Da man da poeta Pilar Maseda e os músicos Baruk Domínguez, Rosana Domínguez e Carmen Mato nace unha mestura de palabra e melodías que desembocan no inmenso mar de CORREDORES DE SOMBRA.
Este grupo, na súa curta andaina, xa amosou unha boa dose do potencial poético-musical que nos pode ofrecer durante a celebración de entrega do II Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. Mostra desa actuación é a que temos no vídeo que aparece a continuación.
O vindeiro venres, 22 de febreiro de 2019, ás 20:00 horas, celebrarase a inauguración das exposicións fotográficas MULHERES e VIAXE POLO MUNDO DA MÁSCARA, de Mercedes Vázquez Saavedra, no Refectorio e Sala Multiusos do Museo Provincial de Lugo.
Refectorio e Sala Multiusos do MPLugo (22 de febreiro – 31 de marzo de 2019).
Horario de visitas MPLugo:
Luns a venres: de 9:00 a 21:00 h. Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h. Domingos e festivos: 11 a 14 h. Entrada gratuíta
Acompañará a autora das exposicións o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde.
MULHERES
A exposición “Mulheres” é froito dun proxecto arredor das mulheres arrainas, da raia galego-portuguesa, e mesmo da raia portuguesa-zamorá, e até da raia galego-berciá…, e continuará.
Comezou en Pitôes das Junias (Montalegre) por ser unha aldea que conservou rasgos do comunitarismo en parte da veciñanza pero especialmente nas mulheres idosas, e noutras mulheres que foron fotografadas, despois de longas conversas e de convivir con elas na aldea, estableceuse unha corrente de irmanamento moi forte coas mulheres.
As mulheres da raia son mulheres fortes, moi traballadoras, que foron pais e nais, cando os homes marcharon, elas coidaron do gando e da facenda, das casas e dos fillos, entón participaron nos trasfegos típicos das fronteiras. As mulheres de Pitôes e Tourem, falan dos galegos e galegas como se fosen a mesma xente.
“Son coma nós”, o que é certo. As mulheres de máis idade as que rondaban os 100, contaron que súas nais axudaran aos escapados despois da “guerra dos españois”, e incluso algunha destas mulheres sendo case unhas mozas, vixiaban cando súas nais levaban aos galegos polo monte, esa axuda foi por humanidade, elas non sabían de política:
“Cómo non íamos axudar se eran galegos, nosos irmâos”. Contaron que algúns escapados estiveron nas casas, e o doutor de Tourém, axudou a todos, tiña aos galegos na casa, até que marchaban a embarcar.
Tamén fotografei as mulheres arraianas galegas, de Gundimil e Requiáns, mesmo na raia.
Mais outras foron as mulheres coas que falei e fotografiei, as mulheres de Castro Laboreiro (Melgaço), mesmo na raia, tamén con costumes do comunitarismo. E tamén falei e fotografei mulheres do Soajo, Arcos de Valdevez etc. e outras mulheres galegas da raia, mesmo da Mezquita, lindeiras con Vinhais, ou mesmo mulheres de Río de Onor (Bragança), onde o cumutarismo foi importante, ou as mulheres das aldeas arraianas de Miranda do Douro ou Mogadouro. Por outra banda afondei na raia galega-bierzo, e na raia galega-astur. Pero neste caso, a exposición afondou nas que están máis nas mulheres de Pitôes, Covelâes, Tourem, Requians, Gundimil, Salto, Soajo, Río de Onor …
Mercedes Vázquez Saavedra, de Sarria (Lugo), escritora e fotógrafa correcamiños levou a cabo unha pesquisa etnográfica arredor do mundo da máscara, o que deu pé á presente exposición.
VIAXE POLO MUNDO DA MÁSCARA
A miña vida é o mundo da Máscara, un mundo máxico e paralelo.
Non quero saír deste mundo de caretos e mascarados, non quero vivir no mundo real, non gosto nadiña do que está a acontecer.
Inmigrantes que non son aceptados, miseria, fame, falla de principios e solidariedade …
Que está a pasar? Son tres días os que vivimos neste mundo, non paga a pena acumular riquezas, non paga a pena nada.
Polo que decido quedar no mundo dás máscaras, no que atopei xente que é quen de compartir o que ten.
*Información facilitada polo Museo Provincial de Lugo.
O venres 15 de febreiro, un grupo de usuarias do centro de día Vila de Valverde de Cospeito acudiron ao Museo das Aves. Coma sempre, aproveitando o bo tempo, dan un paseo e saen a desfrutar das iniciativas que a comunidade lles ofrece, neste caso a exposición de pintura CROMATOPÍA, da artista Adolfina Mesa, que se expón ata finais deste mes de febreiro. Unha vez alí percorreron aquela paisaxe deseñada pola man do home, aquel bosque ateigado de cores, que alimentan as emocións de quen as contemplan.
Ás usuarias do centro de día Vila de Valverde encantoulles o cromatismo que desprendía a mostra pictórica, e facían unha parada especial naqueles que amosaban un singular significado relacionado co empoderamento da muller, concepto no que tamén traballan desde o propio centro. Ao final do percorrido, cada unha escolleu o seu cadro favorito dos expostos, se ben, curiosamente, o gañador resultou ser CALDALOBA. E deixaron constancia diso posando todas xuntas ao carón do mencionado cadro. Asemade, aproveitaron para realizar o paseo interactivo do Museo das Aves, onde recoñeceron aves e sons dos tipos de aves máis frecuentes da zona.
