Gorpuztu, da Compañía Eva Guerrero de Euskadi, será o espectáculo de danza contemporánea que inaugure o Itinerario Constelación; a cita será no Salón Teatro compostelán ás 20.30 horas e a entrada será libre
O proxecto de intercambio cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, pasará por Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo, Vimianzo e Viveiro antes de regresar, o 22 de outubro, a Compostela
Os vieiros polos que transitan as artes escénicas conflúen, de novo, en Santiago de Compostela. Un ano máis, a capital galega será o punto de partida e de chegada de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que se celebra, desde este domingo 17, e de xeito paralelo, en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra.
O proxecto cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, inicia esta fin de semana a súa andaina cunha función inaugural que terá lugar, ás 20.30 horas, no Salón Teatro. A compañía vasca Eva Guerrero presentará Gorpuztu, un espectáculo de danza contemporánea con música ao vivo que fala sobre a procura do equilibrio. É unha loita por estar en calma, por silenciar o ruído, por alixeirar a carga e a culpa, por atopar un lugar onde o animal durma tranquilo. Este espectáculo nace dunha investigación sobre o uso do corpo en determinados momentos do rezo en diferentes relixións, pasando por conceptos como culpa, penitencia, transcendencia, amor ou submisión. A proposta, recomendada para público adulto, contará con entrada libre ata completar a capacidade do Salón Teatro.
Logo do seu paso por Santiago de Compostela, Camiño Escena Norte visitará outras dez localidades galegas antes de pechar, o 22 de outubro, a súa programación oficial na Cidade da Cultura. Ames, Arzúa, Carballo, Lugo, Melide, Mondoñedo, Portomarín, Ribadeo, Vimianzo e Viveiro acollerán novas funcións, nas fins de semana de compañías procedentes de Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Á vez, as compañías galegas Caramuxo Teatro, Rebordelos e Xampatito Pato levarán as súas creacións a eses catro territorios que, con Galicia, conforman a rede do CEN.
Camiño Escena Norte tamén pretende favorecer o encontro e a creación de públicos. Por iso, alén do circuíto de exhibición, nomeadoItinerario Constelacións, conta cunha serie de actividades paralelas que, baixo o nome Camiño Expandido, se dirixen a distintos perfís, tanto profesionais como afeccionados. É o caso dos proxectos Cruzamentos, Habitación Peregrina PRO (que se celebrará a semana que vén en Lugo), ESADS en camiño; ou máis de 30 obradoiros, coloquios e encontros co público, entre outras propostas. Todas elas pódense coñecer no web www.escenanorte.com.
Programación CEN Galicia 2023
17.09 | Santiago de Compostela (Salón Teatro, 20.30 horas): Gorpuztu, de Cía. Eva Guerrero (Euskadi).
A obra, con texto de Fátima Delgado e dirección de Jana Pacheco, estará no Salón Teatro de Santiago de Compostela os días 6, 7 e 8 de outubro
O elenco desta peza que reflexiona sobre a discriminación de xénero dentro do deporte está composto por Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez
Trátase dun espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia
O equipo de Run Baby Run xa está a ensaiar nas Naves do Español en Matadero Madrid, ultimando os detalles desta obra sobre a discriminación de xénero dentro do deporte que terá a súa estrea absoluta o vindeiro 6 de outubro no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela. Fátima Delgado asina o texto desta peza dirixida por Jana Pacheco que contará tamén cunha xira por diferentes espazos da xeografía española e que se poderá ver na sala Margarita Xirgú do Teatro Español do 22 de febreiro ao 24 de marzo de 2024. O elenco confórmano Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez.
A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un Mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, a deportista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser. Para a dramaturga Fátima Delgado, “Run Baby Run é unha historia de ficción que trata sobre unha atleta profesional que, no mellor momento da súa carreira, é apartada da competición e agraviada publicamente por unha cuestión de xénero”.
Para a creación da obra, Fátima Delgado investigou sobre varios casos de mulleres deportistas que sufriron discriminación de xénero no ámbito deportivo, unha situación de plena actualidade, xa que, a menos dun ano dos Xogos Olímpicos de París, a algunha delas non se lle permite participar dentro da súa especialidade na categoría feminina. O texto de Run Baby Run, que xa está publicado na colección Teatro de Editorial Galaxia e vai ser presentado o vindeiro 3 de outubro en Santiago, pon o foco no deporte feminino, un tema que se prodiga pouco no teatro, e faino ademais desde unha perspectiva de xénero. Segundo a propia Fátima Delgado, “un dos motores que me impulsan a escribir é poder plasmar historias de mulleres que, desde as súas accións, ás veces aparentemente sinxelas, contribuíron a romper estereotipos na nosa sociedade”.
