Desde este luns 21 de abril e até o sábado 3 de maio, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, o bailarín, intérprete e creador galego traballará na súa proposta Open Call, un proxecto en relación ao enfrontamento do artista coa súa autoexposición como imaxe fronte á súa propia obra

Unha vez finalizada a súa residencia, Yaguas ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar na Casa da Cultura de Vimianzo, o sábado, 3 de maio, con acceso libre ata completar a capacidade da sala

Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia


O artista Antón Yaguas iniciou a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso este luns, 21 de abril, en Vimianzo. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A Casa da Cultura de Vimianzo acolle, desde onte e até o sábado 3 de maio, a primeira destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta do bailarín, intérprete e creador galego Antón Yaguas que ten por título Open Call, un proxecto en relación ao enfrontamento do artista coa súa autoexposición como imaxe fronte á súa propia obra: será que somos moito máis imaxe do que pretendemos?

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Antón Yaguas ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Casa da Cultura de Vimianzo, a tarde do sábado, 3 de maio, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO

Open Call nace do interese de Antón Yanguas por traballar en relación ao enfrontamento do bailarín coa súa autoexposición como imaxe fronte á súa propia obra. Boa parte do traballo nas artes escénicas non acontece no estudio, senón diante do ordenador, elaborando e presentando candidaturas que deben expresar o valor engadido desa obra para que poida levarse a cabo. 

Partindo desta reflexión, o proxecto Open Call formula varias preguntas: non deberiamos entender o márketing que rodea ao traballo do creador doutra maneira? Porque é algo máis complexo que un simple “saber venderse”, xa que o márketing da imaxe é esa premisa desde a que se parte. O traballo nunca remata e sempre pode transformarse, mais das premisas hai que render contas. Entón, será que somos moito máis imaxe do que pretendemos?

Desde esta idea arredor do labor do bailarín, Antón busca desenvolver un proxecto no que plasmar un fondo desexo: amosar a súa singularidade e ser visto, expoñerse por completo, preguntándose se iso ten sentido para o interese do público. De que maneira facer viábel un concepto, unha imaxe na que se cre polo seu potencial, na que un creador se expón por completo? Como facerse entender naquilo que quere expresar intimamente, pero que ten que exteriorizar, que debe facer comprensible, e amosar algo que, con todo, nunca verá desde a posición do público? Como ser pura exposición, como entregar toda a súa imaxe ao público?

De toda esta exposición influída por diferentes fisicalidades, en Open Call xorde unha última pregunta e unha última incógnita na que o autor busca estar presente no que fai, independentemente das súas prácticas pasadas e referentes. Sería posíbel unha danza sen comentario? Quizais só converténdonos en pura imaxe poidamos descubrir algo máis alá diso, algo máis alá da danza como xuízo.


SOBRE O ARTISTA

Antón Yanguas é un bailarín, intérprete e creador galego que vive entre A Coruña e Porto. Formouse en danza contemporánea en proxectos como Oficina Zero, Descalzinha e no Tictac Art Centre de Bruxelas, con artistas como David Zambrano, Lucas Condró, Poliana Lima, Akira Yoshida, Ian Garside, Marion Castaillet, Daniel Abreu e Max Sanford. Ademais, formouse en ballet, acrodanza e contorsión, grazas aos seus estudos na escola Carampa de Circo e coa contorsionista Ane Miren. Todo este conxunto de experiencias e coñecementos dálle unha mentalidade aberta para asumirse como artista multidisciplinar, que busca a maior versatilidade e variedade de perspectivas posíbeis na súa práctica e investigación.

Traballou como intérprete con Mónica Calle en Só eu tenho a chave desta parada selvagem, e en Pleasures Unknown; como performer, baixo a dirección de Gonçalo Lobato, en Túnel do tempo; e como actor, cantante e bailarín participou nos musicais Peter Pan e Tarzan, ambos dirixidos por Filipa Guedes. Traballou como bailarín no espectáculo Grito das Bailias, da compañía MD5 de Dança, e actualmente forma parte do espectáculo residente do Casino de Espinho Lusitânia – The Show, dirixido por Ricardo Sousa.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano. 

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. 

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2025.04.22.-NP-Residencia-Paraiso-Anton-Yaguas