
A compañía galega de distribución alimentaria e Escena Galega ratificaron o acordo de colaboración para a sétima edición do CEN
Camiño Escena Norte celebrarase do 12 de setembro ao 26 de outubro en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa
Por quinto ano consecutivo, a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski apoia o proxecto de intercambio de artes escénicas Camiño Escena Norte. Faino como patrocinador oficial desta sétima edición, que se celebrará do 12 de setembro ao 26 de outubro baixo o lema Sementar, coidar e xermolar. Vegalsa-Eroski afianza así o seu compromiso cunha iniciativa que promove o intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa.
Na sinatura do acordo, celebrada na Coruña, estiveron presentes a directora de Sostibilidade e Comunicación de Vegalsa-Eroski, Gabriela González; o coordinador de Camiño Escena Norte, Diego V. Meizoso; e, por parte de Escena Galega -a asociación promotora do CEN en Galicia-, Gustavo del Río. O acto tamén contou coa asistencia de Pérez & Fernández, unha das tres compañías galegas que participará este ano no Itinerario Constelacións, eixe central do programa, coa súa montaxe Nanay de la China.
“Para Vegalsa-Eroski a promoción da cultura é fundamental porque nos axuda a manter vivo o noso patrimonio, polo que estamos moi felices de renovar esta colaboración. Sobre todo porque falamos dun proxecto que se desenvolve en Galicia, Asturias e outras comunidades, unindo diferentes proxectos e perspectivas do noso territorio desde as artes escénicas”, destacou Gabriela González.
“Celebramos que Vegalsa-Eroski siga apoiando a cultura e en especial as artes escénicas e o espectáculo ao vivo a través dun proxecto que tece redes e abre novos camiños entre os territorios. A súa aposta foi e segue a ser fundamental para a estabilidade e desenvolvemento de Camiño Escena Norte. Establecemos unha alianza entre o sector cultural e creativo e o mundo da empresa que nos parece importantísima e que posibilita que este ano vaiamos ter actividade en case 30 sedes de Galicia e o Principado de Asturias”, indicou Gustavo del Río.
Canda a compañia coruñesa Pérez & Fernández, tamén representarán a Galicia no Itinerario Constelacións de Camiño Escena Norte o Grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, que xirará con Hellen Keller, a muller marabilla?; e Paula Quintas Cía., que presentará o seu espectáculo Multiperspectivas#3.
VEGALSA-EROSKI
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 288 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercadorías xerais situada na localidade de Sigüeiro, na Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.
CAMIÑO ESCENA NORTE
Camiño Escena Norte nace no 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como fío condutor os roteiros históricos do Camiño de Santiago do norte da Península Ibérica. Ao longo destes sete anos, Camiño Escena Norte levou o teatro, a danza e artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Desde este 2025, tamén chegará a un novo territorio: A Rioxa.
CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto.
CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial. Ademais, Camiño Escena Norte conta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.
20250711-NP-Vegalsa-Eroski-apoia-CEN