Coa idea de tecer unha rede de cultura e activista, o festival organiza, por quinto ano consecutivo, un concurso literario de relato curto sobre diversidade en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña
O V Certame de Literatura LGTBIQ+ pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBIQ+
As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+, e poderán presentarse até o 31 de maio, optado a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100€)
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival (do 5 ao 12 de xullo de 2026), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios
As bases de participación poden consultarse na páxina web do festival, onde tamén deberán presentarse os escritos a concurso: www.atlanticpride.es/certame-literario
Até este domingo, 31 de maio, está aberto o prazo para participar no V Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride. O certame pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBIQ+. As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBIQ+, e optarán a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100€).
Deste xeito, o Atlantic Pride convocou neste 2026 unha nova edición do seu Certame de Literatura LGTBIQ+. Coa idea de tecer unha rede de cultura e activista, o festival organiza, por quinto ano consecutivo, un concurso literario de relato curto sobre diversidade en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, un grupo de lectura que se reúne mensualmente desde o 2016 para ler e debater sobre cultura LGTBIQ+.
O xurado do certame está composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración da 7ª edición do Atlantic Pride (do 5 ao 12 de xullo de 2026), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios. As bases de participación do V Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride poden consultarse na páxina web, onde está habilitado o formulario para poder presentar os escritos a concurso: www.atlanticpride.es/certame-literario
REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN
Poderán participar todas as persoas maiores de idade, sempre que as obras sexan en galego, orixinais e inéditas, non publicadas en ningún tipo de formato, nin total nin parcialmente (incluído Internet), non premiadas ou pendentes de decisión en outros concursos, ou á espera de resposta de procesos editoriais. O incumprimento desta primeira base descualifica automaticamente o traballo presentado. Só se admitirá unha obra por persoa. Toda persoa que participe neste certame acepta a cesión da obra para a súa publicación e difusión en outros medios físicos ou dixitais relacionados co Atlantic Pride ou o Club de lectura QUEERuña. Nun futuro, tentarase publicar un libro cos relatos premiados e unha selección do xurado.
TEMÁTICA, EXTENSIÓN E FORMATO
A temática é libre, con vinculación á diversidade LGTBIQ+. O texto presentarase a través da páxina web do festival www.atlanticpride.es, en formato pdf e en documento tamaño DIN A4, cunha extensión máxima de 10 páxinas, con tipografía Times New Roman, tamaño 12, interlineado 1.
XURADO
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña. As integrantes do club QUEERuña que compoñen o xurado non poderán participar neste concurso. Unha vez finalizado o prazo de presentación, a organización facilitaralle ao xurado todas as obras presentadas ao concurso, tamén en formato dixital, pero sen ningún dato persoal que permita identificar a súa autoría. O xurado realizará a súa valoración en dúas fases: unha individual e outra grupal, que será nun encontro ordinario do club. No caso de existir disparidade de criterios que non permita dirimir as obras premiadas, optarse por realizar unha votación individual coas puntuacións 10, 7, 5, 3 e 1 puntos e as obras gañadoras serán as que maior puntuación acaden. O xurado levantará acta das valoracións e posteriormente remitiralla á organización do certame. Os criterios de valoración o xurados serán, por unha banda, a calidade literaria e a corrección gramatical, e, por outra, a atención a personaxes e historias infrarrepresentadas dentro do espectro LGTBIQ+ e a orixinalidade da obra.
PRAZOS
O 31 de maio de 2026 será o día de peche da recepción de obras. Durante a celebración do festival (do 5 ao 12 de xullo) anunciaranse as obras gañadoras e farase a entrega dos premios.
PREMIOS
Haberá tres galardóns en metálico (1º premio: 600 €; 2º premio: 300 €; 3º premio: 100 €).
A Cidade da Cultura acolle desde este luns, 25 de maio, e até o domingo, 7 de xuño, no marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, o traballo en proceso de Stratos (La piedra siempre estuvo allí), unha viaxe sensorial na que se entrelazan a música, o cinema e as artes escénicas
A continuación, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego acollerá unha segunda residencia artística do proxecto, do luns 8 ao venres 12 de xuño
Unha vez finalizadas as súas residencias, Bflecha, Mwëslee e Diana Toucedo ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG, en Compostela, o venres, 12 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala
Paralelamente, as artistas participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
As artistas Bflecha, Mwëslee e Diana Toucedo iniciaron este luns, 25 de maio, en Santiago de Compostela, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Deste xeito, a Cidade da Cultura acolle, até o domingo, 7 de xuño, a segunda destas residencias artísticas de RPM en 2026, en torno á proposta das creadoras Bflecha, Mwëslee e Diana Toucedo que ten por título Stratos (La piedra siempre estuvo allí), unha viaxe sensorial na que se entrelazan a música, o cinema e as artes escénicas.
