O RAPEIRO PASARÁ POR BOIRO, OURENSE E CAMBADOS EN CONCERTOS DE SALAS, ASÍ COMO POLOS FESTIVAIS A CANDELORIA OU REVENIDAS
AS ENTRADA PARA OS SEUS CONCERTOS EN SALAS XA ESTÁN DISPOÑIBLES EN ENTERTICKET
A xira de Hugo Guezeta vai adiantando novas datas. Baixo o nome de O Noso Tempo, e tras encher dous dos tres primeiros concertos de presentación do seu novo disco, o rapeiro continúa avanzando novas paradas do seu espectáculo en vivo. O 7 de marzo actuará na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, o 21 de marzo no Café Auriense de Ourense e o 28 de marzo na sala Krazzy Kray de Cambados. As entradas para estes concertos están dispoñibles dende xa en enterticket.es. Estas datas súmanse aos festivais xa anunciados para esta primavera e verán, onde A Candeloria (Lugo) e Revenidas (Vilaxoán) son os primeiros anunciados, mais non serán os únicos.
Estes novos concertos chegan nun momento idílico para o artista, xa que, tras publicar o seu disco O Noso Tempo a finais do 2024, acadando varios centos de milleiros de reproducións en plataformas tras só dous meses, as primeiras datas de presentación do seu primeiro traballo discográfico de longa duración foron un éxito. Colgando o cartel de non hai entradas para os seus concertos na sala Rebullón de Mos e a sala Sónar de Santiago de Compostela, Hugo vén de rematar o ano con moita forza, esperando trasladar o éxito acadado a finais do ano pasado durante todo este 2025.
Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero. A súa carreira en solitario é o seguinte paso na carreira do artista tras SonDaRúa, grupo do que formaba parte e era unha das cabezas visibles, e que é considerado un dos grandes grupos de rap da historia de Galicia.
As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.
O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta, xa que tras acumular grandes concertos, premios e fans baixo o paraugas de SonDaRúa, o seu proxecto en solitario non perdeu forza en ningún momento. O seu último álbum O Noso Tempo acumula centos de milleiros de reproducións en plataformas tras só dous meses publicado, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e importantes do ano.
Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco en Mos, A Coruña e Santiago de Compostela, con dous dos tres concertos esgotando entradas, Hugo emprende a súa xira de 2025, onde deixará constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo ás salas e festivais. Sen dúbidas, Hugo Guezeta é e será un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.
O xurado composto por Noa Pena, Xesa Roca e Lola Domínguez fallou o IV Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que convoca a Asociación Recreativa e Cultural San Martiño de Pino, coa colaboración de Caldaloba.es e Culturalia GZ.
O resultado da deliberación foi o seguinte:
1° Premio para a obra TEIMUDA, da que é autora Nanda Misa (Nigrán, Pontevedra).
2° Premio para a obra SALVAXE, cuxa autoría corresponde a Beatriz Dourado (Lugo).
A entrega de premios celebrarase no local da Biblioteca Rural San Martiño de Pino, o domingo 23 de febreiro ás 16:30 horas, dentro dos actos polo Día de Rosalía.
O seu director describe o que se poderá ver este sábado da seguinte maneira:
O que imos ver nesta sesión non é unha película. É a evocación dunha película. Unha película desaparecida.
Canto de emigración. Romance en imágenes sobre motivos gallegos (1935) foi un insólito filme de vangarda no que o ourensán Tony Román retratou o drama da emigración galega, procurando emular o cine dos grandes directores soviéticos, que aspiraban a un “cine puro”.
Canto de emigración non se conserva, pero si quedan vestixios: o debuxo de Castelao no que se inspirou; un feixe de fotografías publicadas na prensa da época ou gardadas polo seu protagonista; un argumento detallado; e, sobre todo, a partitura que Teódulo R. Páramos compuxo para acompañar pormenorizadamente as imaxes.
A partir deses materiais construímos esta evocación. A Orquesta Clásica de Vigo adaptou a música orixinal para a ocasión. A ela sincronizamos o argumento e máis as fotografías, e incorporamos fragmentos doutras películas coas que Canto de emigración se emparentaba.
O resultado é o que imos ver. Sabemos que é imposible devolverlle a vida a unha película perdida. Pero si podemos imaxinala.
