por martinho | Feb 4, 2019 | Autores/as, Novas, Xeral
Xa hai data para degustar os riquísimos pratos de chanfaina visual que nos teñen preparados os realizadores e realizadoras que percorreron San Sadurniño na primeira fin de semana de setembro. O sábado 9 de febreiro a partir das 17.00h. a Casa da Cultura converterase nun cine de sesión continua onde se proxectarán un total de 23 pezas con distintas duracións e tamén temáticas, aínda que sempre co nexo común do territorio local. A estrea das curtas suporá, ademais, o arranque da sexta edición do encontro audiovisual.
O programa da tarde na Casa da Cultura comezará coa presentación de cada peza por parte dos seus autores e autoras e coa entrega dos agasallos a cada participante. O momento é aproveitado habitualmente para repasar a súa biografía creativa e para dar unhas pinceladas sobre a intencionalidade das pezas, unhas veces documental, outras veces ficticia, outras experimental. De feito, o Chanfaina Lab só pon como condición que os produtos se graven en espazos de San Sadurniño, xa sexa con historias que reflictan algún vencello co territorio ou no que este se poña ao servizo do argumento como simple escenario.
Tamén se pide que as curtametraxes sexan iso, curtametraxes, entendendo como tales aquelas producións inferiores a 30 minutos, aínda que se recomende tamén que non pasen de 10 para que a xornada das estreas sexa máis fluída e tamén para que despois funcionen ben nunha plataforma tan orientada á brevidade como é youtube.
Fóra do condicionante da duración e a esixencia espacial, o resto é cousa de cadaquén: os medios técnicos que queira dedicar, a orientación visual, a elección temática… Por iso o día da estrea esperta tanta expectación. As olladas dos realizadores e realizadoras son sempre sorprendentes e engadan a curiosidade do público local propoñéndolle retratos de San Sadurniño trazados desde fóra, pero tamén desde dentro. E é que no Chanfaina conviven creacións de directoras e directores de referencia no audiovisual galego con outras feitas por xente nova e non tan nova do propio concello, compartindo vivencias durante os tres días de gravación e despois impresións sobre o resultado no día da premiere.
Uns e outras -en total 32 persoas das que 15 son da casa- están citadas para o sábado 9 de febreiro ás 17.00h. na Casa da Cultura. E, se a cousa é tan puntual coma nas anteriores edicións, a iso das 17.30h. estaremos degustando xa as súas obras, que aínda estes días lle están chegando á organización do Chanfaina Lab.
O pase cinematográfico compóñeno 23 curtametraxes, polo que é posible que máis ou menos pola metade se faga unha pequena pausa, igual que nas antigas salas cando era obrigado parar para cambiar o rolo de celuloide. O programa da sesión é o seguinte:
- “Cabeceira” – Roberto Bouza
- “A rapaza que borboriñaba aos cabalos” – Catalina Rodríguez
- “Rexistros (xeografía de San Sadurniño)” – Adrián Canoura
- “Sen orde nin ficción” – Natalia Fernández
- “A vista de cabalo do demo” – Bieito Beceiro
- “Síntese” – Ángela Arnosa
- “Xente bonita #1” – Cibrán Tenreiro
- “The Sansa Stomp” – Iago Lourido
- “Breixo” – Javier Seoane e Kevin Lorenzo
- “Dereito a sermos vellas” – Irene Beceiro
- “A chamada” – Simone Saibene
- “Insomnio” – Sebastián Rodríguez
- “Non teño dono” – The Sungirls
- “Electra” – Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos e Cruz Piñón
- “E fíxose a luz” – Fran Bermúdez
- “O silencio dos eólicos” – Aser Álvarez
- “Arrolo” – Lucía Estévez
- “Unha casa de aldea” – Abel Vega
- “Nena-Dina” -Andrés Goteira
- “Conectado” – Pablo Martínez
- “Irmandade” – Helena Girón e Samuel Delgado
- “Nimbo” – Mar Catarina e Rubén Domínguez
- “Soñadores” – Gabriel Tizón
As pezas correspóndense co remate da quinta edición do Chanfaina Lab, que vai encabalgando anos gravando sempre na primeira fin de semana de setembro e estreando a primeiros de febreiro do ano seguinte. A proxección das pezas filmadas o ano pasado supón o inicio do sexto Chanfaina, do que seguramente se nos adiante algo o propio día 9. A partir da semana seguinte as curtametraxes iranse subindo á canle de youtube do proxecto a razón de unha estrea cada venres.
*Información facilitada desde o Concello de San Sadurniño.
por martinho | Feb 3, 2019 | Autores/as, Novas, Xeral
Este pasado sábado, 2 de febreiro, desde as 19 horas quedou inagurada no Museo das Aves de Cospeito a Exposición de Pintura CROMATOPÍA, da artista Adolfina Mesa. Exposición organizada polo Concello de Cospeito en colaboración con Culturalia GZ.