Nesa liña afonda a directora Jana Pacheco que ve no feminismo “unha clave fundamental de transformación social” e afirma que “Run Baby Run é unha obra que aposta por visibilizar a situación da muller no deporte e reflexiona sobre como as mulleres que non teñen un corpo normativo son dobremente discriminadas”. Alén diso, tamén salienta que é “un espectáculo contextualizado no Entroido, o cal fai que podamos investigar toda esa maxia telúrica, a fantasía que vén do entroido, da carnalidade e dun mundo onírico que nos permite levar o realismo máxico a escena, desenvolvendo unha dramaturxia visual a partir de elementos plásticos deseñados cun equipo artístico excepcional”.
O factor humano
Jana Pacheco é directora escénica, dramaturga visual e historiadora da arte. Fátima Delgado é dramaturga, actriz e poeta. Ambas as dúas son profesionais acreditadas das artes escénicas, con máis dunha década de traxectoria ás súas costas, especializadas en xenealoxía de mulleres, accesibilidade e educación e cun forte compromiso feminista. A posta en escena de Run Baby Run supón a súa primeira colaboración conxunta.
Canda elas, no equipo artístico do proxecto destacan tamén figuras como o deseñador Pier Paolo Álvaro, gañador do Premio Max 2023 a mellor deseño de vestiario polo espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do CDG; Fernando Epelde, responsable da música e o espazo sonoro da peza; o escenógrafo Alessio Meloni, tamén galardoado este 2023 co Premio Max a mellor deseño de espazo escénico por La cabeza del dragón; o iluminador Juan Gómez Cornejo, Premio Nacional de Teatro en 2011; ou a coreógrafa Greta García, integrante do grupo Irmás Gestring, entre outras. Run Baby Run é un espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Consejería de Cultura da Comunidad de Madrid.
PRESENTACIÓN DO LIBRO ‘RUN BABY RUN’ • DATA: Martes 3 de outubro | 20 h • LUGAR: Casa do Taberneiro [Rúa de San Pedro 15, Santiago de Compostela] • PARTICIPAN: Fátima Delgado, autora da obra, Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia, e Paula Fernández Seoane, filóloga e profesora
Sobre cartos, poder, códigos deontolóxicos e ¿literatura?
Soe dicirse que quen non se manifesta do lado do oprimido é que está da banda do opresor. Dende o pasado sábado ríos de tinta, miasmas e xenreira teñen circulado polos xornais e polas redes, a maior parte sen fundamento ningún e pensaba deixar pasar, pero coñézome e teño límites.
Saía o pasado sábado unha entrevista a un autor que falaba de dúas experiencias que tivera cunha editorial, unha boa e outra nefasta. Poñía enriba da mesa todo o que o levaba a denunciar públicamente o periplo de irregularidades polas que pasou e si, sei do que falo, non por boca de Alberto Ramos, o autor ao que aludo, senón pola miña propia experiencia, se ben non con esta editora, si con outra do ámbito galego e tamén a raíz dun premio. Saben os meus canto cheguei a odiar gañar aquel premio, polas dores de cabeza, o enfado prolongado no tempo e, sobre todo, a decepción.
Estes días houbo quen saíu a defender botando merda, dicindo que se publican só as obras que son boísimas. Mentira!, a que suscribe estivo traballando como “editora” (se ben non cobraba como tal, pero iso xa é fariña doutro muíño) e a cuestión non era a literatura, eran os cartos.
Podemos dar golpes no peito e dicir que só sae a boa literatura á rúa. Mentira! Sae o que pode venderse, o que pode ter un público para o que pague a pena poñer a traballar as impresoras, para que pague a pena maquetalo, corrixilo, para que xere riqueza. Ás veces, esa riqueza vén de Concellos, Secretarías de Política Lingüística, Deputacións e grandes empresas que deciden investir en cultura (e deixemos esta última oración a que cada unha de vós interprete por que ese apoio, se é desinteresado, ou de que tipo, pois a cultura hai moito tempo que os que nos centramos nela deixou de vender).
Como persoa que se dedicou a isto, que fixo contratos a autoras e autores que viñeron coa súa obra e a maior das ilusións, que se presentaron a premios e que aínda así tiveron un contrato nas súas mans no que se lle recoñecía o traballo e o posible rendemento do mesmo; e como persoa que escribe, ben ou mal, pero que escribe para satisfacción propia e ás veces allea tamén, dicir que todo o mundo merece o maior dos respectos e non unha pataleta infantil impropia dunha persoa que ten estudado filosofía, retórica e dialéctica, coma min mesma. Pois en filosofía tiñamos aquilo de argumentos ad hominem (aquel que ataca directamente ao carácter ou atributo do emisor, sen aportar nada á argumentación, é dicir, carente de sentido) e ad nauseam (este último no que se incita a que a discusión sexa superflua para fuxir dos razoamentos que non se poden contrarrestar) algo que carece de valor.