Logo da proxección manteremos un coloquio con Pepe Coira, salientábel guionista que traballa en ficción televisiva así como longametraxes e series documentais (Cuñados, Rapa, Hierro, Mareas Vivas, As leis de Celavella, Hotel Vidago, A Seara…) . Foi director do CGAI e é autor de diversas monografías e colaboracións en publicacións sobre historia do cine.
A Galería NÉBOA presenta Subir ao ceo, exposición individual de Alejandro Rego (A Coruña, 1993).
O vindeiro sábado 15 de febreiro ás 12:30h inaugúrase Subir ao ceo, a nova exposición individual do artista Alejandro Rego (A Coruña, 1993). A mostra, que poderá visitarse ata o 29 de marzo, explora a fronteira entre a pintura e a fotografía a través dun enfoque visual innovador e reflexivo, facendo do ceo un espazo de experimentación artística.
Un lenzo “en branco”, pero de cor azul. A posibilidade de facer unha pintura abstracta coa cámara de fotos. Unha pintura que se modifica continuamente, que sempre é diferente, sempre nova. E, sen embargo, sempre a mesma.
O ceo é un lugar de experimentación. Un lugar onde buscar a fronteira entre a pintura e a fotografía, entre a abstracción e a representación. As variacións, nun só día, son infinitas.
A serie de obras que se presenta na galería NÉBOA xorde dunha selección de polaroids de formato minúsculo (6 x 6 cm) que, paradoxalmente, intenta abarcar o inabarcable: a inmensidade do ceo.
O título da instalación, “Subir ao ceo”, responde a un dobre sentido. Por unha parte, literalmente, ao xesto de mirar cara arriba. Contemplar. Abstraerse mirando cara as nubes e contemplando a súa beleza, o seu carácter efémero e etéreo. Por outra parte, nun sentido metafórico, “Subir ao ceo” fala doutro tipo de abstracción. Unha abstracción que a arte, tradicionalmente, compartiu con outras disciplinas como a relixión, a meditación ou a filosofía. A abstracción que carrexa a busca dun sentido.
A través da mirada, trátase de atopar significado. Beleza. Orde. Harmonía. Moitas foron as formas de denominar ese algo. Algo que nos permita vivir en paz. Vivir en paz aquí abaixo.
A relixión cristiá, por exemplo, plantexou ese sentido como un ceo despois da vida, como unha segunda vida en lugar da morte. Non é vontade deste proxecto a busca dese paraíso prometido pola Igrexa (aínda que o tema representado implica, non se pode negar, este tipo de connotación); ao contrario, trátase aquí de explorar esa fonte de beleza constante, ese manancial visual que non se seca, que é o ceo.
É difícil, en definitiva, engadir moito máis. Porque é difícil “poñer palabras ao ceo”. Algo tan inmensurábel como o ceo non se define facilmente. É difícil falar daquilo que nos cativa visualmente.
O propio feito de crear algo visual, de expresarse a través das imaxes, é consecuencia, a miúdo, da incapacidade para dicir o mundo por escrito. Ás veces, en resumo, é mellor calar e deixar que os ollos falen.
Ludwig Wittgenstein, ao remate do Tractatus: “Sobre o que non se pode falar, mellor é gardar silencio”.
Alejandro Rego (A Coruña, 1993) é licenciado en Filosofía pola Universidade de París-Sorbona e ten un Máster en Fotografía na Escola PIC.A-PHotoEspaña de Alcobendas, Madrid. Participou en diversas exposicións individuais e colectivas tanto en España como en Francia, entre as que destacan: Haikus (Lou Pascalou, París, 2017, e Fórum Metropolitano, A Coruña, 2018), A Chaira. Imaxes dunha terra en calma (Alexandre Bóveda, A Coruña, e Festival de Pardiñas, Lugo, 2018), El espaciointermedio (colectiva, Centro de Arte de Alcobendas, PHE 19, 2019), Cuatro esquinas (Galería Spazo, A Coruña, 2019), Xuventude Crea (colectiva, Igrexa da Universidade, Santiago de Compostela, 2018 e 2020), Novos Valores 2020 (colectiva, Museo de Belas Artes, Pontevedra, 2020), Galería (Sala El Águila, Madrid, 2021), PHE 21 (Sala El Águila, Madrid, 2021), La fatiga (Zlick, A Coruña, 2021), Poética de asfalto (A. C. Alexandre Bóveda, A Coruña, 2021), À propos d’un fleuve (Galerie Troismurs, Savennières (Angers), Francia, 2022), Estratexias de explotación (O Vello Cárcere, Lugo, 2023).
