Este sábado, 15 de febreiro,  ás 19.30 hrs, na Casa-Museo Manuel María proxectarase o filme Evocando Canto de emigración, guionizado e dirixido por Pepe Coira e producido por Ollovivo.

O seu director describe o que se poderá ver este sábado da seguinte maneira:

O que imos ver nesta sesión non é unha película. É a evocación dunha película. Unha película desaparecida.

Canto de emigración. Romance en imágenes sobre motivos gallegos (1935) foi un insólito filme de vangarda no que o ourensán Tony Román retratou o drama da emigración galega, procurando emular o cine dos grandes directores soviéticos, que aspiraban a un “cine puro”.

Canto de emigración non se conserva, pero si quedan vestixios: o debuxo de Castelao no que se inspirou; un feixe de fotografías publicadas na prensa da época ou gardadas polo seu protagonista; un argumento detallado; e, sobre todo, a partitura que Teódulo R. Páramos compuxo para acompañar pormenorizadamente as imaxes.

A partir deses materiais construímos esta evocación. A Orquesta Clásica de Vigo adaptou a música orixinal para a ocasión. A ela sincronizamos o argumento e máis as fotografías, e incorporamos fragmentos doutras películas coas que Canto de emigración se emparentaba.

O resultado é o que imos ver. Sabemos que é imposible devolverlle a vida a unha película perdida. Pero si podemos imaxinala.

Logo da proxección manteremos un coloquio con Pepe Coira, salientábel guionista que traballa en ficción televisiva así como longametraxes e series documentais (Cuñados, Rapa, Hierro, Mareas Vivas, As leis de Celavella, Hotel Vidago, A Seara…) . Foi director do CGAI e é autor de diversas monografías e colaboracións en publicacións sobre historia do cine.

A actividade é de acceso libre. Reservas en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.