Exposición pictórica A ARTE EM LIBERDADE en Silvalde: Ester de Sousa e Sá e Adolfina Mesa

Cartaz do Programa Comemorativo da Liberdade em Portugal 1974 – 2019

A Junta de Freguesia de Silvalde, dentro do seu Programa Comemorativo da Liberdade em Portugal 1974 – 2019, vai inaugurar unha Exposición de Pintura luso-galaica A ARTE EM LIBERDADE. Dita exposición contará con dúas artistas que representarán a cada un destes dous pobos irmáns: Ester de Sousa e Sá, polo lado de Portugal, e Adolfina Mesa, en representación da Galiza.

Colabora a Câmara Municipal de Espinho.

A devandita exposción vai ser inaugurada no dia 25 de Abril a partir das 15:00 horas co seguinte programa (enlace ao convite):

I EXPOSIÇÃO DE PINTURA LUSO – GALAICA EM SILVALDE

Pintoras: Ester de Sousa e Sá e Adolfina Mesa

15h 00: Recepção e porto de honra com momento musical na sala da Assembleia de Junta de Freguesia de Silvade

16h00: Inauguração da exposição com a presença das pintoras no salão da Junta de Freguesia de Silvalde


Vai permanecer aberta ao público no Salão da Junta de Freguesia de 25 de Abril a 9 de Maio

BAILAR NAS NUBES, de Soledad Felloza, un espectáculo de narración oral para público infantil este sábado na Casa-Museo Manuel María

A narradora e actriz, Soledad Felloza, estará este sábado no auditorio da Casa-Museo Manuel María para contar ás nenas e nenos (entre 5 e 10 anos) que se acheguen, e as súas familias, “Bailar nas nubes”.

O espectáculo trata dunha nena que soña con bailar coas nubes mais a súa casa está pegadiña á terra e moi lonxe do ceo. Só a axuda de novos veciños fará que o soño sexa unha realidade. 

As entradas poden reservarse anticipadamente (prezo do billete: 2 euros) a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal

*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María

Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2019

CERTAME DE MICRORRELATOS DÍA DO LIBRO 2019
O Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ, organizan un concurso de microrrelatos que ten como obxectivo conmemorar o Día do Libro 2019 e asemade fomentar na poboación o achegamento á lectura literaria.

