
A Igrexa Museo Santa María A Nova e o Teatro Coliseo Noela acollen mañá venres, a partir das 19.00 horas, os tres concertos do día, cuxa entrada é gratuíta
O 12º Noia Harp Fest chega ao seu ecuador coa actuación de tres solistas cunha relevante proxección internacional. A valenciá Noelia Cotuna, a escocesa Rebecca Hill e o colombiano Yofre Brito formarán parte do cartel desta terceira xornada do festival.
A solista e músico de cámara Noelia Cotuna, galardoada tanto a nivel nacional como internacional pola súa técnica e calidade interpretativa, será a responsable de abrir a xornada do venres 1 no Noia Harp Fest nun concerto que se celebrará da man da AEDA (Asociación Española de Arpistas) e que terá lugar, a partir das 19.00 horas, na Igrexa Museo Santa María A Nova.
Cotuna, quen ten actuado baixo a batuta de figuras recoñecidas como Kill Petrenko, Zubin Mehta, Daniel Barenboim ou Gustavo Dudamel, é un dos pratos fortes desta edición do festival. Na súa actuación, a actual arpa solista da Orquestra de la Comunitat Valenciana (OCV) presentará un repertorio que renderá homenaxe á intérprete e compositora francesa Henriette Renié no 150ª aniversario do seu nacemento.
A partir das 21.00 horas, o Teatro Coliseo Noela acollerá dúas estreas en España. É o caso da escocesa Rebecca Hill, quen presentará o seu álbum Thawcrook acompañada do violinista Charlie Stewart. A parella experimenta sobre a tradición con técnicas de composición contemporáneas, xerando temas hipnóticos e con grandes dotes de improvisación nos seus arranxos. Será unha das citas imprescindibles tanto para as amantes da música folk como para aquelas interesadas na súa renovación.
Tamén subirá ás táboas do Teatro Coliseo Noela unha lenda da arpa llanera colombiana: Yofre Brito Rivera. Intérprete, compositor e arranxista recoñecido internacionalmente, ten actuado en máis de 15 países (entre eles México, Francia, Italia, Alemaña, Venezuela ou Brasil) representando a música llanera. Tamén é coñecido por ser o impulsor do Festival Internacional Arpas Sin Fronteras en Cúcuta (Colombia), un evento que promove o intercambio cultural arredor da arpa e no que participan artistas de máis de 10 países.





NOIA HARP FEST
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é o único festival dedicado ao instrumento en todo o noroeste peninsular. A interpretación musical a través da arpa é o eixe que vertebra unha programación que, cada verán, reúne diferentes bandas e solistas sobranceiras, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes.
O Noia Harp Fest, que decorre do 30 de xullo ao 2 de agosto -e que contará cunha Gala de Entrega do Premio Portus Apostoli o xoves 7 de agosto-, presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito actúan nun evento no que tamén participan máis de 20 estudantes do IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia.
Este 2025, Noia acolle trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. O festival ten unha clara vocación divulgativa: pon en relación as artistas e ao público en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia, e dá un espazo relevante ao talento máis novo do país.
A 12ª edición do festival está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E; ademais da colaboración da Deputación da Coruña.


AXENDA NOIA HARP FEST | VENRES 1 DE AGOSTO 2025
19.00h | Igrexa Museo Santa María A Nova
Noelia Cotuna
21.00h | Teatro Coliseo Noela
Rebecca Hill & Charlie Stewart
Yofre Brito Rivera