A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Décimo terceira edición do Festival 27373 de música en Galego que terá lugar o sábado 9 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.
O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente ou liderado por mulleres. Unha aposta pola lingua e pola visibilidade da muller nos escenarios.
O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias. A partir das 13:45 horas comezará unha atractiva sesión vermú con música tradicional a cargo do grupo Axeigo e na que poderemos gozar, en exclusiva, das das cervexas oficiais do Festival 27373: unha cargada de lima, outra ben cargada de trigo e laranxa e este ano incorporamos unha terceira ben cargada de aromas frutais. Ámbalas tres cervexas son unha colaboración entre Castiñeiro Milenario e cervexa artesá Aloumiña de Lugo. Xa pola tarde, a partir das cinco, comezará o tradicional XIII Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación O Varal. Ás seis, dará comezo o V campionato de serrador@s da Terra Cha. E, a partir das 18:30, para a rapazada e as familias contaremos coa presenza da compañía Migallas Teatro, coa obra “Brincadeiras coa lingua”, un espectáculo que ten como obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados da literatura popular infantil de Galicia e fomentar a súa práctica entre a cativada e no ámbito familiar. Mediante xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros recursos, ofrécese dun xeito divertido unha escolma dos ditos recollidos. Este obra está no festival grazas á colaboracion do Concello de Begonte e Xunta de Galicia a través da Agadic. Agardemos que sexa un bo día para pasar ao carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río Ladra ao tempo que participamos nas distintas actividades.
Abrindo o festival de noite, sobre as 20:00 horas subirá ao escenario as Bouba Pandeireteiras, catro mozas da Pontragha, bravas, reivindicativas e comprometidas coa lingua, a tradición oral e o país. Funámbula e os ceos quebradizos, grupo de rock, que cumpre perfectamente algúns dos principios do festival, formado por por xente da contorna e que precisa de escenarios para amosar unha calidade indiscutible. A enerxía adolescente dos Punk’on Keixo serán os encargados de prenderlle lume ao torreiro. Formado por rapaces entre os 14 e 18 anos, algúns deles son asiduos do festival desde ben pequeniños, e para nós un orgullo inmenso que poidan estar no escenario do Festival 27373. Para rematar e non perder a forza e enerxía, o mítico grupo punk-rock festeiro de Os Resíduos Atractivas darán o punto final a esta edición do festival.
Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Á asociación O Varal, por axudar na organización do aberto de billarda e, por suposto, a Cervexa Artesá Aloumiña, por todas as facilidades para facer de novo as cervexas do festival. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable. Todas actuacións son de balde e contamos cun espazo de acampada libre.
O cartel do festival foir realizado polo deseñador gráfico de Begonte, Marcos Vigo.
A Igrexa Museo Santa María A Nova e o Teatro Coliseo Noela acollen mañá venres, a partir das 19.00 horas, os tres concertos do día, cuxa entrada é gratuíta
O 12º Noia Harp Fest chega ao seu ecuador coa actuación de tres solistas cunha relevante proxección internacional. A valenciá Noelia Cotuna, a escocesa Rebecca Hill e o colombiano Yofre Brito formarán parte do cartel desta terceira xornada do festival.
A solista e músico de cámara Noelia Cotuna, galardoada tanto a nivel nacional como internacional pola súa técnica e calidade interpretativa, será a responsable de abrir a xornada do venres 1 no Noia Harp Fest nun concerto que se celebrará da man da AEDA (Asociación Española de Arpistas) e que terá lugar, a partir das 19.00 horas, na Igrexa Museo Santa María A Nova.
Cotuna, quen ten actuado baixo a batuta de figuras recoñecidas como Kill Petrenko, Zubin Mehta, Daniel Barenboim ou Gustavo Dudamel, é un dos pratos fortes desta edición do festival. Na súa actuación, a actual arpa solista da Orquestra de la Comunitat Valenciana (OCV) presentará un repertorio que renderá homenaxe á intérprete e compositora francesa Henriette Renié no 150ª aniversario do seu nacemento.
A partir das 21.00 horas, o Teatro Coliseo Noela acollerá dúas estreas en España. É o caso da escocesa Rebecca Hill, quen presentará o seu álbum Thawcrook acompañada do violinista Charlie Stewart. A parella experimenta sobre a tradición con técnicas de composición contemporáneas, xerando temas hipnóticos e con grandes dotes de improvisación nos seus arranxos. Será unha das citas imprescindibles tanto para as amantes da música folk como para aquelas interesadas na súa renovación.