BASES

  1. Participación
    a) Poderán concursar todas as persoas que o desexen, calquera que sexa a súa nacionalidade.
    b) Os menores de idade deberán acompañar o microrrelato dunha autorización do pai, nai ou titor/a legal.
  2. Sobre os textos/microrrelatos
    a) Os relatos deberán estar escritos en lingua galega, ser orixinais e inéditos feito do que se responsabilizará o/a autor/a do mesmo.
    b) O tema dos microrrelatos é libre e deberá conter, polo menos unha vez, a palabra libro no corpo do microrrelato.
    c) Cada participante poderá presentar un máximo dun microrrelato.
    d) As obras terán como máximo 100 palabras (título incluído).
    e) Os textos presentaranse co seguinte formato: .docx, Arial, 12 puntos, interliñado 1,15.
  3. Normas sobre o envío de textos
    a) Os microrrelatos enviaranse por correo electrónico ao seguinte enderezo do Concello de Vilalba: patriciateijeiro@vilalba.es
    b) No correo deberá figurar como asunto: Certame de microrrelatos. Infantil/Xuvenil/Adultos (a categoría que corresponda, as cales se detallan no punto 5), e acompañarase de dous documentos (A e B) en formato .docx.
  • Documento A. Nomearase co Título do microrrelato e conterá o texto do microrrelato sen sinatura e baixo un pseudónimo.
  • Documento B. Nomearase do seguinte xeito: Título do microrrelato-Pseudónimo, e conterá os datos persoais da persoa concursante: nome e apelidos, enderezo postal, correo electrónico, teléfono e copia dixital do DNI.
    c) No caso de que o/a concursante sexa menor de idade, xuntarase a maiores unha autorización asinada polo pai, a nai ou o/a titor/a legal cos seus datos correspondentes na que se indique que autorizan á participación e posterior publicación dos datos persoais dos menores, así como, á difusión dos microrrelatos e fotografías de ditos participantes coa única finalidade de darlle publicidade ó certame. Cada participante menor de idade entregará esta autorización debendo usar o modelo que aparece no ANEXO recollido a continuación das bases destes certame (en pdf editable).
    d) Os relatos recibidos sen identificación ou con identificación incompleta quedarán automaticamente eliminados do concurso.
  1. Período de presentación
    O prazo para a presentación de textos estará aberto desde as 00:01 horas do 3 de abril ata as 23:59 horas do 3 de maio de 2019.
  2. Categorías
    Establécense tres categorías
    Infantil: ata 11 anos
    Xuvenil: de 12 a 17 anos
    Adultos/as: a partir dos 18 anos
  3. Premios
    a) Distribuiranse tres premios por cada unha das categorías
    Infantil
  • Primeiro premio: diploma, figura conmemorativa, lote de libros e material escolar.
  • Segundo premio: diploma, figura conmemorativa e lote de libros.
  • Terceiro premio: diploma, figura conmemorativa e lote de libros.
    Xuvenil
  • Primeiro premio: diploma, figura conmemorativa, lote de libros e tablet.
  • Segundo premio: diploma,figura conmemorativa e lote de libros.
  • Terceiro premio: diploma, figura conmemorativa e lote de libros.
    Persoas adultas
  • Primeiro premio: diploma, figura conmemorativa, lote de libros e 300 euros.
  • Segundo premio: diploma, figura conmemorativa, lote de libros e 200 euros.
  • Terceiro premio: diploma, figura conmemorativa, lote de libros e 100 euros.
  1. Xurado
    a) O xurado estará formado por tres membros designados previamente e vencellados ós eidos da cultura e da educación. Terá facultades plenas para decidir as persoas gañadoras e a súa decisión será inapelable. Poderá declarar deserto algún dos premios se así o considera. A composición deste farase pública canda a resolución do premio.
    b) O xurado reserva para si o dereito a non admitir aqueles microrrelatos que atenten contra os dereitos á intimidade, á honra e á propia imaxe de terceiros ou que conteñan, a modo enunciativo pero non limitativo, connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios obscenos, difamatorios ou calquera outros que atenten
    contra a dignidade e/ou a orde pública.
  2. Comunicación do resultado do certame
    a) A decisión do xurado darase a coñecer o día 7 de maio de 2019 a través das páxinas web das entidades convocantes, www.vilalba.org e www.culturaliagz.com, e nas súas redes sociais, así como, o nome dos seus integrantes. Debe advertirse que só que coñecerá a identidade dos participantes unha vez que o xurado teña tomado a súa deliberación final.
    b) A organización comunicará mediante chamada telefónica os premios ás persoas gañadoras no mesmo día da resolución do certame por parte do xurado.
  3. Entrega de premios
    A cerimonia de entrega de premios ás persoas gañadores realizarase nun acto que terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o 10 de maio de 2019. Acto ao que serán convidados/-as os/as premiados/-as, ou persoa en quen deleguen, para recoller os seus galardóns. Neste acto, darase lectura ós microrrelatos gañadores.
  4. Publicación
    a) A organización do certame publicará os microrrelatos gañadores nas súas páxinas web, www.vilalba.org e www.culturaliagz.com, a partir da semana seguinte á entrega de premios para que poidan ser lidos polas persoas que o desexen. Coa participación neste certame, os/as responsables destes microrrelatos autorizan ó Concello de Vilaba
    e a Culturalia GZ á difusión dos mesmos é a do nome do seu creador/a na súa páxina web e/ou ou nos medios que consideren oportunos. No caso dos participantes menores de idade, achegarán a devandita autorización do pai, da nai ou do titor/a legal. A organización respectará, en todo caso, os dereitos morais que os/as autores/as posúan sobre as súas obras.
    b) Os microrrelatos que non obteñen ningún tipo de premio, destruiranse unha vez rematado o certame.
  5. Tratamento de datos persoais
    En cumprimento do previsto na Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal (LOPD) e o Real Decreto 1720/2007, de 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da LOPD, os datos das persoas participantes serán incorporados a un ficheiro responsabilidade de
    do Concello de Vilalba, coa única finalidade de xestionar os premios desta promoción e de contactar coas persoas gañadoras para enviarlles os premios. En ningún momento se empregará esta información para ulteriores promocións.
    Os autores e autoras poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, oposición e cancelación dirixíndose ás oficinas do Concello coa súa solicitude de fotocopia do DNI.
    O Concello de Vilalba comprométese a tratar en todo momento os seus datos de carácter persoal de forma absolutamente confidencial e de acordo coas finalidades previstas nas presentes bases.
  6. Observacións
    a) A organización do certame ten a capacidade de decidir sobre a interpretación das bases en última instancia ou sobre a súa modificación en caso de erro sendo a súa decisión inapelable.
    b) O certame poderá declararse deserto se os microrrelatos participantes non acadan a calidade necesaria, segundo o criterio do xurado.
    c) O feito de participar neste certame implica a total aceptación das súas bases.

