A formación liderada por Lucía Aldao tamén estreará no recinto compostelán ‘8 sílabas’un novo sinxelo que verá a luz o vindeiro mes de maio

As entradas para a cita, o primeiro directo da banda en Santiago após a publicación do EP, xa están á venda a través de 
www.entradium.com 


A banda PAVA, liderada por Lucía Aldao, presentará o seu terceiro EP, titulado Pava 3, nun concerto que terá lugar o venres 9 de maio, a partir das 20.30 horas, na Sala Riquela compostelá. As entradas para a cita, na que se poderán escoitar todos os temas deste último traballo discográfico, están á venda, por 12 euros, a través da plataforma web www.entradium.com. Durante o directo, PAVA estreará 8 sílabas, un novo sinxelo que verá a luz o vindeiro mes de maio.  

PAVA é a banda gañadora do último Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. Liderada por Lucía Aldao, conta con Analís na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda.

O terceiro e novo álbum da formación, Pava 3, publicouse o pasado mes de decembro e as entradas para a súa presentación (5 de xaneiro, nomeada entón como ‘Noite de Raíñas Pavas’), que se celebrou na Sala Mardi Gras da Coruña, esgotáronse aos poucos días de saír á venda. No novo traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada. 

Pava 3 está composto por cinco temas sendo o primeiro deles Catastro, unha peza enérxica onde a guitarra convida a cantar, bailar e buscar, entre versos e apps, algo de paz. Ou algo tan sinxelo e esquivo como sentirse ben.  O segundo, O himno da lesión, é unha canción en modo supervivencia, unha oda á capacidade de seguir en pé con humor malia todas as tristezas. Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro —ou neste caso, por detrás da canción— e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro. O himno da lesión puido ser un laído pero é un tema definitivamente animoso, con chiscadela verbal incluída.    

Segue a continuación Tremendamente coquetas, que se podería describir tamén como un himno pero desta volta para un planazo o un festón de benvida para todas aquelas que desexen unirse o selecto club da letra Q. Un chamamento alegre ás lesbianas e bisexuais debutantes. O cuarto tema é Unha cadela chamada ‘Por Favor’, unha balada con ritmo envolvente na que destaca a colaboración de Gloria Pavía, e que se acompaña dun videoclipO peche do álbum chega con Catastriño, unha versión case espida do tema Catastro gravada -literalmente- nunha adega baixo terra e achegándose ao xeito íntimo de compoñer de Lucía Aldao: guitarra e voz.


CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘PAVA 3’ EN SANTIAGO DE COMPOSTELA


Data: 9 de maio de 2025
Lugar: Sala Riquela (Preguntoiro, 35)
Hora: 20.30h

Solicitude de acreditacións (antes do 8 de maio): prensa@theofficeco.es

Escoita Pava 3https://pava.bandcamp.com/music

Vídeo Unha cadela chamada ‘Por Favor’

20250422-PAVA-presenta-Pava-3-en-Santiago-de-Compostela