O que subxace a todo isto é que a mala praxe de unha, dúas ou vinte editoras fai que todas perdan credibilidade, peso e sobre todo forza, e recórdolles que non estamos para guerras internas cando se nos vai tanto nestas loitas de poder banais e rancorosas, nas que temos que defender o traballo a prol da lingua, o respecto a quen escribe, e os dereitos sobre a obra de cada quen (sexa boa ou mala, non vou entrar nese tipo de consideración). Porque hai códigos deontolóxicos dentro da profesión, ao mellor, non escritos, pero nos que rixe o sentido común e que non se deben traspasar.
Quen teña que asumir responsabilidades que as asuma, quen teña que envainar a vaidade que a envaine e traballemos como este idioma reclama, como as autoras reclaman e como Galiza merece.
E quen faga defensas do “a min non” e lave as mans, coido que non entendeu nada. Todo este periplo lembroume a cando a veciñanza é entrevistada logo dun ataque violento e di: saudábanos sempre, é incrible!.
Maioría de idade, crítica, responsabilidade, e asunción da culpa, diría Inmanuel Kant.
O venres 15 de setembro terá lugar na Casa da Cultura de Guntín a presentación do libro do noso socio o historiador Jesús Otero Pereiras, As Minas de Guntín, arqueoloxía industrial na Terra de Pallares, excepcional traballo co que gañou o XV Certame de investigación Condado de Pallares.
O profesor Jesús Otero Pereiras ten unha excelente formación académica e é hoxe un dos máis destacados historiadores da nosa comarca (Ver os seus artigos de investigación en Cairón e nos monográficos do IEU http://ieu.gal/cairon-boletin-ieu/http://ieu.gal/libros/ ).
Por outra parte, mencionar a nova da concesión do galardón “Lucense do Ano 2023” á socia seoanesa Ana José Varela, directora financieira da OCDE, con residencia en París, que ven con moita frecuencia á Ulloa, onde asistíu a moitas das actividades do IEU, especialmente ás excursións botánicas. (https://executivasdegalicia.org/portfolio/ana-jose-varela gonzalez/)
O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o venres 15 de setembro de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, un COLOQUIO sobre a figura de “JUANA DE VEGA”, a cargo de XOSÉ RAMÓN VEIGA ALONSO, autor do libro: “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872)”, ANA CABANA IGLESIA e MARTA VEIGA IZAGUIRRE. Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.
Actress, Laurel Halo, Midori Takara, DJRUM, Lee Gamble, Croatian Amor ou Loraine James son os pratos fortes dun festival que se celebrará do 14 ao 17 de setembro en nove espazos da cidade.
A escena galega terá unha presenza relevante tanto no cartel coma no encontro interxeracional nomeado O son electrónico de Galicia, ao que están convidados medio centro de colectivos, djs, promotores e artistas.
Os últimos abonos e entradas de día dispoñibles para o WOS 2023 pódense adquirir a través do web oficial https://wosfestival.es.
A partir deste xoves 14, e até o domingo 17 de setembro, a capital galega amosará o seu lado máis arriscado e vangardista. A cidade acollerá a sétima edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia, o encontro multidisciplinar dedicado a promover e fomentar a música e a cultura de vangarda con concertos e actividades en diferentes espazos de alto valor patrimonial de Santiago de Compostela.
O festival ofrecerá ao longo de catro xornadas un total de 29 actuacións musicais con artistas procedentes de máis de 15 países de todo o mundo (dos cinco continentes, desde Exipto ata India, pasando por Reino Unido, Portugal, Sierra Leona ou Australia, entre outros) que, habitualmente, só é posible ver en grandes cidades. Tres estreas mundiais e dezasete a nivel estatal formarán parte dunha programación arriscada, global e de vangarda que consolida a cita como un dos festivais de referencia en Europa, tanto para artistas da escena electrónica coma para promotores e público.
A nova edición do festival presentouse esta mañá no Pazo de Raxoi (sé do Concello de Santiago), coa presenza do delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil; o Vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a concelleira de Capital Cultural de Santiago, Míriam Louzao; a responsable de comunicación de Corporación Hijos de Rivera, Cecilia Babarro; e o director do festival, Iván Arias.