Descargar Bases e Autorización

O Galician Film Forum de Londres celebra a súa décima edición

Galician Film Forum celebra a súa décima edición coa estrea de ‘Tódalas mulleres que coñezo’ no Reino Unido e coa proxección de ‘Matria’ (Enlace á nota de prensa)

●      ‘Tódalas mulleres que coñezo’, de Xiana do Teixeiro, é un documental sobre espazo público, xénero e violencia que se articula arredor de tres conversas

●      ‘Matria’, de Álvaro Gago, é unha curtametraxe multipremiada sobre a incomunicación e o falso mito do matriarcado galego

●      A cita será o venres 5 de abril, a partir das 19 horas, no King´s College London, con entrada gratuíta

●      Ao rematar a proxección haberá un coloquio con Álvaro Gago, presente no evento

O Galician Film Forum (GFF) celebrará a súa décima edición cun programa dobre que incluirá a estrea no Reino Unido do documental Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Texeiro, e a proxección da curtametraxe Matria, de Álvaro Gago. A actividade terá lugar o venres, 5 de abril, na universidade King´s College London [19 h, Edmond J Safra Theatre, Strand Campus, WC2R 2LS]. Ademais, tras as proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio con Álvaro Gago, que se desprazará a Londres para participar nesta edición.

Coma decote, ambas as dúas obras proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e mais en galego. A entrada do evento é gratuíta, mais cómpre reservala con antelación neste enlace. Esta edición do GFF conta co apoio do Departamento de Spanish, Portuguese and Latin American Studies do King´s College London, co patrocinio de ABANCA e coa colaboración da Oficina para Asuntos Culturais e Científicos da Embaixada de España en Londres.

O documental Tódalas mulleres que coñezo recolle tres discusións interconectadas sobre violencia, xénero e espazo público. Na primeira delas, cinco amigas comparten vivencias nunha conversa íntima que se grava e amosa nunha xuntanza de mulleres e, máis tarde, nunha clase de bacharelato. O resultado final son tres conversas femininas de distintas xeracións que comparten experiencias e sensacións sobre espazo público, xénero e violencia.

Con este particular diálogo sobre o diálogo rodado en branco e negro, a directora busca articular un discurso sobre o medo que non fomente o medo, un discurso sobre a violencia que non resulte violento. Unha historia, en definitiva, de sororidade universal que persegue, á súa vez, alentar novas conversas tras o seu visionado.

Dende a súa estrea, o documental de Xiana do Teixeiro proxectouse en numerosos festivais nacionais e no Cinespaña de Toulouse. Entre os galardóns que obtivo figuran o Premio do Público de Primavera do Cine de Vigo, o Premio do Público e o Premio DOCMA de Alcances – Festival de Cinema Documental de Cádiz, e o Premio Screenly de Documenta Madrid. Tamén conseguiu a Special Mention Feature Doc do Evolution Mallorca International Film Festival e a Mención especial do xurado de OUFF – Festival de Cinema Internacional de Ourense.

Premio en Sundance

Pola súa banda, Matria chega ao GFF co aval que supón ser un dos títulos máis recoñecidos do audiovisual galego, con galardóns tan destacados como o Gran Premio do Xurado do Festival de Sundance, o de mellor curtametraxe española da Seminci de Valladolid ou os premios á mellor película e actriz obtidos en Alcine, o Festival Internacional de Alcalá de Henares, por citarmos algúns dos máis de sesenta que logrou no seu triunfal percorrido por festivais nacionais e internacionais.

Un impresionante palmarés para unha obra sobre a incomunicación que desmonta o mito do matriarcado en Galicia a través dun día na vida de Ramona, traballadora dunha conserveira. A cámara segue a protagonista amosando de xeito case documental os elementos da súa rutina cotiá: o cansazo, a incomunicación no traballo e no fogar e o refuxio na complicidade coa súa filla e mais a súa neta.

Os directores

Xiana do Teixeiro é unha cineasta interesada no relato íntimo, a identidade, a construción do xénero e a ecoloxía. Tamén é doutora e investigadora en Comunicación Audiovisual, creadora, produtora musical e cofundadora da produtora Walkie Talkie Films. Con Estrada dunha soa dirección gañou o Proxecto X Films do Festival Punto de Vista 2015 (Navarra). Actualmente está inmersa en Proxecto Diario, unha investigación artística e película en produción sobre o diario íntimo feminino adolescente. Tódalas mulleres que coñezo (2018) é a súa primeira longametraxe.

Álvaro Gago estudou Comunicación Audiovisual e Piano en Galicia antes de se mudar a Chicago, onde se formou en actuación e dirección de teatro na North Park University. Máis tarde trasladouse a Londres, onde se graduou na London Film School coa curta Curricán (2013). Profesionalmente, compaxina a súa faceta de director coa montaxe e a docencia de cinema. Recentemente acaba de rematar a rodaxe da súa nova curta, 16 de decembro, e está a preparar o guión da súa primeira longametraxe.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

·       Entradas: ttps://gff10.eventbrite.co.uk

·       Tráiler Tódalas as mulleres que coñezo: https://vimeo.com/259662483

·       Tráiler Matria: https://vimeo.com/236112975