Así mesmo, a súa obra formou parte de festivais como Circulation(s). European Young Photography Festival (Le 104, París, Francia, 2019), PhotoSCHWEIZ 19 (Zúric, Suíza, 2019), os X Encontros de Artistas Novos da Cidade da Cultura (comisariados por Rafael Doctor, Santiago de Compostela, 2020) e PHotoEspaña 2021. No 2018 recibiu o premio Xuventude Crea da Xunta de Galicia na categoría de fotografía pola serie Still Life e o premio Viaxarte do Concello da Coruña pola serie Recuerdos compulsivos; en 2020, o premio Novos Valores, outorgado pola Deputación e o Museo de Belas Artes de Pontevedra. No 2021 publicou a súa primeira obra editorial, o fotozine La fatiga, editado pola editorial Amor de Madre.
Información práctica:
Inauguración: sábado 15 de febreiro ás 12h30
Lugar: Galería NÉBOA, Rúa Lamas de Prado 31, Lugo
Artista: Alejandro Rego
Duración da exposición: 15 de febreiro – 29 de marzo
O evento cultural, cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca no arquipélago, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea mais estimulante do momento
A programación musical do venres 25, ao coincidir cunha xornada festiva, estenderase ao longo de todo o díaO Sinsal, recoñecido por tercer ano consecutivo como o festival de música máis destacado de Galicia polos profesionais da cultura
Sinsal SON Estrella Galicia, un dos encontros sonoros máis singulares do panomara musical estatal, celebrará a súa nova edición os días 25, 26 e 27 de xullo na illa de San Simón (Redondela). O evento cultural, cuxo cartel é secreto para o público ata que este desembarca no arquipélago de San Simón e Santo Antón, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento a través da participación de numerosas bandas e solistas chegadas de diversas rexións de todo o mundo. Como novidade, ao coindir a xornada festiva do 25 en venres, este ano a actividade estenderase ao longo de todo o día, no lugar de ser unicamente en horario de tarde.
Sinsal SON Estrella Galicia, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, Xunta de Galicia e SON Estrella Galicia, é unha iniciativa cultural que naceu para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén abriu o espazo para acoller a numerosas para creadoras e creadores do ámbito internacional: en cada edición, é habitual poder coñecer propostas de estilos moi diversos e de formacións de diferentes países de Europa, África Asia ou América. Todos os anos os abonos e as entradas esgótanse axiña.
A súa programación musical acompáñase, ademais, de numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia, a memoria e o patrimonio cultural e natural de San Simón – como os roteiros Descubre San Simón,Illario Pantasma e Andaina con Amarturmar– ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, como a activación da nova liña #SinsalSenRastro, a iniciativa para transformar o modelo de xestión de residuos; -e que no 2024 supuxo a redución nun 30% do volume dos mesmos-; ou mesmo da recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas na nomeada Escola Sinsal.
Sinsal, o festival de música mellor valorado en Galicia
O ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea vén de sinalar no seu informe ‘Lo mejor de la cultura 2024’ ao Festival Sinsal como a proposta musical máis destacada do país por terceiro ano consecutivo, ademais de manter -tamén desde 2022- o posto como segunda iniciativa cultural mellor valorada polos profesionais do sector en Galicia. Desde a dirección do festival, esta nova é acollida con gratitude e agradecemento ás compañeiras e compañeiros da cultura por ter presente a Sinsal -un evento modesto e limitado a 800 persoas ao día- nas súas valoracións.
A nivel estatal, na clasificación das iniciativas culturais mellor valoradas polo seu compromiso social e desenvolvemento sostible, Sinsal tamén sube de novo por tercer ano consecutivo e se sitúa no 6º posto, unha mención que referenda o compromiso que o Festival Sinsal mantén cos ODS e o impacto positivo, e que no 2024 reforzou coa posta en marcha da iniciativa #SinsalSenRastro.
Os recoñecementos chegan tamén nos Iberian Festival Awards, os premios da industria dos festivais de España e Portugal, un evento no que o Festival Sinsal SON Estrella Galicia é finalista nas categorías Mellor Programa Cultural, Contribución á igualdade -galardón que se lle outorgou no 2023-, Mellor Aloxamento e recepción e Mellor Promoción Turística. O 15 de marzo daranse a coñecer os gañadores nunha gala.