Un grupo numeroso de persoas déronse cita neste evento pictórico, no que o alcalde do Concello de Cospeito, Armando Castosa, deu a benvida a todos os asistentes a aquela “paisaxe intervida polas mans do home”, en palabras da propia pintora Adolfina Mesa, que é o Museo das Aves de Cospeito. Ademais indicou que aquela exposición sería o encete de moitos outros proxectos que poderían tomar vida naquel espazo reconvertido para a cultura. Pola súa banda, Adolfina Mesa amosou a súa ledicia ao ver como CROMATOPÍA abría as portas daquela galería particular e convidou ao público en xeral a pasear polo camiño cromático e emocional que desprende cada cadro do seu novo proxecto pictórico.
CROMATOPÍA desenvólvese coma un relato emocional no que o escenario de cor-espazo provoca que poidan coexistir distintos cronotopos que se artellan e relacionan na trama textual e cromática, creando unha atmósfera especial e un determinado efecto nas emocións dentro dun diálogo entre a obra e o espectador. Destaca a busca da artista orientándose cara a novas dimensións emotivas e concenptuais, afastándoa da realidade sen deixar de concebila.
CROMATOPÍA leva á artista Adolfina Mesa a sentir a necesidade de non ser pintora simplemente, senón integrarse na estrutura diálogo e cromatismo, no que cor, forma, espazo e tempo transcendan dende o inédito cara ao permanente, aínda que sexa a costa de renunciar ás máis clásicas estéticas e diálogos, para acadar a sensibilidade de xeito harmónico. Unha construción onde ‘arte’, represente máis que pintura e se expanda ao lirismo da poesía.
Lembrar tamén que a devandita exposición permanecerá á vista do público durante todo o mes de febreiro en horario habitual do Museo das Aves, ou mediante chamada telefónica previa ao Concello de Cospeito para concertar unha visita fóra dese horario de apertura.
por martinho | Feb 3, 2019 | Autores/as, Novas, Xeral
Este próximo sábado, día 9 de febreiro, ás 20 hrs, Paloma Suanzes dará un concerto na Casa-Museo Manuel María.
O espectáculo musical que leva por título “Verbas de Auga” será un concerto íntimo dos que vén dando, nestes últimos anos.
Cantautora de longa traxectoria musical, ten un traballo editado, “Feitizo”, e colaborou en distintos discos como “Catro mulleres, catro estilos, catro voces”, xunto a María Manuela, Julie Guravich e Claudia Campos. Compartiu escenario, entre outras, con Uxía Senlle, María Manuela, Sonia Lebedynski, Mercedes Peón, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Guadi Galego e Ugia Pedreira, no espectáculo “Son Delas”. Xunto a Miguel Mosquera creou o dúo musical, “Alba Nocturna”.
Nos últimos anos, alén de pequenas actuacións, Paloma Suanzes centrouse na súa formación, adicándose a compor, escribir e formarse como directora de coro, cantante lírica e mestra de música. Na actualidade, prepara a gravación de novos temas que formarán parte dun novo proxecto musical persoal.
A entrada é libre até encher o aforo. Reservas en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel 698177621.
*Información achegada desde a Casa-Museo Manuel María.
por martinho | Ene 31, 2019 | Autores/as, Novas, Xeral
No serán deste pasado mércores, 30 de xaneiro de 2019, quedou inaugurada na Galería de arte La Ferretería Eventos & Co., situada na rúa San Froilán 11, 27001 Lugo, a Exposición Colectiva “MUJERES LIBRES”. Un evento, organizado e comisariado por Luisa Paz Montenegro, no que participan un total de 13 artistas; un grupo conformado por artistas plásticos e fotógrafos, que amosará as súa interpretación e visión persoal sobre a liberdade da muller usando como eixo protagonista a imaxe das nais, nos estilos que cada artista desenvolve e o identifica. Alí poderemos contemplar ata o 26 de febreiro as obras de Adolfina Mesa, María Luisa Novais, Ana Rodríguez, José Blázquez, Rosa Guisán, Eduardo Sampayo, Xosé Manuel Otero, Uxía Otero, Carmen Torreiro, Ali Minguillón, Luisa Varela, Concetta Montenegro e a propia Luisa Paz.
Na seguinte galería de imaxes podemos apreciar como foi de concorrida a apertura ao público de devandita Exposición pictórica colectiva.
por martinho | Ene 28, 2019 | Autores/as, Novas, Xeral
O sábado 9 de febreiro de 2019 a partir das 12 horas, e organizado pola Irmandade Manuel María da Terra Chá e a Asociación Cultural XERMOLOS, celebrarase outro Hectómetro Literario no Paseo dos Soños de Vilalba en homenaxe a Alfonso Blanco Torrado polo seu gran traballo na Terra Chá.
por martinho | Ene 28, 2019 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
Este sábado, 2 de febreiro, a partir das 20:30 horas celebrarase no Auditorio Municipal de Vilalba o acto de entrega do II PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE NARRATIVA INFANTIL E XUVENIL POLA IGUALDADE á escritora Rosa Aneiros pola obra titulada UNHA MANTA RILLADA presentada baixo o lema ou seudónimo de KHOEDI. Este premio está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia.
Adxúntase cartaz, nota e invitación para o acto de entrega do citado galardón literario.
*Información facilitada polo IESCHA.