Tamén subirá ás táboas do Teatro Coliseo Noela unha lenda da arpa llanera colombiana: Yofre Brito Rivera. Intérprete, compositor e arranxista recoñecido internacionalmente, ten actuado en máis de 15 países (entre eles México, Francia, Italia, Alemaña, Venezuela ou Brasil) representando a música llanera. Tamén é coñecido por ser o impulsor do Festival Internacional Arpas Sin Fronteras en Cúcuta (Colombia), un evento que promove o intercambio cultural arredor da arpa e no que participan artistas de máis de 10 países.
NOIA HARP FEST
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é o único festival dedicado ao instrumento en todo o noroeste peninsular. A interpretación musical a través da arpa é o eixe que vertebra unha programación que, cada verán, reúne diferentes bandas e solistas sobranceiras, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes.
O Noia Harp Fest, que decorre do 30 de xullo ao 2 de agosto -e que contará cunha Gala de Entrega do Premio Portus Apostoli o xoves 7 de agosto-, presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito actúan nun evento no que tamén participan máis de 20 estudantes do IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia.
Este 2025, Noia acolle trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. O festival ten unha clara vocación divulgativa: pon en relación as artistas e ao público en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia, e dá un espazo relevante ao talento máis novo do país.
A 12ª edición do festival está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E; ademais da colaboración da Deputación da Coruña.
AXENDA NOIA HARP FEST | VENRES 1 DE AGOSTO 2025
19.00h | Igrexa Museo Santa María A Nova Noelia Cotuna 21.00h | Teatro Coliseo Noela Rebecca Hill & Charlie Stewart Yofre Brito Rivera
20h: Actuación no Claustro de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín.
2 AGOSTO
11.30h: Conversas Ciclo Entre Formas e Palabras, en Xunqueira de Espadanedo.
20h: Actuación Claustro de Santa María de Melón.
3 AGOSTO
20h: Actuación Claustro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo.
22h: Bocados de Danza no Claustro – Pinchos organizados pola Comisión de Festas de Xunqueira.
Actuación e a conversa – Entrada Libre ata completar aforo.
Artistas convidados e convidadas:
WILLIAM RETANA e SHARIFA KARIMAH / COSTA RICA
NURIA SOTELO / GALICIA
ALBA FERNÁNDEZ COTELO / GALICIA
DANI HERNÁNDEZ / BILBAO
KIKO LÓPEZ / COMUNIDADE VALENCIANA- RED ACIELO ABIERTO
MARCIA VÁZQUEZ / GALICIA
ARNAU PÉREZ e JERÓNIMO RUIZ / CATALUÑA – RED ACIELO ABIERTO
Danza no Claustro é un proxecto da Plataforma Cultural SóLODOS. Paisaxes cheas de historia e singularidade da provincia de Ourense son o contexto para que artistas internacionais e locais, xunto coas comunidades, constrúan un proxecto cultural en común. Os artistas tras un proceso de creación e investigación artística nos diferentes claustros e espazos, realizan unha exhibición do seu traballo creativo. A danza como motor cultural que potencia a historia do lugar, a súa xente, a súa beleza, a súa singularidade…Un xeito diferente de mirar a arquitectura e o patrimonio histórico a través do baile, do movemento.
Algúns datos de Danza no Claustro:
Coa celebración da 13ª edición Danza no Claustro, é o festival de danza máis lonxevo de Galicia.
Formaron parte do programa, nestes 13 anos, artistas de 12 países diferentes.
Danza no Claustro forma parte da Red Acieloabierto, rede de festivais de danza en espazos non convencionais, dende 2021.
Desde 2021 a firma Adolfo Domínguez viste ás e os artistas para as funcións no festival.
Do 2013 ao 2019 naceu e celebrouse no Claustro de San Francisco de Ourense. No 2021 se extende a Xunqueira de Espadanedo e do 2022 ata a actualidade lévase a cabo nos tres claustro actuais. No 2024 A Casa Vella alíase co proxecto propoñendo unha extensión no seu Ciclo de Artes Vivas e Mediación.
ORGANIZA: SóLODOS. DIRECCIÓN: Erick Jiménez e Maruxa Salas. PRODUCIÓN: Víctor López Carbajales. VESTiARIO: Adolfo Domínguez. FOTO e VÍDEO: Fotografía Salas. COA AXUDA DE: INAEM – Ministerio de Cultura, Deputación de Ourense, Xunta de Galicia a través da AGADIC. COLABORA: Concello de Xunqueira de Espadanedo, Concello de Nogueira de Ramuín, Parador de Santo Estevo, Concello de Melón, Red Acieloabierto, Adolfo Dominguez, A Casa Vella e Taller Nacional de Danza de Costa Rica.