A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Décimo terceira edición do Festival 27373 de música en Galego que terá lugar o sábado 9 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.

O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente ou liderado por mulleres. Unha aposta pola lingua e pola visibilidade da muller nos escenarios.

O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias. A partir das 13:45 horas comezará unha atractiva sesión vermú con música tradicional a cargo do grupo Axeigo e na que poderemos gozar, en exclusiva, das das cervexas oficiais do Festival 27373: unha cargada de lima, outra ben cargada de trigo e laranxa e este ano incorporamos unha terceira ben cargada de aromas frutais. Ámbalas tres cervexas son unha colaboración entre Castiñeiro Milenario e cervexa artesá Aloumiña de Lugo. Xa pola tarde, a partir das cinco, comezará o tradicional XIII Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación O Varal. Ás seis, dará comezo o V campionato de serrador@s da Terra Cha. E, a partir das 18:30,  para a rapazada e as familias contaremos coa presenza da compañía Migallas Teatro, coa obra “Brincadeiras coa lingua”, un espectáculo que ten como obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e variedade de ditos e recitados da literatura popular infantil de Galicia e fomentar a súa práctica entre a cativada e no ámbito familiar. Mediante xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros recursos, ofrécese dun xeito divertido unha escolma dos ditos recollidos. Este obra está no festival grazas á colaboracion do Concello de Begonte e Xunta de Galicia a través da Agadic. Agardemos que sexa un bo día para pasar ao carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río Ladra ao tempo que participamos nas distintas actividades.

Abrindo o festival de noite, sobre as 20:00 horas subirá ao escenario as Bouba Pandeireteiras, catro mozas da Pontragha, bravas, reivindicativas e comprometidas coa lingua, a tradición oral e o país. Funámbula e os ceos quebradizos, grupo de rock, que cumpre perfectamente algúns dos principios do festival, formado por por xente da contorna e que precisa de escenarios para amosar unha calidade indiscutible. A enerxía adolescente dos Punk’on Keixo serán os encargados de prenderlle lume ao torreiro. Formado por rapaces entre os 14 e 18 anos, algúns deles son asiduos do festival desde ben pequeniños, e para nós un orgullo inmenso que poidan estar no escenario do Festival 27373. Para rematar e non perder a forza e enerxía, o mítico grupo punk-rock festeiro de Os Resíduos Atractivas darán o punto final a esta edición do festival.

Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Á asociación O Varal, por axudar na organización do aberto de billarda e, por suposto, a Cervexa Artesá Aloumiña, por todas as facilidades para facer de novo as cervexas do festival. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable. Todas actuacións son de balde e contamos cun espazo de acampada libre.

O cartel do festival foir realizado polo deseñador gráfico de Begonte, Marcos Vigo.

AC Castiñeiro Milenario
Campo de Arriba, 25. Saavedra 27375 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

nota_de_prensa