Unha nova edición das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, botou a andar onte en Narón da man do tándem formado polos artistas Rocío Bello e Javier Hernando, que até este xoves 11 afondarán no proceso de traballo de Ensayo no Pazo da Cultura

Unha vez finalizada a súa residencia, os artistas ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terán lugar este xoves, 11 de setembro, contra ás 18.00 horas, no mesmo Pazo da Cultura de Narón, con entrada libre ata completa a capacidade do espazo

Paralelamente, Suevia Rojo e Rocío Bello & Javier Hernando participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O tándem artístico formado por Rocío Bello & Javier Hernando iniciou este luns 8 a súa Residencia Paraíso 2025 no Pazo da Cultura de Narón. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Así, ata o xoves 11 de setembro, as creadoras traballan en Narón en torno á súa proposta Ensayo, de Rocío Bello & Javier Hernando.

Unha vez finalizada a estadía da súa residencia artística, Rocío Bello & Javier Hernando ofrecerán unha mostra aberta do seus traballos en proceso, que terán lugar no mesmo Pazo da Cultura de Narón, este xoves, 11 de setembro, contra ás 18.00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, o tándem participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar esta mesma fin de semana, os días 12, 13 e 14 de setembro, na Illa de San Simón.

SOBRE O PROXECTO

Ensayo é un proxecto de investigación artística a partir dalgúns xestos humildes que pasaron desapercibidos para a historia e que promoven pequenas formas de resistencia baseadas na infracción, a poesía e a recuperación dos tecidos comunitarios. O proxecto trata de inventar xenealoxías e empurrar outras posibilidades para un tempo por vir. “Queremos utilizar o teatro como campo de probas para poñer en marcha prácticas e pensamentos que nos axuden a fundar outra maneira de relacionarnos co noso pasado e imaxinar algún futuro. Poden as artes vivas poñer en marcha propostas que nos axuden a conquistar o bo vivir? Creemos que, dalgún xeito, si”.

SOBRE AS ARTISTAS

Rocío Bello e Javier Hernando levan facendo cousas xuntos máis de dez anos, tamén con outros artistas. Javier Hernando fundou xunto a Miguel Rojo a compañía Los Bárbaros. Los Bárbaros desenvolveron proxectos como Las explicaciones (Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque), Obra infinita (Centro Dramático Nacional) ou Obra imposible (Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque), nos que participou Rocío Bello como actriz, dramaturga e deseñadora de vestiario. Rocío Bello colaborou nas últimas pezas da artista Cris Blanco e a súa obra Mi película italiana estreouse no Teatro Español de Madrid baixo a dirección de Salva Bolta. Javier Hernando publicou libros de poesía como Una clase de escritura (La Uña Rota, 2025).

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.colectivorpm.gal/

2025.09.09.-NP-Residencias-Paraiso-NARON