Un festival multiespazo que se estende por toda a cidade
Do 14 ao 17 de setembro, WOS Festival x SON Estrella Galicia ofrecerá unha completa programación de case unha trintena de mostras sonoras, ademais de proxeccións de películas documentais e parladoiros. Mais un dos aspectos máis salientables do festival será, unha vez máis, os extraordinarios escenarios elixidos para as actuacións, que porán en valor o patrimonio arquitectónico e cultural da cidade. A Igrexa da Universidade, o Teatro Principal, o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), a sede Afundación, a Fundación Eugenio Granell, a sala de cinema NUMAX, o Parque de Bonaval e a sala Capitol serán sedes dunha edición que, como novidade, incorporará o complexo arquitectónico industral da Fundación Laboral de la Construcción: dúas súas naves transformaranse, na noite do sábado 16, nunha pista de baile.
Actress, Laurel Halo, Midori Tadaka e DJRUM, cabezas de cartel do WOS 2023
As seareiras e seareiros dos sons máis inconformistas e da cultura contemporánea máis audaz e subversiva encherán as rúas, prazas e teatros da cidade para gozar das actuacións de figuras internacionais como Actress, Laurel Halo, Midori Takada e DjRUM,entre outros moitos. O británico Actress, nome imprescindible para comprender a evolución recente da música techno, presentará no WOS temas do EP Dummy Corporation (2022) e o seu último sinxelo, Push Power (a 1) (2023). Pola súa banda, a artista de culto Laurel Halo presentará ao vivo, da man da chelista norteamericana Leila Bordreuil, o seu novo traballo, nomeado Atlas (2023), unha proposta ambiental con influencia neoclásica. Ademais, as amantes do baile e das viaxes sonoras a través de xéneros e escenas gozarán da sesión nocturna do británico DjRUM, un dos mellores djs da década. E como broche dourado desta edición, e coas localidades esgotadas desde hai días, terá lugar a estrea mundial do novo espectáculo da lenda xaponesa da música ambient Midori Takada, Japan On Films (2023), proxecto que conta co apoio internacional de institucións tan prestixiosas coma o British Film Institute (BFI) e a Fundación Japón.
Croatian Amor, ABADIR, Lee Gamble, Malibu, Loraine James ou CORIN, por destacar só algúns nomes, son outras das figuras que formarán parte dun cartel que ofrecerá este ano tres estrenos mundiales: alén da xa mencionada Japan On Film (Live) de Midori Takada, o público gozará por vez primeira de Alex Aller & Margarida Mariño present Transmutation (Live AV) e Kosu Nes & Urok presents Itionomaxi (Live AV).
Alén de achegar ao país a arte de grandes figuras de todo o mundo, WOS Festival x SON Estrella Galicia mantén o seu interese, desde 2016, pola escena local. Desde aquela primeira edición, na que procurou promover encontros e descubrir novos talentos, a súa aposta polo tecido creativo galego sempre estivo presente. Este ano o eventocontará con artistas como Ivankovà, JUAIT, Alex Aller & Margarida Mariño, Akazie, Kosu Nes & Urok e MIL111.
Programación paralela de cinema e conversas
Ademais de propostas musicais, WOS Festival 2023 ofrecerá unha interesante programación paralela que incluirá dúas proxeccións documentais que terán na música o seu tema principal e que se poderán ver no Cinema NUMAX. É o caso de CAN and Me (2022), un retrato íntimo de Irmn Schimidt, o fundador da banda CAN, que conta con materiais de arquivo e entrevistas para entender a súa figura; e Expedition Content (2020), na que será a súa estrea en España, unha peza que emprega material de arquivo sonoro de antropólogos estadounidenses e nativos Hubila, de Papúa Nova Guinea.
Alén das exhibicións cinematográficas, WOS proporá, en aberto, un programa de conferencias sobre a escena electrónica. Por un lado, porá o foco sobre a escena galega, considerada unha das máis interesantes do territorio peninsular, a través das mesas redondas O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional, na que abordarán a boa saúde actual do panorma máis próximo e as súas diferentes ramificacións polas catro provincias, mais tamén o camiño percorrido até o de agora. Participarán artistas, colectivos, DJs e promotores. Pola outra, o festival contará cun panel que terá como protagonista a Aho Ssan. O músico, afincado en París, e que estreará Rhizomes en España no marco do WOS Festival, conversará sobre o seu proceso creativo co prestixioso xornalista musical Phil Bloomfield (Sónar Festival).
