Fillas de Cassandra presenta ao vivo este sábado TERTÚLIA, o seu novo traballo discográfico

  • O Recinto Feiral de Pontevedra acolle este sábado, 9 de maio, a partir das 22.00 horas, a estrea do segundo LP do dúo vigués
  • Caamaño & Ameixeiras, Çantamarta, Ede, Pipiolas, un quinteto da Agrupación Musical do Rosal e Zetak subirán ao escenario pontevedrés; mentres que a DJ Rapante amenizará a entrada do público


Fillas de Cassandra abrirá este sábado, 9 de maio, as portas á gran ‘Tertúlia’. María SOA e Sara Faro presentarán ao vivo o seu novo álbum, publicado o pasado 24 de abril, no Recinto Feiral de Pontevedra. As entradas para a cita, que comezará ás 22.00 horas, están á venda en Woutick.

O dúo vigués, acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro de Cultura da localidade, Demetrio Gómez, deu a coñecer esta mañá os detalles dun evento que porá o poder da palabra e do diálogo no centro. Collendo o relato do seu novo traballo, Fillas de Cassandra transformarán o Recinto Feiral de Pontevedra nunha gran praza para a conversa. A intención non é outra que trasladar, tanto desde a escenografía como desde o movemento e, moi especialmente, a música,  un convite “a desobedecer” para poñer o foco nos afectos, nas liberdades, nas amizades, na xustiza social e no encontro.

Fillas de Cassandra estrearán o seu novo directo acompañadas doutras artistas recoñecidas do panorama galego e estatal, como son Caamaño & Ameixeiras, Çantamarta (coprodutores de ‘Tertúlia’), Ede, Pipiolas, un quinteto da Agrupación Musical do Rosal e o navarro Zetak. No Recinto Feiral de Pontevedra escoitaranse por primeira vez a ducia de temas que conforman a ‘Tertúlia’, mais tamén algúns dos seus grandes éxitos revisitados e actualizados.

O Recinto Feiral de Pontevedra abrirá as súas portas ás 20:00 horas e , desde as 20.30h, a viguesa DJ Rapante (Paula Somoza) amenizará o acceso do público. A partir das 22.00h, Fillas de Cassandra ofrecerá un poderoso e enérxico directo dunha hora e media de duración que contará coa complicidade de Icía Varela (percusións e voces), Elena Domínguez (percusións, voces e violoncello), e Vicky González na batería. A banda, cunha escenografía do colectivo As dúas e punto e baixo a dirección de movemento de Daniel Rodríguez, arrancará este sábado unha xira que as levará a visitar numerosas prazas e festivais de todo o territorio estatal.



TERTÚLIA

O segundo LP de Fillas de Cassandra, producido polas propias María SOA e Sara Faro con Çantamarta, supón un paso firme na evolución artística das viguesas, que expanden o seu universo sonoro. A electrónica -desde os ritmos rotos ao ambient– convértese na linguaxe protagonista dun álbum que se articula arredor de doce temas nos que colaboran nomes como Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak.

O traballo, publicado o pasado 24 de abril, xa está dispoñible tanto en plataformas dixitais coma en tendas físicas. A boa acollida inicial do vinilo situou ‘Tertúlia’ (Altafonte, 2026) entre os 30 discos máis vendidos en España estas semanas. Durante o concerto de presentación habilitarase un espazo no que será posible adquirir tanto o disco coma o novo merchandising de Fillas de Cassandra.   


CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘TERTÚLIA’

Data: Sábado 9 de maio de 2026
Hora: 22.00h (apertura de portas ás 20.30h)
Lugar: Recinto Feiral de Pontevedra (rúa Alexandre Bóveda, s/n)

Os medios interesados en cubrir o concerto deberán solicitar a súa acreditación a lucia@tremendoaudiovisual.com antes das 13.00h do venres 8 de maio.

20260507-NP-PRESENTACION-TERTULIA

ABRIL presenta este venres 8 o seu álbum ‘Medrar’

Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) presentan o seu debut discográfico na Sala Rebullón (Mos) a partir das 21:00 horas

A Sala Rebullón acolle este venres 8 o concerto de presentación de ABRIL, o dúo folk galego formado por Claudia Abril e Marina Carpente, que chega aos escenarios con Medrar, o seu primeiro álbum de estudio.

ABRIL é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidadísimo repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. O dúo adapta melodías tradicionais galegas con sonoridades actuais, con intimidade, personalidade e frescura.

As nove pezas de Medrar beben de fontes orais e arquivos fundamentais da tradición, dende melodías de Caroi (Cotobade) e Toutón (Mondariz), ata sonoridades de Balouta (Ancares leoneses), o legado de Florencio dos Vilares na Fonsagrada ou o canto de ‘Teresa dos Cucos’ en Malpica. Esta materia prima transfórmase en mans de ABRIL en novos himnos grazas á suma de letras orixinais e á colaboración de músicos como Juan Arca (Lontras), Joana Gumí, Sunil López ou Hugo Franco.

O álbum, producido por Zalo Rodríguez e mesturado por Hevi (Laboratorio Soyuz), logra un equilibrio hipnótico onde a pandeireta e o violín conviven organicamente coa electrónica. A narrativa visual foi creada por Marte Martinka e Miguel Méndez (Fotomatong), coa escenografía de Laura Iturralde e José Faro ‘Coti’ e o deseño gráfico de Sara Castro.

PRESENTACIÓN MEDRAR

Data: Venres 8 de maio
Hora: 21:00 horas
Lugar: Sala Rebullón (Av. do Rebullón, 23, 36416, Pontevedra)
Acto: Presentación en directo de Medrar, o álbum debut de ABRIL.

Para asistir a cubrir o evento é Imprescindible solicitar acreditación antes das 14.00 horas do venres 8 de abril.

Este proxecto contou cun apoio para o seu desenvolvemento a través das Residencias Creativas Mariñán de música, da Deputación da Coruña.