Aínda coa exposición CROMATOPÍA latexando emocións en cores no Museo das Aves de Cospeito, a artista Adolfina Mesa convídanos a unha nova viaxe polo seu universo cromático, que poderemos admirar na Exposición NATUREZA ÍNTIMA que se inaugurará o vindeiro 1 de marzo na sala expositiva da Casa da Cultura de Vilalba.
A colaboración do Concello de Vilalba e Culturalia GZ posibilitan a programación deste evento pictórico ao longo de todo o mes de marzo, en horario de apertura da Casa da Cultura vilalbesa.
NATUREZA ÍNTIMA é unha explosión temática (feminismo, amor, liberdade, sensualidade, natureza, etc) que busca alimentar a fame perceptiva do visitante á citada exposición. A exposición está composta por máis dunha trintena de cadros en diferentes soportes e formatos. Desa numerosa cantidade de obras pictóricas, dezanove cadros xiran ao redor do eixo feminino e feminista; engadindo a esta temática tres instalacións creadas ad hoc para esta exposición. O resto da obra que virá a Vilalba rondará distintos aspectos, salientando o campo da crítica social e a reflexión baixo a paleta cromática da artista que procura plasmar poesía na súa miscelánea de cores.
Na inauguración desta exposición de Adolfina Mesa na Casa da Cultura de Vilalba contarase coa participación poética de Pilar Maseda, Beatriz Dourado e Martiño Maseda, que tratarán de engalanar cos seus versos o ambiente cromático e conceptual que mana de NATUREZA ÍNTIMA. E non debemos esquecer a asistencia da concelleira de Cultura de Vilalba, Chery Grandío, que abrirá o acto de inauguración, que pechará a propia Adolfina Mesa, cunhas verbas sobre o que público poderá atopar na peregrinaxe visual e emocional pola exposición que achega á vila chairega. Por iso, tanto os colaboradores na posta en marcha da mencionada exposición así como a propia autora da mesma animan a que acuda xente para gozar con este pequeno espectáculo de cor e palabra.
Este sábado, 23 de febreiro, ás 20 hrs, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, Elsinor Teatro presentará O PALCO E AS LÚAS, escrita e dirixida por Manuel Lourenzo.
“O palco e as lúas”, de unha hora de duración, está composta por catro pezas breves (Zanzíbar, Postulantes, Noite pecha e A terraza), interpretadas polo propio Manuel Lourenzo, Cristina Fuentes, Margot R. Alvarado, Carme Martínez, Xosé Martínez e Xulia Miguel.
Fundado en 1990 como grupo independente e autoxestionado, Elsinor Teatro ten como obxectivo a práctica dun teatro do noso tempo, libre de imposicións e atento a un diálogo fértil cos espectadores. Caracteriza o grupo a exploración de linguaxes, tanto do punto de vista literario ou actoral, canto do puramente escénico. Na súa historia, o grupo tivo dúas etapas: a primeira, do 1990 ao 1998, e a segunda, do 2013 ao momento actual. En ambos os dous casos, abunda na produción de formas breves de teatro, con poucos intérpretes e unhas linguaxes innovadoras.
A sipnose das pezas é a seguinte:
Zanzíbar: dúas mulleres proxectan unha viaxe a Zanzíbar, no oriente africano…
Postulantes: a Cidade está aberta. Non hai segredos para ninguén. Todo o que se ocultaba salta co estalar da luz. Todos postulan. Todos queren atinxir… o paraíso?
Noite Pecha: Marta sae a tirar o lixo cando se atopa cunha veciña que a retén con preguntas as que ela non desexa responder. Cales son os segredos que non queren que saiban as veciñas?
A Terraza: nunha terraza con vistas ao mar, dúas amigas esperan a chegada dunha terceira, que ven de viaxar polas illas gregas. Casualmente, un músico chama a atención da recén chegada.
A entrada é libre até encher o aforo. As persoas interesadas en asistiren poden reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621.
*Información achegada desde a Cass-Museo Manuel María.
O martes 5 de marzo celebrarase o concurso de Entroido 2019, co desfile de murgas e comparsas polas rúas da vila ás 18:00h, amenizado coas charangas de Vilalba e Charanga DGT de Betanzos, Río Samba Show e Futurismo Galáctico de Tchyminigagua.
Posteriormente
efectuarase a entrega de premios na carpa institucional da Praza da
Constitución.
O prazo de
inscrición ata o venres 1
de marzo, na oficina de Cultura do Concello, en horario de
mañá, de 09:00 a 14:00
horas, ou ben através da sede electrónica adxuntando a
solicitude de inscrición.
En
caso de condicións climatolóxicas adversas os actos celebraránse na carpa
institucional.
ENTERRO
DA SARDIÑA
O mércores 6 de marzo terá lugar o tradicional Enterro da Sardiña,organizado pola Escola Municipal de Teatro ás 20.30h na Praza da Constitución co acompañamento dun grupo musical. Teremos chocolate con churros para todos.
*Información facilitada pola Área de Cultura do Concello de Vilalba.