Últimas entradas dispoñibles
O WOS 2023 está a piques de pendurar o cartel de “entradas esgotadas”. Polo de agora, xa non quedan dispoñibles Abonos Weekend (15-17 de setembro) nin billetes de día para o venres 15 nin para a gala de clausura (domingo 17). As últimas entradas para esta edición pódense adquirir a través do web oficial www.wosfestival.es
WOS Festival conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais do apoio doutras institucións como Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña e Fundación Japón.
ARTISTAS DO WOS FESTIVAL X SON ESTRELLA GALICIA (A-Z)
ABADIR (Live) Actress (Live AV)* Aho Ssan & Sevi Iko Dømochevsky present Rhizomes (Live AV)* Akazie (Dj) Alex Aller & Margarida Mariño present Transmutation (Live)** Black Rave Culture (Dj)* Bruce (Live)* CORIN presents Lux Aeterna (Live AV)* Croatian Amor (Live) DjRUM (Dj) Heith ft. Declino (Live AV)* Iceboy Violet (Live)* Ivankovà (Live) JUAIT (Live)* Kia (Dj) * Kosu Nes & Urok present Itionomaxi (Live AV)** Lamin Fofana (Dj)* Laurel Halo presents Atlas (Live AV)* Lee Gamble (Dj) Loke Rahbek & Frederik Valentin (Live)* Loraine James presents Gentle Confrontation (Live AV)* Malibu (Live) Marlene Ribeiro & Inês Malheiro* Midori Takada presents Japan On Film (Live)** object blue & Natalia Podgorska present Pearl Forest (Live AV)* Patricia Wolf (Live) Puce Mary (Live)* Shackleton & Zimpel w/ Siddhartha Belmannu & Pedro Maia present In The Cell Of Dreams (Live AV)*
* Estrea en España ** Estrea mundial
PROGRAMA MUSICAL
Xoves 14, 21:00 horas (INAUGURACIÓN) | Teatro Principal Laurel Halo presents Atlas (Live).
Venres 15, 18:30 horas | Igrexa da Universidade Ivankovà (Live).
Venres 15, 20:00 horas | Teatro Principal Shackleton & Zimpel with Siddhartha Belmannu and Pedro Maia (Live AV) present In The Cell Of Dreams (Live AV).
Venres 15, desde 22:00 horas | Sala Capitol 22:00h – Kosu Nes & Urok present Itionomaxi (Live AV).23:00h – CORIN presents Lux Aeterna (Live AV).00:00h – Iceboy Violet (Live).01:00h – Actress (Live AV).02:00h – Lee Gamble (Dj).
Sábado 16, 18:00 horas | Teatro Principal 18:00h – Alex Aller & Margarida Mariño present Trasmutation (Live AV).20:00h – Aho Ssan & Sevi Iko Dømochevski present Rhizomes (Live AV).
Sábado 16, desde 22:00 horas | Fundación Laboral da Construción (FLC) 22:00h | Sala 2 – Heith ft. Declino (Live AV).22:30h | Sala 1 – Bruce (Live). 23:00h | Sala 2 – Puce Mary (Live).23:30h | Sala 1 – Croatian Amor (Live).00:00h | Sala 2 – Loraine James presents Gentle Confrontation (Live AV).00:30h | Sala 1 – JUAIT (Live).01:00h | Sala 2 – object blue & Natalia Podgorska present Pearl Forest (Live AV).01:30h | Sala 1 – Kia (Dj).02:00h | Sala 2 – Black Rave Culture (Dj).03:30h | Sala 1 DjRUM (Dj).
Domingo 17, 18:30 horas | Igrexa da Universidade Malibu (Live).
Domingo 17, 20:00 horas (CLAUSURA) | Teatro Principal Midori Takada presents Japan on Film (Live AV).
PROGRAMACIÓN PARALELA
PROGRAMA DE CINEMA Sábado 16, 16:00 horas | NUMAX CAN and Me (2022), dirixida por Michael P. Aust e Tessa Knapp.
Domingo 17, 16:00 horas | NUMAX Expedition Content(2020)*, dirixida por Ernst Karel e Veronika Kusumaryati. *Estrea en España
PARLADOIROS Venres 15, 16:00 horas | Auditorio do CGAC O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional (parte 1). Participan: Akazie, Arkestra Discos, Dial Electrónico, Jelly, Modulartec, Peligro Club. Moderan: Frankie Pizá e Víktor Flores.
Sábado 16, 13:00 horas | Sede Afundación Conversación con Aho Saan. Participan: Aho Ssan e Phil Bloomfield.
Sábado 16, 16:00 horas | Auditorio do CGAC O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional (parte 2). Participan: Must Be On Wax, Neo2000Klub, RetroFuture, Russ, Sisters of Rave, TR3MOR. Moderan: Frankie Pizá e Víktor Flores.