
O venres 30 de outubro, El Callejón del Gato e Tartean Teatroa pechan o Itinerario Constelacións en Galicia, que levou propostas escénicas de cinco comunidades a nove localidades da Coruña e Lugo
Teatro de Ningures, Teatro O Cubo e Ártika Cía. completarán en novembro as súas xiras por Navarra, Cantabria, Asturias e Euskadi
Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, pecha esta semana a súa programación en Galicia cunha dobre cita o venres 30 de outubro. A oitava edición, baixo o lema Latexos Escénicos, despídese despois de levar teatro, monicreques e ilusionismo a nove localidades das provincias da Coruña e Lugo.
A primeira das funcións terá lugar en Arzúa, onde a Capela da Madanela acollerá ás 18.00 horas El gato con botas de agua, da compañía asturiana El Callejón del Gato, Premio Oh! 2025 ao mellor espectáculo para a infancia. A partir do conto clásico, a montaxe combina teatro visual, monicreques e obxectos para reflexionar sobre os dereitos fundamentais da infancia. A entrada é libre ata completar a capacidade e, ao remate, haberá un encontro posfunción coa compañía.
Ese mesmo día, ás 20.30 horas, o Auditorio Municipal de Vimianzo recibirá ¿Dónde están los niños?, da compañía vasca Tartean Teatroa. Escrita e dirixida por Jokin Oregi, a obra parte da historia de Maddi, unha nena de oito anos que desde hai tempo mostra sinais de que algo non vai ben, para construír un retrato coral dos adultos que a rodean e unha reflexión sobre as presións que recaen na infancia. Os personaxes infantís nunca aparecen en escena: os adultos interactúan con eles, pero o público non os ve. As entradas están á venda (5€) na plataforma Woutick.

O teatro galego xira ata o 15 de novembro
Mentres CEN se despide de Galicia, as tres compañías galegas seleccionadas nesta edición continúan a súa xira polo Itinerario Constelacións. Teatro de Ningures levará As gardiás, ou o nó do tecelán, Premio da Crítica de Galicia 2025, a Zizur Mayor (Navarra) o 6 de novembro, a Unquera (Cantabria) o 7 e a Villaviciosa (Asturias) o 8. O 15 de novembro, data de peche da edición, Teatro O Cubo representará Voo en Sopela (Euskadi) e Ártika Cía. porá en escena Non pasarán en Corvera (Asturias).
Toda a programación de Camiño Escena Norte está dispoñible na web oficial escenanorte.com, onde tamén se pode consultar o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, que reúne 36 producións dos seis territorios.

Camiño Escena Norte
CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo.
Camiño Escena Norte conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.
CAMIÑO ESCENA NORTE · ÚLTIMAS FUNCIÓNS EN GALICIA
30.10.2026, 18:00 h | Arzúa. Capela da Madanela
El gato con botas de agua, de El Callejón del Gato (Asturias)
Teatro e monicreques · Público infantil e familiar (a partir de 2 anos) · 42 min
Entrada libre ata completar capacidade · Encontro posfunción co público
30.10.2026, 20:30 h | Vimianzo. Auditorio Municipal
¿Dónde están los niños?, de Tartean Teatroa (Euskadi)
Teatro e novas linguaxes · Público adulto · 90 min · Función en castelán
Entrada: 5 € · Venda: Woutick
Sinopse El gato con botas de agua
Un barco de pesca en alta mar, unha tormenta e un rescate… A trama intemporal dun conto pode axudarnos a pasar a noite e chegar felizmente a porto. El gato con botas de agua é unha adaptación do conto clásico que reflexiona sobre os dereitos fundamentais da infancia: o dereito a un nome e a unha nacionalidade, á protección e ao coidado, á alimentación e a unha vivenda digna.
Sinopse ¿Dónde están los niños?
“Os nenos non lembran o que tratamos de ensinarlles. Lembran o que somos” (Jim Henson).
Maddi, que é como se chama a nena da nosa historia, leva unha longa tempada amosando sinais de que algo non vai ben. Está inapetente, as súas notas na escola empeoraron considerablemente e na casa móstrase esquiva ante os intentos dos seus pais por saber que lle pasa. Finalmente deciden levala á consulta de Leire, a psicóloga. Porén, unha grave crise obriga a todos a enfrontarse ao acontecido. Sobre estes feitos aséntase unha dramaturxia que revela a presión á que son sometidos os nenos e nenas por unha sociedade crebada, cruelmente esixente e absolutamente depresiva.