
Volven as foliadas de Castiñeiro Milenario. Regresan cunha nova edición da FOLIADA DE INVERNO. E nesta ocasión dedicará o obradoiro a unha das manifestacións populares máis espectaculares: a regueifa. E que é a regueifa? Pois unha improvisación oral, na que dúas persoas se desafían para ver quen das dúas é máis enxeñosa, máis hábil coa palabra, unha especie de pelexa de “galos” que se perde nos tempos. A improvisación oral non é algo exclusivo de Galicia, aparece en numerosas comunidades, outorgándolle un sentido case que universal. Neste obradoiro darase a coñecer a historia da regueifa, variedades existentes na nosa terra e, por suposto, aprenderemos uns cantos trucos para poñernos a regueifar. O obradoiro vai ser impartido por dúas persoas cunha moi ampla experiencia na regueifa: Nuria das Cruzes e Xairo d’Herbón Comezará ás seis da tarde e terá unha duración aproximada de dúas horas. O prezo será de 15€ para persoas non asociadas e de 5€ para asociadas. O número de prazas é limitado polo que cómpre anotarse no noso correo electrónico: castineiromilenario@hotmail.com.
Despois do obradoiro ofrecerán uns petiscos para coller forzas e comezar, arredor das nove, a Foliada de Inverno. Nesta ocasión comezará a foliada Nuria e Xairo facendo unha demostración de regueifa para despois dar paso aos grupos residentes, Foliadeir@s do Castro e Treitoria, para rematar a foliada oficial as pandeireteiras Lambe Lambe de Vilalba. Para rematar, foliada libre ata que o corpo aguante. Desde Castiñeiro Milenario coma sempre agradecen aos grupos convidados a súa disposición para vir tocar e á Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ao Concello de Begonte e a Cervexa Artesá Aloumiña por colaborar nesta gran festa da nosa cultura.