O sábado 16 de marzo de 2019 celebrarase en Monterroso a IV Feira do Disco e Libro Galego. En horario de 10:30 a 21:30 horas, baixo a organización do colectivo 25 Xastres, o local monterrosino de A Cúpula acollerá distintas actividades relacionadas co mundo do disco e do libro galego. Un concepto que une dous elementos fundamentais da difusión cultural, nun mesmo espazo co galego como lingua vehicular. Stands para ollar, imaxinar e desfrutar, e a posibilidade de presenciar música en directo, presentacións literarias e actividades, en espazos integrados na feira.

Voces literarias coma Carlos Meixide, Adolfina Mesa, Ana Vila Portomeñe, Toño Núñez, Yolanda Castaño, Xosé Duncán, Diego Giráldez e outras traerán as súas últimas creacións para presentalas e/ou asinar exemplares das mesmas.

Ao seu carón empresas dedicadas ao eido da edición ou colectivos centrados en actividades vinculadas coa promoción cultural.

Na seguinte galería de imaxes poderase comprobar o programa que se desenvolverá ao longo do día no horario xa mencionado arriba.