Hoxe, coma todos os días, pero se cadra máis aínda, facemos esa gran festa dos libros. Que sería da especie sen o milagre da escritura e, por ende, da lectura?
Cando o ser humano decide que hai cousas que teñen que perdurar no tempo porque a sabedoría acadada é maior e non pode fíar todo á memoria ou á transmisión do coñecemento de xeito oral, aparece a escritura, aló nos albores “da humanidade” -e deixádeme que isto último o poña entre comiñas, que coa que temos enriba…
Escribimos muros, louza, papiro, vitela, o que se nos puxese por diante e precisamos logo do marabilloso invento da imprenta porque non nos chegaba a nada tanto soporte se non podiamos trasladar os textos cuneiformes do imperio acadio ou os muros do templo de Luxor ao longo e ancho do globo.
A mañá levoume a pensar non só neste caos de inicios, de soportes, de necesidades, en lugares e personaxes imbrincados en determinadas obras que todos coñecemos, senón no que hai antes ou despois. Nesa pulsión de quen che agasalla un libro ou de a quen agasallas un libro. Hai algo máis íntimo e valente nesa escolla individual? Case todos os libros que inundan os andeis da miña casa son unha escolla propia para a lectura ou unha escolla que alguén fixo para min. Conste que algo de refugallo tamén se xunta, pero igual é só un tres por cento do total.
E cada libro que me escolleron garda dentro das súas páxinas un re-cordis, con toda a etimoloxía da palabra latina, ollando en fite para min. O lugar no que me fixeron ese agasallo, a persoa que o fixo, a relación entrambas, un sentimento, unha despedida, un reencontro, un bico, un perfume, unha ilusión, un soño, unhas letras… E volvín pasar pola man todas esas lembranzas que son eu e son a outra persoa.
E volvín á voz da avoa cando me contaba o conto de Genoveva de Bravante para que comese algo; ás mans do avó, cando me ensinou o libro de ebanistería que herdara do seu pai -e este, á súa vez, do del-; aos meus doce anos e ao aburrimento inmenso dun verán no que, ás tres da tarde, non podías baixar á praia por ser cedo de máis, e aproveitei para apañar aquel volume de teatro de Shakespeare que ulía tan ben… Volvín á aquela mañá na que esta que agora escribe, tan infinitamente tímida, se achegou á súa profesora de literatura para suplicarlle que lle mudara o libro de lectura que lles puxera na aula porque non era capaz de pasar da páxina 20 -co tempo lino, por superalo, e certamente non pagaba a pena-. A Os dous de sempre, unha tarde e o número de teléfono de alguén a quen quero de marca páxinas. A aquel primeiro soldo como camareira, que recibía nun comezo por días, e do que gastara dez euros nunha edición de peto de Los pilares de la tierra do meu querido Follett.
Transitei por aqueles libros que eran compendios sobre outras civilizacións extintas que podían mercarse no todo a cen. Recuperei a ollada de repelús que me dedicara aquel mozo que me dixera, aos meus dezasete anos “pero tú lees mucho, ¿no?”. A aquel amor de universitaria que tivo a ben regalarme un libro de Sebastião Salgado vendo que quedara prendada daquel exemplar nunha caseta na Feira do Libro da Coruña.
A Xosé Antonio e todos os libros cos que traficamos e nos queremos. A Manuel e aquel libro de Wittgenstein que me toleou da cabeza e que segue en garda e custodia.
E volvín á ilusión de Laura Rey, que gardaba As mans da terra entre as súas coma protexendo un paxariño feble. Á ousadía de Rodrigo Costoya, que un día se puxo a escribir e, cando compendiou a vida do seu Pedriño en Portosanto descubriu que se lle fora das mans tanta impetuosidade. Ao síndrome da impostora e á indecisión de María del Carmen Rey, cando comezou a ceibar Escapados e Mulleres tras dos valos. Á necesidade de darlle voz a tantas historias acaladas da man de Rosario Regueira, ás Tardes de domingo de Ramona Giráldez, a ollar tras A fiestra aberta de Juan Parcero. E volvín a Arancha Nogueira, a Xosé María Vila Ribadomar, a cada unha destas persoas que un día soñaron e nós con elas.
