades cotiás con certa delicadeza, coma unha brisa imprevista que empurra unha copa e faina desaparecer en po cristalino. Este lógrao sen caer no xuízo gratuíto. Simple ou ousadamente cuestiona os moldes desde os que se asentan as nosas relacións, as condicións que establecemos nelas, abrindo, asemade, unha fenda que merece ser transitada. 

Eu diría que é un libro do corpo, que chega profundamente porque o sentimos na propia pel. Sentimos a dor da perda coma unha lousa nas costas, mais tamén o desexo inminente en forma de remuíño sobre o ventre espido.Pasamos, así, de estadios de baleiro a plenitude coa naturalidade que esixe un corpo afastado de convencionalismos. 

Lo que hay é, sen dúbida, un convite á vida, que non agarda, que está a suceder mentres pretendemos aferrarnos a un absurdo control de amores e emocións. Lede a Sara Torres, que nos di “la herida me avala, lo que doy es total”.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O único que queda é o amor

Autor: Agustín Fernández Paz

Editorial: XERAIS

Ano de publicación: 2008

Hai libros aos que unha debe volver, de vez en cando, porque seguen resoando no transcurso do tempo. Ese é o caso de O único que queda é o amor do estrañado Agustín Fernández Paz, cuxa cita inicial constitúe, xa de entrada, unha declaración de intencións para as románticas e románticos:

“E cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor”.

Orhan Pamuk

A obra está conformada por unha recompilación de historias moi diversas nas que o amor é a principal forza motora. Amores que nacen entre libros, amores que evoca a ausencia, amores non correspondidos, amores narrados por mascotas… Amores, ao fin e ao cabo, que prenden coma chamas nas lectoras e lectores desde o primeiro instante.

Malia ser este un dos grandes temas da literatura universal, coido que o libro, que foi publicado por primeira vez hai tres lustros, rompe coa uniformidade de moitas historias de amor, que perpetúan, aínda hoxe, o traxecto en sentido único dos sentimentos.

De lectura fácil e amena, O único que queda é o amor é un dos grandes imprescindíbeis das nosas letras. Motivo suficiente para mergullarse este verán nas súas páxinas, non si?

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: 15 voces da nova poesía galega

Autora: VVAA

Editorial: GADISA Retail SLU

Ano de publicación: 2021

Non sei se tocaba ou non unha antoloxía poética neste espazo, aínda que tampouco sigo unha orde fixa para falar dos libros. Porén, este chegou a minde casualidade, nunha das visitas á biblioteca. Pouco antes lera outra dasantoloxías poéticas máis recentes, Poesía galega novísima, publicada pola editorial Urutau, onde coinciden algunhas das voces que aquí atopamos. En calquera caso, a primeira impresión, unha portada na que aparecen case seguidas as palabras “poesía” e “GADIS”, descolocoume algo e iso xa foi motivo suficiente para espertar a miña curiosidade.

A introdución por parte da profesora María Xesús Nogueira desvélanos parte dese misterio, pois sitúanos na homenaxe á poeta Xela Arias, Letras Galegas 2021, defensora de levar a poesía a lugares pouco habituais. Debo recoñecer que me gusta a proposta e que me gustaría ver moita máis poesía pola rúa,polos parques, polos hospitais ou, incluso, polas autoestradas. Por que non? Mais o realmente revelador é o interior do libro. Poesía sublime que se filtra polos buratos dunha cesta da compra. Porque o feito de achegar a poesía a todos os públicos non debe restar nin un ápice da súa calidade.

Andrea Nunes, Tamara Andrés, Lúa Mosquetera, Gonzalo Hermo, Samuel L. París, Ismael Ramos, Quico, Helena Salgueiro, Xabier Xil, Rosalía Fernández Rial, Daniel Landesa, Celia Parra, Cristina V Miranda, Pompa & Boato e Alba Cid constitúen esta magnífica polifonía. Diversa na forma e no tema, mais impregnada de frescura e cotiandade. Así mergullámonos no amor- balea/ mentres se abren as espigas/ co recendo aínda do primeiro pracer/ brindando pola amizade/ escribindo postais desde cidades tristes/ lembrando o rito da casa cada quince de agosto/ asumindo a derrota en cada píxel da pantalla. Sen aforros/ sen reloxo/ perdidas nalgún lugar do atlas/ somos dor e somos pracer. Foi así como comezamos a parirnos…

Benvida sexa a poesía que, con furia nova, nos atrapa para sempre. Neste caso, deixarse vencer é a mellor das recompensas.