Presentación de NAKBA, de Patricia Torrado Queiruga, no Salón de Plenos do Concello de Vilalba

O Salón de Plenos do Concello de Vilalba acollerá, o sábado 21 ás 12 horas, a presentación de Nakba, o poemario de Patricia Torrado Queiruga, obra gañadora do LI Premio do Poesía de Vilalba 2025. Será un acto aberto ao público onde teremos a oportunidade de escoitar algúns dos poemas desta obra, recitados en galego e tamén en árabe.

Nakba é un berro, en versos, contra o xenocidio do pobo palestino e a destrución de Gaza. Está ilustrado pola artista gazatí Reem M Arkan. Conta cun limiar do poeta e novelista palestino Nasser Rabah, nunha edición que, a partir do galego orixinal, foi traducida a castelán, inglés (coa axuda de Patricia Martínez Ventoso) e inclúe tamén a versión en árabe a cargo de Omneia Sadek El-Shahat.

No acto participarán, ademais da propia autora, a alcaldesa de Vilalba Marta Rouco, a concelleira de Cultura Mónica González, Omneia Sadek El-Shahat, tradutora ao árabe da obra, e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, entidade encargada da edición de Nakba.

*Información recollida de Alvarellos Editora