Volvín a aquel primeiro libro ao que lle ilustrei a capa e que me uniu á persoa coa que hoxe comparto vida.
Ao libro que tan amorosamente me regalou o meu irmán por un aniversario e que… non fun nin quen de abrir porque me horrorizaba o autor, falecido hai nada.
Volvo á ollada do meu fillo cando lle lía A tartaruga que quería durmir, e, ao rematar, lle contaba aquilo de “e axiña quedou durmida” e el ollaba o debuxo e sinalaba a un mosquito e dicía, “Axiña debe ser esta”.
Volvo a quen lle dediquei libros, as amigas e aos amigos que escribides e que nalgún intre me agasalláchedes un libro, unhas letras nun pano de mesa, un recordo que merece quedar entre as páxinas dun libro, porque… a literatura dende sempre salvou vidas.
ESTA NOVA CANCIÓN É O SEGUNDO ADIANTO DO SEU SEGUNDO E PRÓXIMO EP
No puedo é o novo single de Gala i Ovidio situado dentro do segundo EP do grupo, que espera ver a luz a principios de maio. Esta canción, íntima e profunda, mostra unha nova cara compositiva da banda formada por Aida Tarrío e Raül Refree. Tras o lanzamento do seu primeiro EP, Un final, o dúo avanza sen descanso cos primeiros adiantos do seu segundo traballo discográfico, nunha constante experimentación musical que desdebuxa e transcende os xéneros.
Sen elementos rítmicos, espida e tremorosa, esta peza narra a imposibilidade de materializar un desexo palpitante. Nela, e por primeira vez na traxectoria da banda, o piano de cola toma o protagonismo sobre a electrónica para acompañar á voz, que con coros coros e vocoders que a arroupan, profunda dunha forma moi emocionante na paixón non consumada. No puedo acaba cunha preciosa sección instrumental onde se oen unha risa de lonxe e o son dun proxector de cinema, porque mesmo nos momentos máis complicados podemos lembrar os momentos felices da nosa memoria.
Fotografía: Pol González Novell
Aida Tarrío
Aida, integrante do grupo Tanxugueiras, é unha artista multidisciplinar que combina o seu talento vocal xunto á súa destreza no baile. Compaxina a súa presenza no grupo máis importante da música galega actual con proxectos persoais que exploran diferentes expresións artísticas. Aida transita con naturalidade entre a música e a danza, sendo intérprete en destacadas creacións escénicas da prestixiosa Compañía Fran Sieira ou xunto ao recoñecido coreógrafo Dani Rodríguez. A súa formación e traxectoria están vinculadas á música tradicional galega, da que é docente e expoñente, levando a súa cultura e tradición ata novos límites.
Raül Refree
Raül Refree é un dos produtores europeos máis aclamados da última década. A súa amplitude estilística e versatilidade leváronlle a ter un perfil que vai desde músico experimental a produtor de estrelas do pop ou compositor de bandas sonoras premiadas, como “La Mesías” ou “Un año, una noche”
Interesado desde os seus inicios na renovación da música tradicional, Raül Refree converteuse nos últimos anos no nome de referencia do novo flamenco en España traballando xunto a nomes como Rosalía, Rocío Márquez ou Niño de Elche. O seu álbum con Rosalía, Los Ángeles, foi Disco de Ouro en varias ocasións. Estrelas como Ricky Martin reivindican o seu talento mentres el segue apostando por novos talentos por descubrir, como Rodrigo Cuevas, Guitarricadelafuente ou Maestro Espada.
A próxima parada da banda será en La Beltane o vindeiro venres 21 ás 22h
Este venres 21, Ruxe Ruxe fan parada en La Beltane, na capital do Deza, nesta xira na que presentan “Xabral”, o novo disco da banda de Aríns, que está sendo toda unha revelación e unha declaración de principios.
