Gala-Concerto da Vª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais


A Casa-Museo Manuel María celebra o sábado, 31 de outubro, ás 17.30 hrs, a gala-concerto da fase final da Vª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. A esta fase final accederon cinco pezas seleccionadas entre o conxunto das presentadas a concurso: “Agora, que gastei os meus outonos”, de David Cuevas Sánchez; “Anceio”, de Marcel Chirilov Chirilov; “Morte” de Julio Montero Rodríguez; e “Agora, que é o tempo de soñar” e “Bolboreta”, ambas de Saúl Aguado de Aza.

A gala contará como intérpretes convidados os músicos galegos Patricia Rodríguez Rico, soprano, e Daniel Leiro Castro, pianista. O seu concerto constará de dúas partes. Na primeira interpretarán as cinco pezas finalistas do certame, mentres que na segunda -ao tempo que o xurado estea a deliberar para determinar a canción gañadora- o público asistente poderá desfrutar dunha serie de pezas dos compositores Marcial del Adalid, Xoán Montes, Eduard Toldrà, Juan Durán e Antón García Abril baseadas en poemas de Fanny Garrido, Aureliano Pereira, Rosalía de Castro, Antonio Noriega Varela, Xosé Neira Vilas e Álvaro de las Casas.

Esta Gala-Concerto é de acceso libre e gratuíto até completar o aforo, mais é necesario facer, previamente, a reserva correspondente a través do correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou enviando un whatsapp ao 698177621.

Intérpretes:

Patricia Rodríguez Rico (soprano), titulada en Grao Medio de Piano e Superior na especialidade de Canto Lírico, completou a súa formación académica con tres títulos de Mestrados enfocados ao ámbito docente. Perfeccionou a súa formación vocal cos repertoristas Manuel Burgueras e Malcolm Martineu, e coas mestras Alicia Nafé, Ann Murray e Mariella Devia, entre outras. A súa versatilidade como solista abrangue a ópera, o oratorio e a zarzuela, cooperando tanto na Tempada Lírica da Coruña, como en diversas óperas representadas en San Martiño Pinario, en varias zarzuelas galegas en colaboración coas Bandas Municipais de Coruña e Santiago de Compostela, e tamén en grandes obras sacras como o Requiem de Fauré, A Mortuis Resurgere de Jorge Grundman ou As sete palabras de Cristo na Cruz de Dubois, entre outros. Actualmente compaxina os seus recitais cun sólido labor na docencia vocal, tanto solista como coral.

Daniel Leiro Castro (piano), iniciou os seus estudos musicais no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Posteriormente formouse no Centro Superior de Música do País Vasco, especializándose en música de cámara. Ampliou a súa formación nos Países Baixos, onde realizou un Mestrado de Interpretación en Codarts, Universidade para as Artes de Róterdam. Actualmente desenvolve a súa actividade profesional principalmente na música de cámara e a docencia, alén de contar cunha ampla traxectoria como pianista acompañante de coros en España e nos Países Baixos.