ABRIL publica este venres 20 de febreiro Nas horas avelaíñas, o primeiro sinxelo do seu álbum debut, que se publicará esta primavera. O tema chegará acompañado de videoclip e abre unha nova etapa para Claudia Abril e Marina Carpente.
ABRIL publica este venres 20 de febreiro Nas horas avelaíñas, o primeiro sinxelo do seu álbum debut, que se publicará esta primavera. O tema chegará acompañado de videoclip e abre unha nova etapa para Claudia Abril e Marina Carpente, que continúan a explorar o diálogo entre tradición e contemporaneidade cunha voz propia cada vez máis definida.
ABRIL é un proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son reinterpretadas con sonoridades actuais, mantendo o vínculo coa raíz sen renunciar á frescura do presente. A pandeireta, o pandeiro ou o violín folk conviven cunha produción coidada que constrúe un universo íntimo e recoñecible: un folk contemporáneo que é memoria, identidade e comunidade.
Nas horas avelaíñasparte dunha melodía recollida á informante Elena Alonso Pino (Elena de Toutón) e aprendida como Canto de Toutónno álbum As cantigas de Elena. O arranxo de ABRIL sitúa a tradición nun espazo emocional delicado e actual, convertendo a canción nunha porta de entrada perfecta ao universo dun álbum moi esperado.
UN UNIVERSO ESTÉTICO ARREDOR DO “LUGAR SEGURO”
A estética do proxecto e o seu discurso inspíranse na idea do lugar seguro, as redes afectivas estables e o paso do tempo, tomando como referencia a figura da cabana como refuxio e protección. Esa imaxe —presente tamén no videoclip que se poderá ver a partir deste venres na súa canle de Youtube— constrúe un universo que conecta co significado do propio título: medrar como evolucionar, comprender, coidarse e protexer o importante.
A dirección, montaxe, cor e fotografía corren a cargo de Miguel Méndez (Fotomatong). A dirección de arte corresponde a Marta Ferrer e Marina Carpente, esta última tamén responsable das gráficas.
Este proxecto contou cun apoio para o seu desenvolvemento a través das Residencias Creativas Mariñán de música , da Deputación da Coruña.
Volven as foliadas de Castiñeiro Milenario. Regresan cunha nova edición da FOLIADA DE INVERNO. E nesta ocasión dedicará o obradoiro a unha das manifestacións populares máis espectaculares: a regueifa. E que é a regueifa? Pois unha improvisación oral, na que dúas persoas se desafían para ver quen das dúas é máis enxeñosa, máis hábil coa palabra, unha especie de pelexa de “galos” que se perde nos tempos. A improvisación oral non é algo exclusivo de Galicia, aparece en numerosas comunidades, outorgándolle un sentido case que universal. Neste obradoiro darase a coñecer a historia da regueifa, variedades existentes na nosa terra e, por suposto, aprenderemos uns cantos trucos para poñernos a regueifar. O obradoiro vai ser impartido por dúas persoas cunha moi ampla experiencia na regueifa: Nuria das Cruzes e Xairo d’Herbón Comezará ás seis da tarde e terá unha duración aproximada de dúas horas. O prezo será de 15€ para persoas non asociadas e de 5€ para asociadas. O número de prazas é limitado polo que cómpre anotarse no noso correo electrónico: castineiromilenario@hotmail.com.
Despois do obradoiro ofrecerán uns petiscos para coller forzas e comezar, arredor das nove, a Foliada de Inverno. Nesta ocasión comezará a foliada Nuria e Xairo facendo unha demostración de regueifa para despois dar paso aos grupos residentes, Foliadeir@s do Castro e Treitoria, para rematar a foliada oficial as pandeireteiras Lambe Lambe de Vilalba. Para rematar, foliada libre ata que o corpo aguante. Desde Castiñeiro Milenario coma sempre agradecen aos grupos convidados a súa disposición para vir tocar e á Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ao Concello de Begonte e a Cervexa Artesá Aloumiña por colaborar nesta gran festa da nosa cultura.
Talía Teatro, coa interpretación de Artur Trillo, acompañado do virtuoso do acordeón Fernando Fraga, traen este sábado, 21 de febreiro, ás 17 hrs, á Casa-Museo Manuel María o espectáculo, dirixido por Paula Carballeira, Rosa caramelo e outras historias. Catro preciosos contos de Adela Turín que, a través da palabra e a música, axudarán a desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, mais fortemente asumidas, sobre certas actitudes e aptitudes de mulleres e homes.
O espectáculo vai dirixido para nenas e nenos de catro a oito anos e as súas familias. Para asistir é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621