Tal como contan eles, “a idea de facer isto naceu do relato de “Pub Rock”, que recunca no concepto de resistencia; de recoller cable fronte á realidade musical imperante. De sacar músculo e convicción e ser infantería pura nunha realidade mediática musical da que xa non nos interesa moito ser parte.”
Así nolo contan desde a súa “aldea gala” particular, onde a calidade da proposta, o amor á música en xeral e ao rock en particular ten que poñerse no valor preciso. Entendendo o rock como conexión directa, espida e lonxe do brilli brilli, da superprodución, da sobredimensión, das ínfulas de artista, do festifval de pulseira e artificio, dos desexos retorcidos de búsqueda do éxito popular e de confundir, precisamente, éxito con popularidade ante un público que decote vivimos aturdido diante das pantallas das novas tecnoloxías e a dictadura do “like”.
Vindeiras datas:
31/01 Casa das Crechas (Compostela) 01/02 Casa das Crechas (Compostela) 15/02 Fundación Artabria (Ferrol) 22/02 A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro) 07/03 Krazzy Kray (Cambados) 21/03 Sala Jagger (Lugo) 11/04 Pub Gatos (Melide) 25/04 La Beltane (Lalín) 10/05 Sala Rebullón (Mos)
A formación liderada por Lucía Aldao tamén estreará no recinto compostelán ‘8 sílabas’, un novo sinxelo que verá a luz o vindeiro mes de maio
As entradas para a cita, o primeiro directo da banda en Santiago após a publicación do EP, xa están á venda a través de www.entradium.com
A banda PAVA, liderada por Lucía Aldao, presentará o seu terceiro EP, titulado Pava 3, nun concerto que terá lugar o venres 9 de maio, a partir das 20.30 horas, na Sala Riquela compostelá. As entradas para a cita, na que se poderán escoitar todos os temas deste último traballo discográfico,están á venda, por 12 euros, a través da plataforma web www.entradium.com. Durante o directo, PAVA estreará 8 sílabas, un novo sinxelo que verá a luz o vindeiro mes de maio.
PAVA é a banda gañadora do último Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. Liderada por Lucía Aldao, conta con Analís na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda.
O terceiro e novo álbum da formación, Pava 3,publicouse o pasado mes de decembro e as entradas para a súa presentación (5 de xaneiro, nomeada entón como ‘Noite de Raíñas Pavas’), que se celebrou na Sala Mardi Gras da Coruña, esgotáronse aos poucos días de saír á venda. No novo traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada.
Pava 3 está composto por cinco temas sendo o primeiro deles Catastro, unha peza enérxica onde a guitarra convida a cantar, bailar e buscar, entre versos e apps, algo de paz. Ou algo tan sinxelo e esquivo como sentirse ben. O segundo, O himno da lesión, é unha canción en modo supervivencia, unha oda á capacidade de seguir en pé con humor malia todas as tristezas. Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro —ou neste caso, por detrás da canción— e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro. O himno da lesión puido ser un laído pero é un tema definitivamente animoso, con chiscadela verbal incluída.
Segue a continuación Tremendamente coquetas, que se podería describir tamén como un himno pero desta volta para un planazo o un festón de benvida para todas aquelas que desexen unirse o selecto club da letra Q. Un chamamento alegre ás lesbianas e bisexuais debutantes. O cuarto tema é Unha cadela chamada ‘Por Favor’, unha balada con ritmo envolvente na que destaca a colaboración de Gloria Pavía, e que se acompaña dunvideoclip. O peche do álbum chega con Catastriño, unha versión case espida do tema Catastro gravada -literalmente- nunha adega baixo terra e achegándose ao xeito íntimo de compoñer de Lucía Aldao: guitarra e voz.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘PAVA 3’ EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
Data: 9 de maio de 2025 Lugar: Sala Riquela (Preguntoiro, 35) Hora: 20.30h
Desde este luns 21 de abril e até o sábado 3 de maio, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, o bailarín, intérprete e creador galego traballará na súa proposta Open Call, un proxecto en relación ao enfrontamento do artista coa súa autoexposición como imaxe fronte á súa propia obra
Unha vez finalizada a súa residencia, Yaguas ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar na Casa da Cultura de Vimianzo, o sábado, 3 de maio, con acceso libre ata completar a capacidade da sala
Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
O artista Antón Yaguas iniciou a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso este luns, 21 de abril, en Vimianzo. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A Casa da Cultura de Vimianzo acolle, desde onte e até o sábado 3 de maio, a primeira destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta do bailarín, intérprete e creador galego Antón Yaguas que ten por título Open Call, un proxecto en relación ao enfrontamento do artista coa súa autoexposición como imaxe fronte á súa propia obra: será que somos moito máis imaxe do que pretendemos?