A continuación, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego acollerá unha segunda residencia artística do proxecto, do luns 8 ao venres 12 de xuño. Unha vez finalizadas ambas residencias, Bflecha, Mwëslee e Diana Toucedo ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG, en Compostela, o venres, 12 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Paralelamente, as artistas participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
SOBRE O PROXECTO
Un encontro fortuíto cun tecnofósil enviado desde unha época futura marca varios acontecementos dunha viaxe na que estableceremos contacto, a través de sistemas de comunicación bioquímica, con seres unicelulares, poñendo de manifesto como o micro afecta ao macro, materia que vibra e nos afecta, creando relacións, efectos e posibilidades.
Unha posta en escena que se articula en diferentes capas que dialogan entre si: música viva, materia vibrante, o non humano, microorganismos como axentes activos no escenario. Voces de pensadores e pensadoras como Bruno Latour, Blaise Pascal ou Lynn Margulis acompáñannos nesta viaxe sensorial.
A música, o cinema e o escénico entrelázanse e unen forzas para crear unha linguaxe común. BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld conflúen para xerar unha forza colectiva maior.
SOBRE AS ARTISTAS
BFlecha é o nome artístico da produtora, compositora e cantante Belén Vidal. Pioneira na escena electrónica iberoamericana, leva máis dunha década combinando vangarda sonora e instinto pop. Desde a publicación do seu primeiro disco, βeta (2013), non deixou de explorar novos sons. Esta evolución fíxose visible en Kwalia (2017) e alcanzou o seu punto álxido con ExNovo (2021), unha investigación entre a persoa física e virtual construída a partir dun ensamblaxe de instrumentos orgánicos e texturas dixitais. Ao longo da súa carreira participou en festivais como Sónar, Primavera Sound ou Documenta Madrid, así como en presentacións en países como Estados Unidos, Xapón, Alemaña e Reino Unido. Tamén destaca o seu traballo en composición cinematográfica en obras de Diana Toucedo como Camille & Ulysse (2021) e Tatuado nos ollos levamos o pouso (2022). Xunto a Mwëslee, forma parte de Arkestra Discos.
Mwëslee é o alias de Diego Cobo, produtor de música electrónica cuxas creacións combinan RnB futurista, electrónica avanzada e unha sensibilidade próxima ao avant-jazz. Membro fundador do colectivo/selo Arkestra e participante da Red Bull Music Academy (Seattle, 2005), a súa música foi apoiada por artistas como Gilles Peterson, Benji B ou Jackmaster e publicacións como Fact, XLR8R, Dazed ou Resident Advisor. Actuou internacionalmente, consolidándose como unha figura clave do hip hop vangardista contemporáneo.
Diana Toucedo é cineasta e montadora, situada na intersección entre o cinema e a investigación. O seu traballo foi seleccionado en festivais como a Berlinale, San Sebastián, Visions du Réel ou DocLisboa. Editou máis de 35 longametraxes e o seu filme Trinta Lumes (2018) obtivo gran recoñecemento internacional. Outros traballos inclúen Camille&Ulysse (2021) e Tatuado nos ollos levamos o pouso (2022). Actualmente, desenvolve a súa primeira longametraxe de ficción e compaxina a súa práctica coa docencia e investigación académica.
Xunto a elas, en Stratos colaborarán, tamén, os creadores Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld, que traballan como colectivo desde 2014. No seu proceso utilizan a ficción especulativa para crear espazos nos que o doméstico, o marxinal e o desexo poidan converxer. A través de prácticas tan diversas como a natación sincronizada ou os xogos de rol, exploran representacións da colectividade que cuestionan as formas hexemónicas de pertenza e de narrarse. Os seus traballos, que fluctúan entre a monstruosidade e a fantasía transindividual, formalízanse como danza / performance, documental, fotografía e instalación. O seu traballo presentouse en contextos como Kasseler Dokfest (DE); Cinéma du Réel (FR); Queer Lisboa (PT); Santarcangelo Festival (IT); Bâtard Festival (BE); PACT Zollverein (DE); During TEFAF (NL); NAVE (CL); FIDCU (UR); LOOP, Sant Andreu Contemporani, El Grec, El Palomar, MACBA e Salmón Festival (Barcelona, ES); Azkuna Zentroa (Bilbao, ES) ou MNCARS, La Casa Encendida e CA2M (Madrid, ES). Cursaron estudos de Comunicación Audiovisual na Universidade Complutense. Fede oriéntase cara ás artes visuais —completando un MA no Royal College of Arts en Londres e o programa de investigación a.pass, Bruxelas— e Pablo cara á coreografía e a creación musical —estudando danza no RCPD de Madrid e Research Studios en P.A.R.T.S. Bruxelas.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.
Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.