Desde a Casa-Museo Manuel María anuncian un ambicioso proxecto musical que se vai levar a cabo proximamente: o Concerto As rúas do vento ceibe. Un espectáculo musical baseado na musicalización de poemas de Manuel María, pertencentes ao seu poemario “As rúas do vento ceibe”, alén doutros poemas de Rosalía e Celso Emilio Ferreiro, que se poderá desfrutar gratuitamente o 15 de maio, ás 20.30 hrs, en Lugo (Auditorio Municipal Fuxan os Ventos); o 29 de maio, ás 20.30 hrs, en Pontevedra (Pazo da Cultura); e o 30 de maio, ás 20,30 hrs, en Santiago de Compostela (Auditorio de Galicia).
O concerto vai reunir máis de 300 voces, músicos e músicas, que interpretarán as pezas compostas por Xosé Carlos Seráns. A Orquestra Sinfónica de Pontevedra, a mezzosoprano, Julia Portela Piñón e unha ampla representación coral de Galiza, cun un coro mixto -composto por cinco corais (Coro de Cámara Thalassa de María, Coro do Hospital de Lugo, Coro Liceo de Vilagarcía, Coral de Solfa de Santiago de Compostela e Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra)- e un coro xuvenil -formado por tres coros (Peque Coro In Crescendo de Ferrol, Voces da Terra Chá e Coro do IES A Xunqueira de Pontevedra)-, todo dirixido polo director de orquestra, David Fiuza. Unha montaxe de grande envergadura musical e de grande significación cultural para Galiza.
Os billetes para poder presenciar este espectáculo pódense retirar en:
–Lugo: poden solicitarse, despois do 5 de maio, en liña: en https://entradaslugo.es ou presencialmente: no Vello Cárcere ou na Oficina de Turismo (Praza do Campo).
–Pontevedra: non hai que retirar. Entrada libre até completar o aforo.
–Santiago de Compostela: poden solicitarse, a partir do 19 de maio en liña: en https://compostelacultura.gal ou presencialmente: na Zona C (Preguntoiro, 1-Praza de Cervantes, en horario de martes a sábado, de 11 a 14 hrs e de 16 a 19 hrs).
O concerto está patrocinado pola Área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, polo Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Dinamización Social e Cultural, e pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Tamén colaboran a Concellaría de Cultura,Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e o Concello de Santiago de Compostela.
