O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, decidiu outorgar este 2026 o premio Xograr de Outono a Antonio Porteiro, director técnico do festival desde hai 25 anos e unha das persoas imprescindibles para entender a historia e o presente desta cita única e pioneira coas artes escénicas galegas

O galardón mantén así o seu propósito de recoñecer anualmente traxectorias fundamentais para o sector e pon o acento nunha profesión esencial que permanece habitualmente fóra dos focos: a dos equipos técnicos que fan posible que o teatro aconteza

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2026 o premio Xograr de Outono a Antonio Porteiro, director técnico do festival desde hai 25 anos e unha das persoas imprescindibles para entender a historia e o presente desta cita única e pioneira coas artes escénicas galegas. O galardón mantén así o seu propósito de recoñecer anualmente traxectorias fundamentais para o sector e, nesta ocasión, pon o foco nunha profesión esencial que permanece habitualmente fóra dos focos: a dos equipos técnicos que fan posible que o teatro aconteza.

Nesta edición, as xograresas e xograres do FIOT queren recoñecer en Antonio Porteiro unha maneira de entender o oficio baseada na profesionalidade, na confianza, na capacidade de traballo e, sobre todo, en facer posible o imposible. Durante un cuarto de século, Antonio traballou man a man co festival para sacar adiante cada edición, cada espectáculo e cada necesidade técnica, converténdose nunha peza fundamental dun equipo que fai realidade a programación do FIOT. Porque, como el mesmo adoita dicir con retranca cando un reto parece imposible, “queredes meter un pé do 45 nun zapato do 36”. E Antonio faino posible.

O seu compromiso transcende, ademais, o propio festival. Desde a súa empresa, Sonpress, que fundou e dirixe, leva décadas contribuíndo ao desenvolvemento do tecido cultural da comarca e colaborando con profesionais e proxectos de toda Galicia e do resto do Estado. A súa traxectoria e a súa forma de traballar convertérono nun profesional especialmente querido e respectado polos equipos técnicos que pasan por Carballo, procedentes de diferentes lugares de España e tamén do estranxeiro.

A súa actitude alegre, próxima, facilitadora e sempre disposta a buscar solucións fai de Antonio unha figura técnica de referencia da nosa escena. Un deses profesionais que coidan cada detalle para que, cando comeza unha función, todo pareza sinxelo. Para que a luz estea, o son chegue, o escenario funcione e a creación artística poida brillar.

Con este Xograr de Outono, o FIOT quere recoñecer a Antonio Porteiro, pero tamén poñer en valor todas as profesións técnicas que sosteñen as artes escénicas: son, iluminación, maquinaria, escenografía, montaxe, produción e tantos outros oficios imprescindibles para que cada espectáculo chegue ao público.

Porque o teatro é moito máis ca quen escribe, dirixe ou interpreta. Tamén é quen está detrás, quen coida, quen resolve e quen fai posible que a maxia suceda. E no FIOT, esa maxia leva 25 anos contando con Antonio Porteiro.

Sobre Antonio Porteiro

Antonio Porteiro é fundador de Sonpress, empresa especializada no ámbito técnico e audiovisual, e leva décadas vinculado á produción técnica de espectáculos e eventos culturais. Ao longo da súa traxectoria colaborou con numerosos proxectos e profesionais do sector, construíndo unha sólida reputación pola súa experiencia, capacidade de resolución e compromiso co traballo en equipo. No FIOT é responsable técnico desde hai 25 anos, unha relación que o converte nunha das persoas que máis profundamente coñecen o festival e que contribuíron a facelo posible edición tras edición.

FIOT35: UNHA COIDADA SELECCIÓN CO MELLOR DA ESCENA ACTUAL EN CARBALLO

Do 23 de setembro ao 31 de outubro de 2026, o FIOT reunirá un ano máis o mellor da escena actual en Carballo ao longo de cinco semanas. Haberá Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, FIOTeen, FIOTiño e Micro-escenas M2.

No cartel da 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo danranse cita nomes imprescindibles da escena galega, española e internacional, como Alba Flores, Alberto Velasco, almealera, Andrés Lima, Carles Sans (fundador de Tricicle), Chévere, a Companhia do Chapitô, Delphine de Vigan, Esther Carrodeguas, Gloria Muñoz, Juan Carlos Fisher, Lúa Mosquetera, María Velasco, Mofa e Befa, Rafael Álvarez, El Brujo, Spinish Circo, Titzina e moitas máis figuras que merece a pena revisitar ou descubrir.

En total, ‘o corazón do teatro en Galicia’ achegará a todos os públicos 43 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia, procedentes de dous países (España e Portugal) e 8 comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Cataluña, Comunidade Valenciana,  Comunidade de Madrid, Castela León, Galicia e Illas Baleares). 

Á cita con esta nova entrega do FIOT non faltarán tampouco coproducións, residencias artísticas e máis dunha vintena de actividades de mediación de públicos e apoio á creación teatral, como a exposición ZoomFIOT, presentación de libros e coproducións,  gravación en directo dos podcasts do OndaFIOT, os Café con…, un homenaxe a Manuel Lorenzo, lecturas dramatizadas, encontros co público ao rematar a función, a colaboración coa Noite Europea das Persoas Investigadoras, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido ou a entrega do galardón Xograr de Outono.

Os bonos e entradas para a 35ª edición do FIOT poderán adquirirse a partir do día 14 de setembro para abonados de Telón e Aparte e desde o 18 de setembro para o público xeral, coa excepción da Rúa dos Contos, cos billetes xa dispoñibles a partir do día 14. Toda a información do programa e e venda de entradas está dispoñible na web www.fiot.gal.

O FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro está organizado pola Asociación Telón e Aparte eo Concello de Carballo, co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e a Fundación Luís Calvo Sanz. Un ano máis, conta tamén coa colaboración da Libraría Brañas, Camiño Escena Norte, o Colectivo RPM e o CCA Carballo.

SOBRE O FIOT: MÁIS DE TRES DÉCADAS CREANDO TEATRO

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 35 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 34 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 360 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez, El Brujo, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval, Pablo Remón, Andrés Lima…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.

MÁIS INFORMACIÓN

https://fiot.gal/

2025.09.06.NP-Xograr-Outono-FIOT-2026