Unha vez finalizada a súa residencia artística, Antón Yaguas ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Casa da Cultura de Vimianzo, a tarde do sábado, 3 de maio, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.
SOBRE O PROXECTO
Open Call nace do interese de Antón Yanguas por traballar en relación ao enfrontamento do bailarín coa súa autoexposición como imaxe fronte á súa propia obra. Boa parte do traballo nas artes escénicas non acontece no estudio, senón diante do ordenador, elaborando e presentando candidaturas que deben expresar o valor engadido desa obra para que poida levarse a cabo.
Partindo desta reflexión, o proxecto Open Call formula varias preguntas: non deberiamos entender o márketing que rodea ao traballo do creador doutra maneira? Porque é algo máis complexo que un simple “saber venderse”, xa que o márketing da imaxe é esa premisa desde a que se parte. O traballo nunca remata e sempre pode transformarse, mais das premisas hai que render contas. Entón, será que somos moito máis imaxe do que pretendemos?
Desde esta idea arredor do labor do bailarín, Antón busca desenvolver un proxecto no que plasmar un fondo desexo: amosar a súa singularidade e ser visto, expoñerse por completo, preguntándose se iso ten sentido para o interese do público. De que maneira facer viábel un concepto, unha imaxe na que se cre polo seu potencial, na que un creador se expón por completo? Como facerse entender naquilo que quere expresar intimamente, pero que ten que exteriorizar, que debe facer comprensible, e amosar algo que, con todo, nunca verá desde a posición do público? Como ser pura exposición, como entregar toda a súa imaxe ao público?
De toda esta exposición influída por diferentes fisicalidades, en Open Call xorde unha última pregunta e unha última incógnita na que o autor busca estar presente no que fai, independentemente das súas prácticas pasadas e referentes. Sería posíbel unha danza sen comentario? Quizais só converténdonos en pura imaxe poidamos descubrir algo máis alá diso, algo máis alá da danza como xuízo.
SOBRE O ARTISTA
Antón Yanguas é un bailarín, intérprete e creador galego que vive entre A Coruña e Porto. Formouse en danza contemporánea en proxectos como Oficina Zero, Descalzinha e no Tictac Art Centre de Bruxelas, con artistas como David Zambrano, Lucas Condró, Poliana Lima, Akira Yoshida, Ian Garside, Marion Castaillet, Daniel Abreu e Max Sanford. Ademais, formouse en ballet, acrodanza e contorsión, grazas aos seus estudos na escola Carampa de Circo e coa contorsionista Ane Miren. Todo este conxunto de experiencias e coñecementos dálle unha mentalidade aberta para asumirse como artista multidisciplinar, que busca a maior versatilidade e variedade de perspectivas posíbeis na súa práctica e investigación.
Traballou como intérprete con Mónica Calle en Só eu tenho a chave desta parada selvagem, e en Pleasures Unknown; como performer, baixo a dirección de Gonçalo Lobato, en Túnel do tempo; e como actor, cantante e bailarín participou nos musicais Peter Pan e Tarzan, ambos dirixidos por Filipa Guedes. Traballou como bailarín no espectáculo Grito das Bailias, da compañía MD5 de Dança, e actualmente forma parte do espectáculo residente do Casino de Espinho Lusitânia – The Show, dirixido por Ricardo Sousa.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.