O FIOT abre a inscrición para participar na 10ª edición do Certame Micro-Escenas M2

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo publica a nova 

convocatoria desta iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada 

en Galicia, que festexa o seu décimo aniversario e busca visualizar novos formatos 

e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes

As propostas -pezas de pequeno formato, de entre 10 e 20 minutos, 

creadas a medida para espazos non convencionais, cun máximo de 25 espectadores 

e, prioritariamente, en lingua galega- poden presentarse até o 21 de xuño 

a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com

O xurado, integrado por profesionais vinculados ao sector das artes escénicas, 

seleccionará de 4 a 6 propostas gañadoras, que se darán a coñecer antes do día 10 de agosto 

e recibirán unha compensación económica de 500 euros, unha vez representadas

As obras seleccionadas neste Certame Micro-Escenas M2 serán exhibidas no FIOT 

entre o 3 e o 31 de outubro, onde serán valoradas polo público asistente mediante un sistema 

de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor Interpretación e ao Mellor Espectáculo

As representacións terán lugar en localizacións singulares da localidade bergantiñá: 

un parque-ximnasio, unha xoiaría, un cuarto de conserxes, unha tenda de moda e decoración, 

unha tenda de moda infantil, un comercio de artigos de segunda man, unha zapatería, unha pastelería, 

unha tenda de complementos, un parque e unha tenda de informática


O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo abre a convocatoria para participar na décima edición do Certame Micro-Escenas M2, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posiblidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.

O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, que neste 2026 festexa o seu décimo aniversrio, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes.

Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.

Este luns, 4 de maio, o FIOT abre a inscrición da décima edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 3 e o 31 de outubro de 2026.

Neste 2026, os espazos ofertados de Carballo serán un parque-ximnasio, unha xoiaría, un cuarto de conserxes, unha tenda de moda e decoración, unha tenda de moda infantil, un comercio de artigos de segunda man, unha zapatería, unha pastelería, unha tenda de complementos, un parque e unha tenda de informática.

As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, prioritariamente, en lingua galega, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais. 

As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 500€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á Mellor nterpretación e ao Mellor Espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico fiot.microteatro@gmail.com, rematará o 21 de xuño.

313 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN NOVE ANOS

Ao longo dos seus primeiros nove anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (313) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nestes primeiros nove anos de actividade, Mcontou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nunha perruquerría, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.

No 2025, o FIOT recibiu un total de 25 propostas para participar no Micro-Escenas M2, tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As seis pezas finalistas seleccionadas para o #FIOT34 foron: Domitila, de Amparo Martínez; Katharsis, de Catuxa Leira; O novo, de Dani Blanco; Covers2, de Corifeo Teatro; Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra. Finalmente foi Gracias por su visita, de Uxía Algarra, a peza que recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no #FIOT34, cunha puntuación de 4,56 sobre 5 outorgada polo público asistente, mentres que Estrella Tomé, de Bengala Teatro Físico, foi a galardoada co premio á mellor interpretación do IX Certame Micro-Escenas M2 polo espectáculo Alicia Wants To, cunha puntuación de 4,62 sobre 5.

 Bases X Certame de Micro-Escenas M2
https://fiot.gal/wp-content/uploads/2026/05/BasesME2026.pdf

Folla inscrición X Certame de Micro-Escenas M2
https://fiot.gal/wp-content/uploads/2026/05/InscricionME2026.pdf

20260504-NP-convo-Micro-Escenas-FIOT-2026

Concerto AS RÚAS DO VENTO CEIBE

Desde a Casa-Museo Manuel María anuncian un ambicioso proxecto musical que se vai levar a cabo proximamente: o Concerto As rúas do vento ceibe. Un espectáculo musical baseado na musicalización de poemas de Manuel María, pertencentes ao seu poemario “As rúas do vento ceibe”, alén doutros poemas de Rosalía e Celso Emilio Ferreiro, que se poderá desfrutar gratuitamente o 15 de maio, ás 20.30 hrs, en Lugo (Auditorio Municipal Fuxan os Ventos); o 29 de maio, ás 20.30 hrs, en Pontevedra (Pazo da Cultura); e o 30 de maio, ás 20,30 hrs, en Santiago de Compostela (Auditorio de Galicia).

O concerto vai reunir máis de 300 voces, músicos e músicas, que interpretarán as pezas compostas por Xosé Carlos Seráns. A Orquestra Sinfónica de Pontevedra, a mezzosoprano, Julia Portela Piñón e unha ampla representación coral de Galiza, cun un coro mixto -composto por cinco corais (Coro de Cámara Thalassa de María, Coro do Hospital de Lugo, Coro Liceo de Vilagarcía, Coral de Solfa de Santiago de Compostela e Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra)- e un coro xuvenil -formado por tres coros (Peque Coro In Crescendo de Ferrol, Voces da Terra Chá e Coro do IES A Xunqueira de Pontevedra)-, todo dirixido polo director de orquestra, David Fiuza. Unha montaxe de grande envergadura musical e de grande significación cultural para Galiza.

Os billetes para poder presenciar este espectáculo pódense retirar en:

Lugo: poden solicitarse, despois do 5 de maio, en liña: en https://entradaslugo.es ou presencialmente: no Vello Cárcere ou na Oficina de Turismo (Praza do Campo).

Pontevedra: non hai que retirar. Entrada libre até completar o aforo.

Santiago de Compostela: poden solicitarse, a partir do 19 de maio en liña: en https://compostelacultura.gal ou presencialmente: na Zona C (Preguntoiro, 1-Praza de Cervantes, en horario de martes a sábado, de 11 a 14 hrs e de 16 a 19 hrs).

O concerto está patrocinado pola Área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, polo Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Dinamización Social e Cultural, e pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Tamén colaboran a Concellaría de Cultura,Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e o Concello de Santiago de Compostela.