
Desde este xoves, 22 de maio, e até o venres, 13 de xuño, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, o creador transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene traballará na súa proposta Tuerce
Tuerce é un proxecto de investigación artística que, poñendo a disforia de xénero no centro, propón un espazo de diálogo e exploración expandida a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias
Unha vez finalizada a súa residencia, Euyín Eugene ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela, o venres, 13 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala
Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
O artista Euyín Eugene inicia a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso este xoves, 22 de maio, en Santiago de Compostela. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A Cidade da Cultura e o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en Compostela, acollen desde hoxe e até o venres 13 de xuño a segunda destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta Tuerce, do artista transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene.
Tuerce é un proxecto de investigación artística que, poñendo a disforia de xénero no centro, propón un espazo de diálogo e exploración expandida a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, Euyín Eugene ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG en Santiago de Compostela, a velada do venres, 13 de xuño, a partir das 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.
SOBRE O PROXECTO
Tuerce é un proxecto de investigación artística do artista transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene que, poñendo a disforia de xénero no centro, propón un espazo de diálogo e exploración expandida a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias.
Esta proposta nace coa intención de xerar, a través da creación, espazos para compartir e reflexionar arredor da disforia de xénero coas persoas que a experimentan e desmarcala do estigma para comezar a construír novos rexistros e matices que sirvan non só á comunidade trans, senón tamén á sociedade en xeral.
Que diría a disforia se puidese falar a través dun corpo? pregúntase Euyín, e observa que o corpo trans e non binario, a través da súa experiencia, torce, vira, altera, desvía, mobiliza e permite desnaturalizar o sistema sexo-xénero.
Euyín propón xerar unha peza na que, poñendo o seu corpo no centro, conflúan voces, sons e texturas que evoquen o tránsito dun corpo que decidiu autodeterminarse no medio do sistema sexo-xénero, colaborando en escena con Íren Márquez Dos Santos para a creación das paisaxes sonoras que atravesarán o dispositivo escénico. Interésalle especialmente o papel do público dentro deste dispositivo, xa que, máis que interpelar, busca xerar pontes e abrir preguntas, dialogando co público, tamén atravesado polo mesmo sistema.

SOBRE O ARTISTA
Euyín Eugene é unha persoa transmasculina non binaria, nacida en Petare, Venezuela. É creador visual, escénico e xestor cultural, graduado en Arte Dramática pola Universidade Nacional Experimental das Artes (Caracas). A súa práctica artística centrouse na performance e na creación de espazos para o seu desenvolvemento. Traballa arredor de procesos nos que se entrelazan a experiencia encarnada e os acontecementos políticos e sociais que a atravesan e condicionan. Interésalle colectivizar os procesos e xerar espazos de diálogo. Son temas recorrentes nas súas propostas as relacións de poder, a migración, o xénero e a memoria histórica.
O seu traballo foi programado en diversos espazos e institucións como La Casa Encendida, La Parcería, Juf, Espacio Afro e o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Na súa traxectoria como xestor cultural en Madrid, colaborou na creación e coordinación de proxectos con La Parcería, Espacio Afro, Osikán e Madrid Negro.
Pola súa banda, Íren Márquez Dos Santos é une artista e produtore afrodescendente de Madrid que investiga e abraza as formas de resistencia e sanación das comunidades da diáspora a través do son. A súa investigación sonora céntrase no mar e na súa materialidade política, afondando no potencial do son submarino para expor realidades ambientais fracturadas e conflitivas que repercuten nas narrativas históricas coloniais e neocoloniais sobre a superficie da auga.
As súas producións sonoras máis recentes inclúen un espazo sonoro comisionado por Tomboysdontcry e Congregations para Lingua Lunga en Milán (Italia); un espazo sonoro para a versión curta de Más allá de la piel en Conde Duque (Madrid); o obradoiro sonoro Somos ruidos fluyentes para Hablar En Arte e 21Distritos; sesións de DJ para Una fiesta salvaje en Matadero Madrid e para o evento Plurrrii do Jokko Collective, en Foc Barcelona.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
MÁIS INFORMACIÓN